Foi Galicia un país celta? No século XIX o celtismo serviu de base para a construción da identidade galega. Progresivamente desprestixiado ao longo do século XX, nos últimos tempos novas liñas de investigación teñen actualizado o seu estudo. Esta de Antonio Balboa é unha obra de referencia para un primeiro achegamento a esta controvertida etapa do noso pasado constituíndo un bo estado da cuestión do coñecemento actual da materia.
9 / 7 / 2007
Xurxo M. Ayán. SantiagoEn 1953 publicábase en Santiago “La Civilización Céltica en Galicia”, a grande obra de síntese de F. López Cuevillas, o pai da arqueoloxía galeguista. O editor santiagués dese volume histórico, Porto, recoñeceu tempo despois que fora decisión súa inclui-lo termo celta no título porque resultaba suxerente ao grande público e era unha garantía para acadar réditos comerciais. Hoxendía ocorre exactamente o mesmo. A Galicia celta vende, sexa como referente identitario, como recurso turístico ou coma fonte inesgotable da paraciencia e da literatura. Dende o século XIX a asimilación do paradigma céltico polas comunidades galegas na emigración, polo movemento rexionalista e polo imaxinario colectivo chantaron as bases do enorme éxito popular co que conta esta perspectiva do pasado protohistórico do noso país.
Esta visión do celtismo “dende abaixo” non atopou nos últimos tempos a súa correspondencia no eido da Academia e da investigación científica, constatándose en Galicia un enorme paradoxo neste sentido: os especialistas non son capaces (ou non queren) dar despostas aos lexítimos interrogantes que sobre o seu pasado celta se plantexa a sociedade galega. Esta asimetría obsérvase claramente na evolución da disciplina arqueolóxica dende a postguerra. Trala obra citada de Cuevillas e do labor continuado polos intelectuais históricos do galeguismo cultural (X. Lorenzo, A. Fraguas, F. Bouza Brey, V. Risco…) a xeración formada academicamente nos anos 60 abriuse a un anticeltismo furibundo, na precura de acadar unha cientificidade, un método, un rigor que conferise capital simbólico e prestixio social á Nova Arqueoloxía galega. Daquela é a famosa frase que C. Alonso del Real repetía nas súas clases na USC: os únicos celtas que hai en Galicia son os do paquetes de tabaco e mailo Celta de Vigo.
Grazas á Teoría da Ciencia sabemos que o feito de privilexiar un obxecto de estudo nun momento determinado depende dos contextos sociais, das modas e do dominio académico dun determinado paradigma científico. Os cambios xeracionais na Academia envólvense cun falso traxe de ruptura co anterior, de avance tecnolóxico e de supostos avances do coñecemento. Agora mesmo o tema, seguindo un ciclo de voltas e reviravoltas, volve á plena actualidade tras unha longa noite de pedra.
Ao contrario que na Arqueoloxía, na moderna Historia Antiga de Galicia o estudo sistemático sobre a celticidade galaica estivo presente na axenda de traballo grazas á liña de investigación seguida por J. C. Bermejo Barrera na USC dende finais dos anos 70 e continuada polos seus discípulos M. V. García Quintela, B. Fernández-Albalat, R. Brañas, F. J. González García, L. Castro, A. Balboa e outros, cuxas obras se atopan á disposición do público xeral en tódalas librarías do país, grazas ao notable labor de divulgación que este grupo de investigadores fixo co gallo de facer chegar á sociedade os resultados do seu traballo.
