O pasado 18 de decembro de 2020 tiven a sorte de coincidir en Compostela con Agustín Agra, nese espazo de liberdade que é a biblioteca pública Ánxel Casal. El presentou o meu libro Corazón de Manteiga e eu o seu Silencio. Estas son as notas que eu tiña recollidas nunha ficha sobre o seu libro e que paso a partillar con vostedes de xeito estruturado. Non se trata pois dunha crítica no senso estrito, nin tan sequera dunha recensión, senón, das notas da presentación, se cadra menos académicas e máis intuitivas e porén, máis frescas.
4 / 2 / 2021
Xavier Queipo. Bruxelas
Non falarei moito do seu 'silencio literario', pois non acredito que este existira coma tal, senón que simplemente non publicou neses anos por ter outras ocupacións, mais estou seguro que estivo viaxando e argallando estas e outras historias. Tampouco falarei moito da temática de todos e cada un dos textos (resístome a chamalos 'contos'), que constitúen este libro. Nel Agustín consegue achegarnos a figuras da ciencia ou do pensamento filosófico, que teñen entre elas unha serie de vínculos de unión, a defensa ética das súas ideas que nalgúns casos significou para eles persecución e noutros aínda a morte.
Consegue así, fabulando e contando, que vexamos con outros ollos a Isaac Newton, un neno difícil; a Charles Darwin, que por mor dunha corentena (tan de moda hoxe), non puido desembarcar nas illas Canarias para repetir a ascensión ao Teide que, anos atrás, realizara o seu admirado Humboldt; a Antoine Lavoisier que sería menos importante para a química se a súa muller Marie-Anne Pierret Paulze non estivera dirixíndoo no laboratorio; a Giordano Bruno, que non abdicou das súas ideas e morreu na fogueira por blasfemo e inmoral; ao monxe Mendel, que medio en serio medio en broma, plantaba e contaba chícharos para estabelecer coma quen non quere a cousa, as leis da xenética; a liorta verbal entre Cuvier e Lyell, que é o mesmo que dicir a pugna entre o transformismo e o evolucionismo... e tantos outros. Sobre todos eles, paira, como figura central, un dos científicos máis importantes do século XIX, o barón Alexander von Humboldt, que clamaba ansioso 'alles lernen'/'aprendelo todo'.
Para min, os textos incluídos neste libro constitúen unha colonia madrepórica, coralina se o prefiren, pois cada un dos textos é en si mesmo unha entidade independente e, ao mesmo tempo, todos eles en conxunto constitúen dalgún xeito unha outra unidade. E, ademais, cada un dos textos/relatos, actúa como un pólipo translúcido con tentáculos, nunha especie de comportamento invasor que expande o seu radio de influencia a outros relatos e, asemade, expande o coñecemento entre os lectores sen ser resultar pesado ou quere facer un exercicio de didactismo consciente (aínda que si, un aprende durante o libro, que xa non é pouco).
Agustín e un deses escritores galegos que, como acontece na maioría dos casos, teñen outra profesión que poderiamos denominar ‘alimenticia’, que é a que lles proporciona os recursos económicos para vivir. El é biólogo de formación, o que é caso bastante habitual nos escritores galegos, e que configura unha marca de clase. Por formación na arte de definir dos holotipos, os biólogos naturalistas están moi ben preparados para a descrición, tal é o caso de Agustín, onde a capacidade descritiva constitúe unha marca de estilo. Para ilustrar esta característica dos naturalistas convídoos a ler a anécdota sobre o naturalista da Universidade de Harvard, Louis Agassiz que aparece relatada no pequeno ensaio
'escritores biólogos' incluído no meu libro 'Cartas Marcadas'(Editorial Galaxia, Vigo, 2010).
'Silencio' é un libro de filosofía natural, entretido e didáctico a un tempo que contén varios niveis de lectura. Dende o punto de vista estritamente literario destacar, se cadra, o goce da escrita detallada e precisa sen deixar de ser fluída. E, xaora, dende o punto de vista ético, esa reivindicación constante da liberdade de pensamento contra a afirmación dos dogmatismos.
Xa só por iso, por nos lembrar que 'o abraio move o mundo', xa sería un libro singular. Mais aínda, ten calidade literaria e pouso ético. Que máis podemos pedir! Si, se cadra unha cousa, que Agustín percorra o mundo xa non como os alumnos de Agassiz 'na procura de novas especies para a ciencia', mais na procura de novas historias. Aí sairemos ganando, nese alén do 'Silencio'. Entrementres, como di Agustín: "Crear. Descubrir. Soñar". Que o abraio mova o mundo!