Desescribindo é un poemario confeccionado coa sensibilidade dunha botánica que percura follas de árbores en perigo de extinción e decide apreixalas no seu herbario para identificalas e garantir a súa preservación."Termar da memoria, termar dos nomes. Exercer a resistencia", así remataba Aleixandre o seu recente discurso de ingreso na Real Academia Galega como académica numeraria e no caderno de naturalista (o papel, as gardas e o coidado da edición reforzan esta fasquía) que Apiario nos ofrece, a poeta fixará poeticamente os nomes de árbores e animais para que non se esquezan e tamén revisará, desde o seu discurso feminista, simboloxías caducas que perpetúan invisibilidades e estatismos.
24 / 4 / 2017
Antía Marante Arias. A Coruña
Da man da editorial Apiario chega
Desescribindo, un novo poemario da senlleira Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) que se inclúe na colección Cera Labrada onde comparte espazo con premiados títulos como
O deserto de María do Cebreiro ou Celebración de Gonzalo Hermo. A andaina poética de Aleixandre comeza no ano 1999 coa publicación de
Catálogo de velenos [Premio Esquío de Poesía 1998]. Despois virán os títulos
Desmentindo a primavera (Xerais, 2003),
Abecedario de árbores (El Correo Gallego, 2006) [V Premio Caixanova 2006] e
Mudanzas (PEN Clube de Galicia, 2007) ata chegar a este
Desescribindo onde se recollen tamén algúns poemas que xa saíran á luz en diversos espazos como a revista "Dorna", o volume "Voces contra a violencia de xénero" ou a antoloxía
Vanakkam/Benvidas, entre outros.
Desescribindo é un poemario confeccionado coa sensibilidade dunha botánica que percura follas de árbores en perigo de extinción e decide apreixalas no seu herbario para identificalas e garantir a súa preservación. Mais, sobre todas as cousas,
Desescribindo é un espazo á marxe onde devolverlle ás palabras os significados que lle corresponden, tal e como amosa o poema "Desbridar", cerne e síntese da escrita que Marilar aquí ensaia -"Cómpre examinar palabras ou células/unha por unha/
honra, familia, feminina" (p.13)- onde a poeta, ao traer aos versos a actividade do pai cirurxián, ofrece unha poderosa metáfora sobre a escrita como proceso necesario para extirpar connotacións reviradas, "separar entre si bordos adheridos/
muller de calada/ liberdade de calquera adxectivo" (p.13).
A primeira das partes de
Desescribindo, "Nas marxes da folla", vehicula unha reflexión metapoética centrada en amosar un eu feminino, definido en tanto que suxeito que escribe e reflexiona sobre as implicacións de escoller o galego como lingua de expresión literaria. Este suxeito "desescribe", participando da dinámica bautizada pola cibernética poeta Estíbaliz Espinosa citada aquí por Aleixandre, e apela á intervención nos textos xa fixados que perpetúan unha imago mundis incompleta. Aleixandre reflexiona pois sobre esta acción que, noutrora, lle serviu para construír poemarios como
Mudanzas onde se recontaban as historias das demonizadas Circe, Medea ou Medusa, agora liberadas do filtro ovidiano.
De "Lembranza de Babel", segunda parte do título, destacamos a vontade de convocar nos versos realidades e protagonistas que non só corren o risco de caer no esquecemento senón que aínda non foron visibilizadas como merecen. Aleixandre achéganos pois a colectivos e a nomes propios tales como as "tolas dos faiados", as mulleres de África, a ceramista Camille Claudel, a pensadora Rosa Luxemburg, a activista Vera Figner… Os poemas evidencian que segue a ser precisa unha poesía que convoque e sinale, que poña o foco e garanta lugares de seu. Sobrancean, pois, versos baleirados de retoricismos que sosteñen os nomes e apelidos das que non aparecen nos libros que (des)contan a historia e a escrita poética supedítase voluntariosamente ao diálogo co pasado e á recuperación de presenzas borradas dos grandes (e caducos) relatos que outrora funcionaron ̶ "Varvara Aleksandrovna, Sofia,/ Evgenia e Maria, Lidia,/sete a Berna/Aleksandra Khorzhevskaia,/ Vera e Olga, Dora Aptekman,/ Beta Kaminskaia,/Anna Toporkova e mais eu,/ só Ekaterina Tumanova/regresou a San Petersburgo" (p.34).
En "De quen a voz", terceira e última parte, sobrancea como caleidoscopio de textos e compromisos. Aleixandre convoca novamente "as debandadoras de seda" que compuxera para o
Implícate! –festival de música e palabra solidaria organizado pola ONG Implicadas/os no Desenvolvemento– e acomodara na antoloxía de voces tamiles e galegas
Vanakamm/Benvidas (Galaxia, 2007), "a deshora" poema adicado a Xela Arias, "as carricantas enmudeceron" dirixido a Federico García Lorca ou "o sangue en tinta", composición extraída do volume
Voces contra a violencia de xénero. Destacamos nesta parte, por contraste, "o metro e a medida" que nos achega aos escenarios de aprendizaxe de metros, vagóns e longas distancias dun eu que aínda crece de costas á natureza, antecedente do eu sensíbel ao natural que se percibe nas demais páxinas –"eu nunca gardei vacas, tan só/autobuses e tranvías" (p.64), "nacín cun billete de metro nos dentes, /antes dos nomes das árbores/ aprendín o das estacións…" (p. 64).
"Termar da memoria, termar dos nomes. Exercer a resistencia", así remataba Aleixandre o seu recente discurso de ingreso na Real Academia Galega como académica numeraria e no caderno de naturalista (o papel, as gardas e o coidado da edición reforzan esta fasquía) que Apiario nos ofrece, a poeta fixará poeticamente os nomes de árbores e animais para que non se esquezan –"xunca, agulleira, rosa, margarida, herba da fame…" (p.32)– tamén revisará, desde o seu discurso feminista, simboloxías caducas que perpetúan invisibilidades e estatismos –"aquí a serea non xorde do mar nin troca a súa voz única por frías pernas/ aquí hai gatas mudando en peixes/ baleas/ aprendendo a respirar baixo a auga" (p.16).
No "Atlantis-A lost sonnet" da poeta irlandesa Eavan Boland, citado en
Desescribindo, apúntase como "as antigas fabuladoras procuraron en van unha palabra/ para expresar que o desaparecido, desaparecido está. /Daquela, na mellor tradición/ do país, déronlle un nome á súa mágoa/ e asolagárona" ["The old fable-makers searched hard for a word/ to convey that what is gone is gone forever and/never found it. And so, in the best traditions of/where we come from, they gave their sorrow a name/and drowned". Contra todos os asolagamentos, a (des)escrita resistente de Aleixandre trazada co coidado da naturalista que percura os nomes verdadeiros –galegos e científicos– de cada árbore coa que bate durante a andaina.