O xurado do IV Premio Manuel Lueiro Rey subliñou deste poemario a súa «arquitectura moi sólida e tramada» e o feito de que a «dicción culta da obra convence polo seu poder evocador e a fulguración das imaxes labradas con gran mestría». Para Antía Marante, Marcos Abalde desvela os mecanismos perversos sobre os cales se asenta o mundo no que hoxe vivimos.
14 / 11 / 2016
Antía Marante Arias. A Coruña
Exhúmase o soterrado e, desta volta, a poesía concéntrase nesta tarefa, en sacar á luz e poñer novamente ante os ollos para deixar constancia de que existiu, para que non se pase por alto que alguén decidiu en determinado momento que mellor debía estar oculto.
Exhumación é unha morea de evidencias, unha labazada que desestabiliza os nosos alicerces, cuestiona a nosa humanidade e desvela hipocrisías.
Exhumación son as etiquetas do Zyklon B empregadas como probas nos xuízos de Nüremberg aos que fai referencia o fragmento de Secesión de Chus Pato que atopamos antes de enfrontarnos aos versos, antes de pasar páxina para recibir o relato das miserias e agochamentos que nos circundan.
Neste poemario, gañador do IV Premio de Poesía Manuel Lueiro Rei, o dramaturgo Marcos Abalde Covelo (Lavadores, 1982) desvela os mecanismos perversos sobre os cales se asenta o mundo no que hoxe vivimos. Abalde poetiza para facernos ver as outras historias, as que xorden cando hai dominadores e, en consecuencia, dominados. O resultado é unha enciclopedia da opresión onde se nos describen moitas das dinámicas que confirman a tese de que xa entramos no “Antropoceno”, nova era xeolóxica que titula un dos poemas do libro e que se refire ao (brutal) impacto do home sobre a terra porque, tal e como lemos, “o Gorée global corrompe todo o que toca”.
Abalde amplía os límites do mundo porque como van abondar os mapas dos colonizadores? como crer os relatos dos media patrocinados polas multinacionais? De aí a necesidade deste exercicio crítico-poético para debullar todo canto o sistema culpábel aparta para garantir o seu correcto funcionamento. Por iso os versos de Abalde pronuncian os
“novos nomes da morte” –Zyklon B, Carlyle, Monsanto–, recupera as novas cartografías da(s) vergoña(s) –Abu Graib, Guantánamo, Zona Schengen– e, asemade, repara na loita das persoas –
“nós, a mercadoría”, “masa sen historia”– que malia á alienación e o progresivo illamento que nos envolven
“cunha obstinación megalítica/ andamos á rebusca do comunal”. O
dramatis personae desta Exhumación confórmano os
“apátridas, sans-culottes, quilombolas…”, tamén nomes propios da nosa historia silenciada máis próxima como o Sinhor Afranio, Francisco Martínez Leira «Pancho», Cinta Rey ou Amalia Álvarez Gallego. Ao convocalos neste canto, Abalde pretende evitar a amnesia e escribe para dirixir a nosa a ollada onde o mundo renxe sexan illas de escravos, prisións, gabias, ou a nosa contorna e lingua…
En definitiva,
Exhumación detecta a toxicidade e podremia que nos arrodea para, a continuación, ser quen de accionar a viraxe cara á mudanza das regras do xogo. Anceio descarnado e imposíbel dun mundo que resista e condee as inxustizas xa que
“a terra tiña un límite. A barbarie non”. Unha lectura que doe, poesía insurrecta que nos reta a soster a ollada e non mudar de canle.