Unha obra que toma como punto referencial o antes e o despois de xullo de 1936, primeiro no tempo de esperanza da II República e, despois, no estudo dos feitos criminais impulsados polos alzados en armas contra a legalidade constitucional. Unha fase da historia compartida que agora é estudada a través da óptica local.
13 / 2 / 2006
Gustavo Hervella.Santiago No ano dedicado á Memoria, ve a luz este libro que trata sobre un período convulso da recente historia de Galicia: a Guerra Civil e mais a Ditadura que se desenvolveu tras dela. Este período de corenta e seis anos explícasenos a través da vida diaria da comarca ourensá de Valdeorras, unha das más destacadas da provincia tanto desde o punto de vista económico, como social e político pero que, sen embargo, carece de estudos relacionadas coa historia máis recente. Destaca neste aspecto os realizados polo Instituto de Estudios Valdeorreses, que abranguen tanto ensaios históricos como naturais ou literarios. Por todo isto, é grato poder achegarnos ó devir da bisbarra a través da editorial A Nosa Terra, afincada en Vigo e que non se achegara de xeito detido ós temas valdeorreses. Así mesmo, o autor, aínda que nacido no Barco, desenvolve a súa labor profesional en Cataluña, o que repercute positivamente no desenvolvemento do libro, achegándose coa mirada menos contaminada ós feitos que narra.
No tocante á obra, conta co mérito que aínda voluminosa, é accesible á lectura, cunha narración amena e contrastada en todos os argumentos e datos que ofrece. Estuda, concello a concello, os acontecementos acaecidos na comarca desde a proclamación do réxime republicano en 1931 ata as primeiras eleccións democráticas da Segunda Restauración borbónica en 1977. Cada capítulo é introducido pola reflexión xeral realizada para o escenario español e galego, para despois achegarse ás reaccións que acontecen en cada un dos municipios analizados. Ofrécesenos nomes tanto de políticos republicanos como da Ditadura, establecendo as relacións pertinentes entre as diferentes familias de cada localidade, o que nos permite adiviñar a rede clientelar que se estableceu desde finais dos anos vinte, durante o Franquismo e os primeiros anos da Transición. Destaca neste aspecto a persoa de Julio Gurriarán Canalejas, que foi alcalde do Barco desde os anos cincuenta, deputado provincial e senador xa na década de 1980 ou José Quiroga Suárez, nacido en Petín, mutilado na Guerra Civil, membro do somatén valdeorrés, alcalde da Rúa, conselleiro e posteriormente presidente da Xunta preautonómica, senador coa U.C.D e un dos fundadores da extinta Coalición Galega.
Interesante e, ata certo punto novidosa neste tipo de traballos, resulta a estrutura narrativa, xa que non utiliza as etapas históricas clásicas que fan referencia ós períodos políticos, senón que opta por un estudo temático. Así, comeza coa II República, a Guerra Civil e a represión, para seguir coa análise dos aparatos de dominación: A Falanxe, a Igrexa, os medios de Comunicación e os concellos. Logo atende ás bases económicas da Ditadura para rematar reflectindo os pasos dados pola oposición. Esta forma de enfrontase ó feito histórico é moi interesante porque non compartimenta os acontecementos e as relacións que entre eles se establecen, senón que os estende no tempo, afirmando, deste xeito, por unha banda a súa continuidade e por outra a paulatina transformación de determinadas actitudes de persoeiros que cambiaban a súa forma de actuar a medida que o Réxime evolucionaba.
Guerra e represión
As novas achegas ó período republicano e ditatorial en Galicia están a destruír o mito que negaba a existencia de enfrontamento armado nesta terra. O presente libro acerta incidindo neste feito, e así sinálase o combate que se produciu en Vilamartín entre o 18 e o 21 de xullo e que tivo como consecuencia a morte dun Garda Civil e a queima da igrexa parroquial. Tamén se remata con teses que recentemente algúns libros amosan e que igualan a represión exercida nos dous bandos. En Valdeorras, mentres a legalidade republicana sometía a xuízo a un membro do Fronte Popular por tirotear a un falanxista en 1936 en Viloira, as novas autoridades franquistas fomentaban a delación, os axustizamentos e paseos, así como as incautacións forzosas. Si Abdón Blanco, alcalde galeguista do Barco, negoulle armas ós republicanos co fin de manter a orde, Emiliano Gayoso e Ramón Casanova fomentaron o uso das mesmas entre os pistoleiros que estaban ó seu mando, como responsables da Falanxe local da Rúa. O mesmo acontece coa actitude da Igrexa, principal elemento represivo, con persoeiros como o cura de Fontei Germán Jáñez que non só emitía os informes morais esixidos polas autoridades dos seus fregueses, senón que se excedía ofrecendo outros onde implicaba a habitantes doutras parroquias. Así, a mediados dos anos trinta, un grupo de persoas que traballaban na estrada da Rúa a Quiroga é acusada de roubar o badalo da igrexa de Roblido; Félix García afirma: “Durante a Guerra Civil, o crego de Fontei, Germán Jáñez, acusou diante dos tribunais militares de seren os instigadores do incidente a algúns membros da corporación municipal ruesa”, esta delación carrexou a morte dalgúns deles. No mesmo caso está o párroco de San Miguel de Outeiro Jesús Pascual que, “participou nas denuncias posteriores contra os seus fregueses”. Xunto a estes actos, a destrucción do mausoleo de Telesforo Ojea en San Esteban ou a multa á familia do médico barquense José Nuñez por terlle feito un enterro civil en 1934 son feitos que mostran claramente cal ía ser a actitude eclesiástica nos anos seguintes.
Os anos da fame
Os anos corenta e cincuenta son os coñecidos como os “da fame negra”; nunca antes na historia de España se catalogara así un período. A posguerra foi das máis longas na Europa do século XX. A represión e o medo foron os sentimentos constantes da poboación, lembremos que a Ditadura impúxose tras unha cruel guerra, o que significa que unha boa parte da poboación era contraria; en réximes análogos, como a Italia de Mussolini, a Alemaña de Hitler ou o Portugal de Salazar, non fixo falla unha confrontación para impoñérense os gobernos autoritarios. Así, unha das máximas do franquismo foi aplacar calquera indicio democrático entre a poboación, foi por isto que os corpos docentes, funcionariais e profesionais liberais sufriron dun modo especial a represión. Co proceso de desenvolvemento económico, sobresae no estudo o enriquecemento de persoeiros ó amparo do poder como o alcalde de Carballeda, Leoncio Fernández que “se converteu durante estes anos nun dos maiores valedores do sector pizarreiro a través da propiedade de varias empresas”.
O ensaio presenta dúas inconcrecións destacadas. En primeiro lugar , non estuda os concellos do Bolo e Larouco que sempre tiveron unha relación especial con Valdeorras e hoxe forman parte da bisbarra, e por outra deducimos polo título que a Ditadura franquista durou ata 1977, dous anos despois de morto Franco, cando a maioría dos especialistas rematan este período en 1975. Por último, sinalar que existen eivas bibliográficas referentes a estudos recentes sobre estes anos en Ourense e mesmo en Valdeorras, así como do período republicano en Galicia que estrañamente non son citados polo autor. Así e todo, esta investigación convértese en referente para achegarnos a un período difícil de Galicia a través das pescudas nunha zona determinada, o que significa que a historia local é un arma precisa e interesante á hora de achegarnos a acontecementos deste tipo.