Este estudo feito coa documentación do arquivo do Exército de Terra en Ferrol, onde se almacenan as causas militares que se instruíron contra os defensores do goberno republicano na provincia da Coruña amosa as cifras e as acusacións que os propios represores manexaron no seu momento. Debúxase con elas un plano elaborado e frío para espallar o medo e asentar o golpe de estado en Galicia. Engádese para descarga a base de datos das Causas Militares pertencentes á Xurisdicción da terra entre xullo de 1936 e 1939 da provincia da Coruña.
25 / 6 / 2007
Gustavo Hervella.Santiago A represión política que se levou a cabo en Galicia entre o 18 de xullo de 1936 e o 1 de abril de 1939 foi estudada, nos últimos tempos, desde diversos puntos de vista: tanto desde o das vítimas como desde os documentos que os propios represores elaboraron. O estudo que agora presentamos baséase precisamente neste tipo de información, a dos asasinos. Anos de odio é unha pescuda realizada no arquivo do Exército de Terra en Ferrol, onde se almacenan as causas militares que se instruíron contra os defensores do goberno republicano e que son agora amosadas, do mesmo xeito que o investigador Julio Prada fixera para Ourense anos atrás. O encargado de dirixir ao grupo de investigadores da Universidade de Santiago de Compostela nos traballos históricos foi o profesor Emilio Grandio, coñecedor dos avatares e da problemática que este tipo de documentación presenta.
O traballo está dividido en tres partes, seguindo precisamente a división que os golpistas de 1936 estableceran para exercer o control da provincia. Así, Eliseo Fernández estuda a bisbarra de Ferrolterra, Eduardo Rey a de Compostela e o propio Grandío a de Coruña. Preséntase, deste xeito, un estudo xeral da política represiva da provincia, comezando pola capital e logo polas cidades máis importantes ao establecérense nelas os delegados de orde pública.
O exercicio da represión
O proceso depurador da sociedade que levaron a cabo os golpistas, tanto o exército como os civís agrupados en diferentes asociacións paramilitares, realizouse dun xeito sistemático e frío. Tal como sinalara o xeneral Mola, a represión debía ser brutal e exemplificadora; e foino. Os represores sabían a quen mataban, onde deixaban o corpo e o poder simbólico que a súa acción tiña: atemorizar á sociedade ata deixala inmobilizada. A implicación da igrexa, dos mandos e das elites políticas conservadoras, así como de certos sectores da sociedade civil converteron a Galicia, un territorio sen fronte de guerra, nun ermo. E todo isto atendendo a unha "legalidade" específica, a dos que estaban a practicar as torturas, os asasinatos, os paseos, os roubos e as violacións. As acusacións instruídas contra os republicanos eran falsificadas, apuntaladas con testemuñas de curas ou falanxistas de vella ou nova militancia, o que facía da defensa do encausado unha tarefa pouco menos que imposible. Os detidos eran "comunistas peligrosos", "socialistas revolucionarios" ou "jefes del Frente Popular de la localidad", o que incrementaba a súa perigosidade para o novo réxime e sinalaba, aínda máis, a súa morte como exemplo para a localidade. Esta maquinaria represiva aplicou termos como "sublevación militar" para xulgar aos defensores da legalidade, xa que a verdadeira España era a que eles encarnaban:
"O que subxacía no plantexamento inicial destas causas non era a presunción de inocencia, indispensable en calquera sistema que se prece de ter garantías xurídicas, senón que o que había que demostrar era precisamente o contrario (...) A manipulación da linguaxe xurídica co propósito de variar e darlle a volta a toda estructura de defensa foi un feito común desde o principio" (p. 168).
A vinganza, entendida como a persecución dos que anos atrás deberan ser os perseguidores na provincia da Coruña e, por extensión en Galicia, non tiña razón de ser xa que isto non acontecera. Son coñecidas as patrullas de milicianos que, horas despois do golpe, se dedicaron a protexer as vivendas de destacados dereitistas ou os propios edificios relixiosos. No territorio galego foron practicamente inexistentes as persecucións aos elementos da dereita durante o réxime republicano e, cando se producía algunha, as forzas de orde pública actuaban en consecuencia. A barbarie, a masacre, a limpeza humana que se levou a cabo desde agosto de 1936 en Galicia é bo exemplo da actitude destes novos gobernantes, equiparables sen lugar a dúbidas aos nazis, fascistas e stalinistas. Evidentemente, non existen escusas posibles ante o asasinato, pero estamos acostumados e ler novas sobre axustes de contas entre contendentes dunha guerra, incluso na confrontación bélica española. Sen embargo, isto non pode nin debe ser aplicable a Galicia neste intre.
Estudo microhistórico
Tanto Grandio Seoane como Rey Tristán e Fernández Fernández realizan un estudio diacrónico dos feitos acaecidos no territorio coruñés desde agosto de 1936 ata abril de 1939. As persecucións xa comezan no intre do golpe de Estado, pero o control definitivo do territorio fainas aumentar exponencialmente desde o verán. Do mesmo xeito, aínda que a represión vai máis alá do fin da guerra, estendéndose durante toda a ditadura, certamente desde 1939 o número de causas militares descende abundantemente, como tamén se sinala no texto: " O réxime franquista defínese en boa parte por tres elementos de continuidade, que o caracterizan nos case corenta anos do réxime, aínda que con distintas intensidades: a fidelidade a Franco, o poder asfixiante da igrexa católica e a impunidade que provoca o terror da violencia por motivos políticos". (p. 83).
Os autores realizan un estudio microhistórico, atendendo aos feitos represivos nas comarcas coruñesas polo miúdo, concello a concello, establecendo unha xeografía da represión que supón un avance a este respecto neste tipo de traballos, realizando unha completa análise dos efectos da represión, sobre que segmentos poboacionais se exerceu e que consecuencias tiña para a sociedade civil. A ruptura do progreso social no que estaba inmersa Galicia desde comezos de século foi evidente, e así se nos amosa.
Non podemos esquecer que, xunto ao estudio ao que nos vimos referindo, o libro é acompañado dun CD co baleirado completo das causas militares de terra da provincia da Coruña (evidentemente aquí non están reflectidas as de Mariña, que suporán un número parello de represaliados), onde se poden realizar consultas por ano, nome do ou da represaliada, concello do delicto ou a praza no que se encausou.
Estamos, pois, ante un traballo moi importante para a historiografía galega, que acompaña aos das provincias de Lugo e Ourense e aos que están a ver a luz para Pontevedra. Estas son as cifras que os propios represores manexaron no seu momento, o que as converte, con todas as reservas posibles, en números cun alto poder simbólico xa que son os galegos que, directamente, sufriron a represión e ao tempo os que confirman de xeito evidente a magnitude do horror que supuxo o golpe de estado franquista en Galicia.