A obra gañadora do Premio Xerais de Novela 2017 resulta unha lectura apaixonante, onde o pasado cobra vida no po dos camiños e nas voces das xentes, porque ás veces na ficción a realidade espreguízase moito máis a gusto que nos libros de historia. As vicisitudes dunha "troupe" de artistas itinerantes no século XIII, unha "troupe" de artistas itinerantes polos reinos do Camiño de Santiago nun momento de cambio político, cultural e lingüístico nunha Europa inmersa en cruentas loitas de poder.
31 / 1 / 2018
Lorena Domínguez Mallo. Val do Dubra
"Non mires atrás". É o que lle pide alguén moi querido a unha das protagonistas da novela. E é que ás veces, de mirarmos atrás, non seriamos capaces de seguir adiante, de salvar o futuro. Outras, no entanto, é no pasado onde repousan os alicerces daquilo que ha de vir. Santiago Lopo, coa súa
A arte de trobar, fainos beber a auga das lembranzas e devólvenos aquilo que nos foi roubado: unha parcela, aínda latexante, da nosa historia medieval. O libro ábrese con testemuños da cruzada contra os albixenses e cunha sentenza inquisitorial, dous síntomas de persecución e de morte que moi pronto chocarán de fronte coa vida libre e intensa da compañía de artistas e cómicos ambulantes cos que transitaremos camiños, prazas e pousadas ao longo do Camiño de Santiago. Na parada desta compañía en Xaca uniráselles unha moza misteriosa, e detrás dela comezará a persecución, baixo a sombra da Inquisición e do usurpador Guy de Lille. Péchase o libro cun colofón que afirma que a novela se rematou de imprimir "sete séculos despois da escrita a man do Pergamiño Vindel". O pasado volve con forza, sexa ao Museo do Mar de Vigo na forma do Vindel, sexa ás nosas vidas nas páxinas desta novela absolutamente engaiolante.
A estrutura é sinxela: altérnanse capítulos nos que acompañamos a vida cotiá dos artistas (o camiño, a parada nas distintas vilas, os espectáculos a cambio de fonda, comida e pouco máis) e outros nos que nos mergullamos nas maquinacións de Guy de Lille ("aquel espécime que atesouraba na súa persoa a luxuria, a gula, a preguiza, a soberbia, a cobiza, a envexa e a ira. Non lle faltaba ningún dos sete", páx. 116) ou nos pensamentos de Guillaume Arnaud, o inquisidor. Con todo, ese xogo de perspectivas e a brevidade dos capítulos favorecen o ritmo áxil da trama, que vai gañando en intriga a medida que avanzan as páxinas, e na que o autor xoga moi ben coas expectativas do lector ou lectora e con todos eses baleiros que vai enchendo na lectura.
Alén da prolixa documentación histórica que require escribir unha novela ambientada no século XIII, o feito de escoller un momento no que a lírica provenzal comeza o seu declive e a lírica galego-portuguesa está no seu esplendor permítelle ao autor inserir algunha profecía na historia que habemos ver cumprida fóra da escena. Por outra banda, os versos e os textos en distintas linguas compoñen unha sinfonía harmónica de voces que nos seduce irremediablemente, xuntamente con afirmacións que convidan á reflexión: "A súa fala fere os oídos de quen a escoita [...] malditos corruptores de linguas..." (84); "O occitano é para o vulgo [...] Só podemos aspirar á excelencia en latín, a lingua do coñecemento", (páx. 173).
Cabe dicir tamén que a combinación de personaxes ficticias e históricas outorga máis forza, se cabe, ao relato, e é imposible non deixarse seducir por eses nomes coñecidos: Pero da Ponte, Lopo, María Balteira, os reis Fernando e Xoana e o futuro Afonso X, seu fillo. Agora ben, onde verdadeiramente emociona ese encontro co pasado é no xeito en que Santiago Lopo decide restaurar as mulleres no relato dese anaco da nosa historia. Así, nun dado momento, María Balteira quere axudar á fuxitiva e, logo de advertila, sincérase con ela sobre o rol que a sociedade lle demanda: "Cansa estou, amiga, cansa de ser nai, amante e serventa de todos eles". Restáurase aí un relato alternativo e necesario. De feito, hoxe en día estase a investigar cal foi o verdadeiro rol das mulleres na nosa lírica medieval.
Para rematar, pensastes que algunha vez presenciariades a Pero da Ponte interpretando unha cantiga? Ou que coñeceriades a María Balteira entre bastidores? Ou que sentiriades a sombra da Inquisición a perseguirvos polos camiños, a carga dun libro prohibido, o peso de toda a memoria dun pobo nas costas? Todo iso e máis podedes atopalo aquí, n’
A arte de trobar, unha lectura apaixonante, onde o pasado cobra vida no po dos camiños e nas voces das xentes, porque ás veces na ficción a realidade espreguízase moito máis a gusto que nos libros de historia.