lg3
inicio » lg3 » críticas

CRÍTICAS / 346

SOBRE O LIBRO"VIRTUDES (E MISTERIOS)"
Cantiga do retorno
Nótaselle a Xesús Fraga o dominio da lingua fluída e a ilusión por contar a saga familiar. Respírase en cada parágrafo orgullo de nación, de formar parte dun clan, de ser o voceiro da súa estirpe, o corifeo que refire a historia, tantas veces dramática, da súa familia. Faino con respecto e unha admiración por todos eles, mesmo os que un día foron e non regresaron (ou regresaron cando non eran senón pantasmas de si propios), daqueles nos que primou se cadra a vergonza de retornar sen fortuna que a responsabilidade verbo das súas fillas.


SOBRE O LIBRO"O ESTADO INTERMEDIO"
Un libro en dúas fases, en dous tránsitos, en dous estados
Todas as novelas nacen dun soño, acrediten o que lles digo, pois non só escribín algunhas senón que teño outras en camiño, lin centos delas e xa levo falado con demasiados escritores para non saber cales son as verdadeiras musas da narrativa. Deixemos paso franco á elucubración, ao territorio dos soños e a interpretación dos mesmos.


SOBRE O LIBRO"SILENCIO"
Unha novela madrepórica
O pasado 18 de decembro de 2020 tiven a sorte de coincidir en Compostela con Agustín Agra, nese espazo de liberdade que é a biblioteca pública Ánxel Casal. El presentou o meu libro Corazón de Manteiga e eu o seu Silencio. Estas son as notas que eu tiña recollidas nunha ficha sobre o seu libro e que paso a partillar con vostedes de xeito estruturado. Non se trata pois dunha crítica no senso estrito, nin tan sequera dunha recensión, senón, das notas da presentación, se cadra menos académicas e máis intuitivas e porén, máis frescas.


SOBRE O LIBRO"THE MAKING OF"
A antimitoloxía do impaís levitante
Se hai un escritor na Galiza que polas súas manifestacións adoita crear polémica, fobias e filias confrontadas e algunha que outra vez unha situación incómoda, ese é Xavier Alcalá. Resulta complexo por non dicir imposíbel manter a neutralidade diante de semellante forza da natureza. Agora, logo de percorrer medio mundo e habitar por longas xeiras en lugares distantes, proponnos este The making of, que, en troques de recrear a mitoloxía da emigración, se ocupa con ardor guerreiro en desmontala afastándose do mito tanto e canto lle resulta posíbel. Non xoga así a "enfant terrible", que sabemos que o é, senón a constructor de equilibrios desharmónicos. Quer na forma quer no fondo xoga con nós para construír un mandala incómodo, onde ‘os nosos’ tantas veces elevados ao santoral dos elexidos, presentan aquí a sùa face máis desagradàbel, o seu discurso máis extremo, a súa variábel máis picaresca e brutal. Xa dicía Pessoa, que "o mito é o nada que é tudo". Pois iso, o nada que é tudo.


SOBRE O LIBRO"A PESTE"
A peste dentro
En Orán as ratas mortas inzan paseniño as rúas a medida que se estende a enfermidade. Tras moitas reticencias, as autoridades deben recoñecer o espallamento da praga e pechar as portas da cidade. Imponse un exilio que, na súa lida coa morte, fai agromar nos seres humanos traxedias a diversa escala: a soidade, o absurdo da existencia, a esquizofrenia relixiosa, a submisión, a arte, a solidariedade, a indefensión ante a xustiza e a Administración, a manipulación informativa. A descrición de toda esa evolución ocupa as páxinas da novela, e paga a pena ler cada paso para vermos como sucede.Talvez unha das ensinanzas d'A peste sexa que non pode darse nada por sentado.


SOBRE O LIBRO"NON O SABEN AS ESTRELAS"
Nun cuarto compartido
Gañadora da XXIV edición do Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta, o xurado salientou de Non o saben as estrelas «a súa orixinalidade temática e o carácter innovador dun texto de lectura engaiolante e capacidade envolvente». Lorena Domínguez ve nesta novela un libro de viaxes ao revés no que "son os outros os que se moven". Para ela trátase dun relato "cheo de acenos, de luces e sombras, de impresións táctiles, de reflexións sobre o espazo e a identidade" e vese invadida tras da súa lectura por unha sensación de que alguén deixou sobre a mesa as costuras da vida. "Velaquí o sobrefiado, aquilo que impide que todo se esfiañe".


