"Episodios de terror durante a Guerra Civil na provincia de Pontevedra. A illa de San Simón" de Gonzalo Amoedo e Roberto Gil é un libro de pescuda, de síntese e recuperación da nosa memoria histórica. Os autores sintetizan todo o que se leva escrito até o de agora sobre o período da Guerra Civil na provincia de Pontevedra, centrando o libro arredor do campo de concentración da illa de San Simón e a súa colonia penitenciaria. "Episodios de terror" recupera máis de catro mil nomes de perdedores da Guerra Civil, incorporando tamén os nomes das persoas que asinaron as sentenzas ou as dos que, segundo testemuños orais e investigacións, actuaron como asasinos nas estradas. Este libro recrea os terribles momentos dos paseos e dos paseadores; o papel dos militares; unha visión sobre os campos de concentración en Galicia, cunha descrición detallada de San Simón; o papel da Igrexa católica; a solidariedade do pobo; a reparación dos danos morais, e outros moitos aspectos que o fan un libro imprescindible no proceso de recuperación da memoria histórica. [Presentación editorial]