Este libro inserido na recuperación da memoria histórica do golpe de Estado de 1936 e a represión que o seguíu durante décadas, recrea os terribles momentos dos paseos e dos paseadores; o papel dos militares; unha visión sobre os campos de concentración en Galicia, cunha descrición detallada de San Simón; o papel da Igrexa católica; a solidariedade do pobo; a reparación dos danos morais con esta mesma recuperación da historia tal e como foi.
24 / 9 / 2007
Gustavo Hervella.Santiago
A editorial Xerais vén de publicar un libro onde se reflexiona sobre a represión franquista levada a cabo nun dos campos de concentración máis duros e abominables dos que se estableceron en Galicia nos anos de terror da Guerra Civil: o Lazareto de San Simón. En “Episodios de terror durante a Guerra Civil na provincia de Pontevedra. A illa de San Simón”, os autores reflicten con datos contrastados como era a vida, e tamén a morte neste espazo, que como moi ben sinalan “ao tempo, é dunha beleza natural incomparable”.
Para a realización deste traballo, pescudaron nos rexistros civís da provincia, na documentación que se custodia nos arquivos militares de Ferrol e na fonte oral. É precisamente esta última faceta a que máis sobresae do estudo, xa que se realizan varias entrevistas aos protagonistas do cativerio, os que tiveron que vivir en condicións infrahumanas neste espazo insular do concello de Redondela.
As novas achegas á investigación
Certamente, foron moitas as propostas literarias referentes á guerra civil en Galicia que nestes últimos meses encheron as librerías do país. Esta, neste aspecto, sería unha máis. A novidade está en que mostra ao lector un listado moi completo e exhaustivo (aínda que con algunha eiva) dos presos que entre 1936 e 1943 habitaron estas illas. Así, as páxinas finais do traballo son un compendio de nomes, tanto os propios prisioneiros, como os que por diferentes causas morreron alí, sendo soterrados nos cemiterios da comarca (Redondela, Mos ou Vigo). Xunto a isto, tamén sinalamos como unha achega ao debate historiográfico que sobre o tema se desenvolve no estado; o feito de comparar o procedemento de exterminio do opositor promovido polos franquistas ao que máis adiante levaron a cabo os nazis e as ditaduras sudamericanas. Isto, que non é novo, (Francisco Espinosa, investigador andaluz, teno expresado en diferentes auditorios) si que o é para Galicia: “...e preferiu meter aos vellos en San Simón para desfacerse deles de forma barata. Acaso non era tamén a doutrina que seguían os alemáns por aquel entón, de desfacerse dos que non servían?” ou “...golpe militar de 1936, é interesante pararse nas propostas de euxenesia positiva da hispanidade, teorías do doutor Antonio Vallejo Nájera, un home abertamente influenciado polas teses nazis da mellora e selección da raza aria...”.
A destrución da sociedade civil
Co golpe de estado de xullo de 1936 o que se pretendeu foi descabezar á sociedade progresista da España do momento. Tras diversos intentos, a maior parte frustrados pola reacción conservadora durante a monarquía alfonsina, o 14 de abril de 1931 a intelectualidade ten o poder nas súas mans, e pretende modernizar as estruturas do país e, en menos medida, á xente que de feito e na vida diaria xa o estaba. A sindicalización, a asistencia a eventos deportivos, as lecturas, a arte, o cine, ou o que hoxe en día denominamos “prensa rosa”, eran elementos cotiás na sociedade modernizada dos anos trinta. A igrexa, exemplo máximo de coartación de liberdades, unha parte do exército (nomeadamente os grados inferiores; como sostén o catedrático Lourenzo Fernández Prieto, en Galicia o golpe foi de coroneis) e os políticos de “berce” que herdaban os cargos e non competían por eles, propiciaron e alentaron un cambio de rumbo do estado aplicando a máxima violencia posible, infrinxindo un terror paralizante na poboación, e sostendo mediante o medo, un sistema político antidemocrático en todas as posibles lecturas que se lle fagan. O maior exemplo disto foi o sistema penitenciario, que en Galicia, ao ser un territorio dominado practicamente desde o mesmo momento do golpe, foi o escenario de ensaio idóneo para aplicar as medidas que, no transcurso da contenda, se realizarán noutras zonas de España.
E todo se fixo mediante a aplicación dunha particular xustiza, como sinala Ángela Cenarro: “...la novedad que trajo la sublevación militar de 1936 fue que la fidelidad a la República pasó a convertirse en delito, y el golpe de estado que termina en guerra civil, al terminar con el Estado de derecho, impuso, lo que, según expresión de Serrano Suñer, se dió en llamar la justicia al revés”.
A presenza dos verdugos
Seguindo coas achegas que este libro fai, destacamos as listaxes de verdugos, nun intre en que na Galicia actual se están a dirimir denuncias a historiadores por dar nomes dos “supostos” asasinos: o caso de Dionisio Pereira en Cerdedo, Fabien Garrido no Grove ou a problemática que Anxo Rodríguez Gallardo atopou nos rexistros civís de Pontevedra e Vigo, son algunhas delas. Tanto Amoedo como Gil Moure ofrecen un listado completo daquelas persoas que se fixeron coñecidas pola súa extrema crueldade na provincia. Son os Bugarín de Tui, Lis Quibén de Pontevedra, Gutiérrez de Cerdedo, Fontán Comesaña de Vigo, López Durán de Vilagarcía..., un total de 165 persoas que, segundo eles, actuaron impunemente en toda a provincia.
A illa
San Simón e San Antón foron escenario de torturas, xuízos sumarísimos, fusilamentos, mortes por inanición ou torturas. Quen hoxe visite este espazo non terá constancia ningunha de que isto foi así. As pegadas que sinalaron o campo de concentración foron borradas, tanto polos gobernos da ditadura franquista como polos autonómicos. Hoxe en día as illas semellan un espazo de luxo e pracer, estimulado sobre todo polo tratamento arquitectónico e a política gobernamental que nos últimos anos se aplicou. Precisamente o último capítulo do libro incide nisto, e nos movementos veciñais que en Redondela e en concellos limítrofes se levaron a cabo para rematar con esta situación.
Xa pasaron máis de 70 anos desde que uns militares se levantasen en armas contra a legalidade republicana; é tempo de poder dicir os nomes dos que morreron, dos que sufriron torturas e se viron privados de liberdade. Tamén, é o tempo de sinalar, para vergoña da sociedade que os xustificou e xustifica, quen eran os asasinos e os métodos que empregaron para cometer as falcatruadas que están na memoria de todos. Isto, tan só é para honrar aos mortos e vilipendiar aos verdugos. Unha sociedade democraticamente madura ten a obriga de asumir o seu pasado, estudalo e darlle ás xeracións futuras exemplos de convivencia para poder aplicalos na vida cotiá.