SOBRE O LIBRO"LABIRINTO OU MEMORIA"
Un libro conmovedor
A memoria non se garda de xeito consciente senón que é aleatoria na súa aparición e, ao mesmo tempo tramposa, trapalleira, feita de anacos de sentimentos, nunha especie de patchwork de sons, cores, aromas gustos e imaxes asociadas e nese labirinto non hai –ou non se descubriu aínda- un fío de Ariadna que nos guíe. Os poemas deste libro -labirinto ou memoria- son pois reconstrución de árbores xenealóxicas propias feitas por unha testemuña fiábel, que a xeito de restauradora vai arquitectando os poemas con certas imaxes e sensacións deturpadas polo paso do tempo. Convídoos pois a ler Labirinto ou memoria.


SOBRE O LIBRO"PRINCIPIO DE INCERTEZA"
A fronteira como pregunta
Desde o momento en que chegamos ao mundo, os seres humanos exploramos o concepto de fronteira. A primeira fronteira é a que separa o "eu" do que nos rodea, pero mesmo esa conciencia do "eu" é unha aprendizaxe. Ao longo das nosas vidas serán outras, e moitas, as fronteiras que teremos que definir. Pilar Ortega escribe sobre unha delas, unha da que non adoita falarse, aquela fronteira, aquel límite, que cada docente marca entre si mesmo/a e o seu alumnado. Pero que sucede cando unha alumna quere formar parte da vida da profesora máis alá das paredes da aula? E que acontece cando a profesora se decata, ademais, de que esa alumna necesita axuda? Non existe unha resposta correcta nin unha resposta única a estas preguntas, pero Pilar Ortega pon unha historia nas nosas mans, unha historia complexa, chea de matices, de voltas sobre si mesma, coa suite nº 1 de Bach como banda sonora... e caemos no engado. Esta novela foi merecedora do Premio Ánxel Fole de Narración Curta do Concello de Lugo 2017.


SOBRE O LIBRO"A ARTE DE TROBAR"
O pasado é un vasto territorio
A obra gañadora do Premio Xerais de Novela 2017 resulta unha lectura apaixonante, onde o pasado cobra vida no po dos camiños e nas voces das xentes, porque ás veces na ficción a realidade espreguízase moito máis a gusto que nos libros de historia. As vicisitudes dunha "troupe" de artistas itinerantes no século XIII, unha "troupe" de artistas itinerantes polos reinos do Camiño de Santiago nun momento de cambio político, cultural e lingüístico nunha Europa inmersa en cruentas loitas de poder.


SOBRE O LIBRO"CONTOS DE MESOPOTAMIA"
Da riqueza léxica e mesopotámica de Fole
Xavier Queipo descóbrenos esta recente edición de contos de Ánxel Fole, Contos de Mesopotamia, a cargo da editorial Chan da Pólvora coa que el mesmo fau un retorno á súa memoria de Fole e a súa escrita coloquial pero chea de "riqueza léxica". Os contos desta antoloxía están recollidos en "Terra brava", "A lus do candil", "Contos da néboa" e "Historias que ninguén cre", que constitúen parte importante da obra en galego de Fole.


SOBRE O LIBRO"DESESCRIBINDO"
O caderno da naturalista
Desescribindo é un poemario confeccionado coa sensibilidade dunha botánica que percura follas de árbores en perigo de extinción e decide apreixalas no seu herbario para identificalas e garantir a súa preservación."Termar da memoria, termar dos nomes. Exercer a resistencia", así remataba Aleixandre o seu recente discurso de ingreso na Real Academia Galega como académica numeraria e no caderno de naturalista (o papel, as gardas e o coidado da edición reforzan esta fasquía) que Apiario nos ofrece, a poeta fixará poeticamente os nomes de árbores e animais para que non se esquezan e tamén revisará, desde o seu discurso feminista, simboloxías caducas que perpetúan invisibilidades e estatismos.


SOBRE O LIBRO"A SEñORITA ELSE"
A verdade de Else
Durante a súa ociosa estadía nun hotel de San Martino di Castrozza, Else recibe unha carta da nai na que esta lle roga que faga canto estea na súa man a fin de reunir axiña unha suma de diñeiro coa que saldar unha débeda do pai e evitar así que acabe na cadea. A moza vese na obriga de se internar nun mundo ruín e malévolo, diametralmente oposto ás súas elucubracións románticas e inxenuas. Esta é unha das obras máis significativas de Arthur Schnitzler. Toca múltiples temas: a sedución, a inocencia, o papel da muller, o abuso e a clase social, os convencionalismos ou as aspiracións.