Estado da cuestión
Nestas coordenadas ubícase “A Galicia celta” de A. Balboa publicado na pequena, pero activa, editorial Lóstrego, por el mesmo dirixida. En realidade o volume compendia e amplía outras pequenas monografías do mesmo autor, nas que debullaba aspectos concretos da (suposta) Galicia celta (A relixión, A guerra). En liñas xerais, a obra constitúe un bo estado da cuestión do coñecemento que actualmente se ten sobre esta polémica arqueohistórica, facéndose eco das últimas aportacións ao tema. Neste senso o autor, antes de posicionarse a prol ou en contra (ou as dúas cousas) aplica sistematicamente un filtro ao rexistro arqueolóxico, ás fontes epigráficas, iconográficas e literarias antigas, sen perder de vista nunca o contexto da Hispania indoeuropea e da Europa céltica. Este metódico achegamento permítelle critica-la visión anticeltista tradicional (orixinada nos anos 60) das comunidades da Idade do Ferro do Noroeste. Esta visión defendía a existencia dun igualitarismo social, negaba validez ao valor da guerra e o seu papel na propia aparición da paisaxe fortificada, da propia xénese do mundo dos castros, e consideraba as grandes manifestacións monumentais (estatuas de guerreiros, monumentos con forno, ordeamento urbanístico) como elementos tardíos froito da influencia romana e carentes de todo trasfondo simbólico. Sería o resultado dun enfoque que defendía (velaí está a tese de F. Calo) o vangardista anceio da arte pola arte, concepto difícilmente aplicable a unha sociedade premoderna de hai máis de dous mil anos, e na que a relixiosidade e a cosmoloxía gobernaba tódas facetas da vida cotiá.
A angueira de rigorosidade, de sistematizar e analisar tódalas evidencias disponibles é, paradoxicamente, un dos chanzos básicos da obra e, á súa vez, unha das súas eivas, xa que racha totalmente co plantexamento didáctico e divulgativo asumido de partida. Incluso para un arqueólogo ou historiador familiarizado co tema, a leitura dos capítulos adicados á relixión (cap. III) e maila lingua (cap. V) resultan en extremo detallados e inzados de referencias eruditas, con lecturas epigráficas e debates sobre etimoloxía/onomástica. Dende o meu punto de vista, o público xeral agradecerá a presentación de datos e o estilo directo e sintético seguido nos capítulos sobre a sociedade (cap. II) e maila guerra (cap. IV), as dúas mellores aportacións da obra.
No tocante ao enfoque historiográfico asumido polo autor, faríase necesaria unha mellor definición do obxecto de estudo, botándose en falta unha xustificación sobre, por exemplo, o emprego do concepto de cultura castrexa. Asemade, a utilización reiterada do termo indíxena remite ao discurso colonial no que se apoia precisamente o paradigma tradicional que se tenta combater cientificamente. Doutra volta, contrastando coa sistematicidade da que se fai gala en todo o volume, bótase en falta un percorrido polas diferentes hipóteses sobre o significado do C invertido (xa que a súa identificación con castellum non é asumida por toda a comunidade científica), unha referencia aos avances no estudo de novos santuarios rupestres da Idade do Ferro así coma un emprego máis amplo e non tan puntual do notable e amplo rexistro arqueolóxico exhumado nos castros galegos nos últimos anos.
Con todo, “A Galicia celta” é unha obra de referencia para todo aquel que precure un primeiro achegamento a esta etapa do pasado, sen gañas de caír nos panfletos e nos manuais excesivamente apaixoados. Cremos que a Arqueoloxía non é unha ciencia, senón unha prática interpretativa, pero que se pode obxectivizar na medida do posible. Este anceio é levado á prática por A. Balboa nun libro que defende a búsqueda dunha terceira vía (cousa difícil nos tempos que corren) que supere a distancia insalvable entre o anticeltismo, o celtoescepticismo, o filoceltismo e mailo celtismo sen límite ao estilo de Cuarto Milenio. Así e todo, a Arqueoloxía non debe esquecer aquilo que dixera Álvaro Cunqueiro no seu discurso Tesouros novos e vellos:
Na aspereza da vida cotiá, soñar é necesario.
E a Galicia celta segue axudando a soñar a moita xente, e a ergue-la economía do país. Para que despois digan que as Humanidades non valen para nada.