SOBRE O LIBRO"EXHUMACIóN"
Os puntos cegos, todos.
O xurado do IV Premio Manuel Lueiro Rey subliñou deste poemario a súa «arquitectura moi sólida e tramada» e o feito de que a «dicción culta da obra convence polo seu poder evocador e a fulguración das imaxes labradas con gran mestría». Para Antía Marante, Marcos Abalde desvela os mecanismos perversos sobre os cales se asenta o mundo no que hoxe vivimos.


SOBRE O LIBRO"AS HORAS ROUBADAS"
Ante o limiar
Ambientada na confusa España de 1979, dous anos antes da Lei do divorcio, dúas familias vense arrastradas por un vello segredo e pola necesidade de cambiar as súas vidas.E é que os tempos cambian, o pasado volve, os segredos saen á luz, e os personaxes vense cercados por eles, querendo saber, querendo entender, ou querendo enterralos de novo. A prosa de María Solar sorprende cunha beleza sutil que mesmo pode pasar desapercibida.


SOBRE O LIBRO"UNHA DESOLACIóN"
Unha labazada no politicamente correcto
Samuel, un xudeu xubilado, misóxino, afeccionado á xardinaxe e melómano, sente o peso da velleira ao tempo que goza da liberdade de expresarse sen finximento. Atopámonos ante un libro que nos vacina contra o establecido, contra as premisas máis aparentemente inconmovibles, e que nos alerta contra a inercia máis terrible dos nosos días, a de convertermos a aparencia en esencia, aquilo que amosamos ser no que verdadeiramente somos, sen máis fondo nin máis aspiracións.


SOBRE O LIBRO"MUROS DE AIRE"
Acorar
Un libro para os e as que non temen mirar o abismo aos ollos, porque o aire empeza a faltar desde a primeira frase da novela. Nunca abrimos un xornal para batermos cos testemuños das persoas que están detrás das estatísticas de suicídios, para que nos conten cómo se chega a ese punto. Por que achegarnos a un libro coma este entón? Talvez en busca de testemuños concretos que nos axuden a entender mellor algo que sempre nos sobrecolle, que ás veces nos desconcerta e que noutras ocasións, as máis duras, chegamos a comprender.


SOBRE O LIBRO"CABALOS E LOBOS"
Agasallo duplo
A primeira novela do xornalista Fran P. Lorenzo coa que acadou o Premio Blanco Amor 2014, é o retrato íntimo da historia dun século marcado pola guerra, o totalitarismo e a barbarie. Unha fotografía, con Vigo ao fondo, do combate individual que os seus protagonistas libran por aquilo que desexan, nese preciso lugar en que a cidade se funde cos seus soños.


SOBRE O LIBRO"UN ANIMAL CHAMADO NéBOA"
De beleza e barbarie
No escenario da II Guerra Mundial tiveron lugar episodios tan estarrecedores e crueis que algúns deles resultan imposibles de dixerir.Un animal chamado néboa é un libro de relatos onde a ficción se constrúe a partir de diferentes acontecementos sucedidos durante o conflito bélico. O cerco de Leningrado, o naufraxio do buque USS Indianapolis, os métodos de tortura da banda de criminais ao servizo do italiano Pietro Koch, a realidade das mulleres prostituídas en Mauthausen ou a terrible misión do Enola Gay forman parte dalgunhas das historias que compoñen este libro.


SOBRE O LIBRO"OS INOCENTES"
Da man da escrita, a resistencia
Irrompe María do Cebreiro na colección Dombate da Editorial Galaxia cun poemario definible, por analoxía e contraste, grazas ás voces do escritor francés Henri-Pierre Roché e do (controvertido) filósofo alemán Heidegger que a enmarcan paratextualmente. Os inocentes nomean un desexo imposible: regresar ao intre fundacional da lírica, a ese momento histórico no que a poesía chegou a ser definida como emoción evocada no acougo e a imaxinación foi pensada como a capacidade intelectual máis estimable.


SOBRE O LIBRO"INSTRUCIóNS PARA TOMAR CAFé"
Un pouco de amor propio
Núñez Singala ofrece un concentrado de narracións que inclúe, en pouco máis dun cento de páxinas, catro volumes diferentes: un libro de reclamacións, un libro de estilo, un libro de instrucións e un libro de contos. Unha mestura de sociolingüística, filosofía fonda sobre o mundo e nós en relación con el, humor ben entendido e tamén certas doses de amor propio ás que nunca deberiamos renunciar.Tanto a quen coñeza outras obras do autor coma a quen non, dan ganas de dicirlles : pasen e lean!


CRÍTICAS POR XÉNERO


Acerca de Lg3
Que é LG3
Créditos
Correo
culturagalega.org | RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.gal
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.gal