03/02/2020
Seis curtametraxes no catálogo 'Shorts from Galicia' que se presenta no Festival de Clermont-Ferrand
O Festival de Court Métrage de Clermont-Ferrand, que se está a desenvolver arestora e ata o 8 de febreiro nesta localidade francesa, marca o inicio da difusión da nova edición do catálogo
Shorts from Galicia que, como cada ano, edita a Xunta co obxectivo de promover a recente produción galega no formato audiovisual da curtametraxe. Os seis títulos que lle dan forma á súa escolma de 2020 son
16 de decembro, de Álvaro Gago;
Irmandade, de Helena Girón e Samuel M. Delgado;
Todo el mundo se parece de lejos, de Rafa de los Arcos;
Unidade veciñal, de Tono Mejuto e os traballos de animación
Brotar, de Montse Piñeiro e Rubén Abad,
Homomaquia, de David Fidalgo Omil. As seis curtametraxes foron elixidas por un grupo de traballo especializado tras unha convocatoria á que se presentaron unha trintena de traballos de realizadores galegos. Seguindo un criterio artístico, a través desta escolma búscase dar conta do bo momento creativo do noso audiovisual.
16 de decembro e
Unidade veciñal están gravadas en galego no idioma orixinal e preséntanse subtituladas ao inglés..
Amplía a nova>>
27/01/2020
O que arde volta para a casa con dous premios Goya
A trixésima cuarta edición dos Premios Goya, que celebrou a súa gala este 25 de xaneiro, acabou con dous galardóns para o cinema galego. O seu traballo en
O que arde, de Óliver Laxe, valeulle a Benedicta Sánchez facerse co galardón á actriz revelación, mentres Mauro Herce obtivo o de dirección de fotografía polo mesmo filme. Non se concretaron as outras dúas candidaturas para esta produción, as de mellor filme e mellor dirección, que foron para
Dolor y gloria de Pedro Almodóvar. Tampouco o galego Santi Prego conseguiu a estatua a mellor actor revelación, que lle foi outorgada a Enric Auquer polo seu traballo na produción galega
Quen a ferro mata..
Amplía a nova>>
23/01/2020
La Cinematográfica de Vigo crea o Museo Online de Cine Autobiográfico
A organización viguesa La Cinematográfica ven de impulsar a creación do MOCA - Museo Online de Cine Autobiográfico- un museo virtual en liña dedicado ao audiovisual autobiográfico ou en primeira persoa que presenta características únicas na súa proposta. Co apoio no patrocinio de Cafés Candelas, Pablo Gómez Sala e Xisela Franco ( dirección e dirección artística respectivamente) asistidos por un equipo para diversas tarefas, veñen de poñer na rede este espazo que se presenta como punto de encontro, de creación e investigación arredor de traballos de cine documental que parten da escritura autobiográfica e a exploración da memoria, as relacións coa familia, a procura da identidade individual e a indagación no arquivo familiar. O MOCA conta con 4 patas fundamentais: as exposicións, organizadas en mostras anuais, a colección propia de cine doméstico, dúas becas anuais de produción de obra cinematográfica autobiográfica, e a organización dunhas xornadas nas que reflexionar sobre este fenómeno artístico.
.
Amplía a nova>>
21/01/2020
Lois Patiño estreará 'Lúa vermella' no Forum da 70 Berlinale
No marco da 70ª edición da Berlinale o cineasta vigués Loís Patriño (Vigo, 1983) fará a estrea mundial do seu segundo filme
Lúa vermella( Zeiyum Films, 2019). A película será proxectada dentro da sección Forum do Festival Internacional de Cinema de Berlín que terá comezo o 20 de febreiro, un apartado independente do evento con comisariado externo e no que se presentan producións con perspectivas non convencionais da arte cinematográfica que abran novos camiños ao xeito de relatar audiovisual. O Forum, que este ano alcanza a súa 50ª edición baixo o lema "Galopando entre eras diferentes"., contará con 35 cintas, das que 28 son estreas mundiais. Lois Patiño volve en
Lúa vermella a escribir e dirixir unha historia situada nunha localidade costeira, como xa fixera con
Costa da Morte (2013) a súa primeira longametraxe pola que obtivera o premio no festival internacional de Locarno á mellor dirección emerxente. Nesta nova película Patiño usa do mundo dos mitos e lendas populares para contar unha fabulación sobre unha vila costeira na que os seus habitantes están paralizados coma suspendidos no tempo, tres mulleres chegan ao pobo e teñen que manexarse con esta situación. A historia está protagonizada por Ana Marra, Carmen Martínez e Pilar Rodlos.
Lúa vermella chegará o vindeiro 30 de abril ás salas de cine..
Amplía a nova>>
20/01/2020
'O que arde' foi a mellor película europea de 2019 para a Acadèmia del Cinema Català
A Acadèmia del Cinema Català ven de premias á película
O que arde ,de Oliver Laxe con dous dos seus máximos galardóns, os Premis Gaudí, ao ver nela a Mellor Película Europea de 2019 e recoñecer o traballo de Mauro Herce na fotografía. Laxe e Herce recolleron esta fin de semana os seus premios en Barcelona na gala de entrega da XIIª edición destes premios. Ás portas xa dos Premios Goya, o vindeiro día 25 en Málaga,
O que arde acada dous premios en categorías nas que tamén é candidata nos galardóns da academia española, neste caso como mellor pelíocula nacional e tamén no de mellor fotografía, ademais das candidatura a mellor director para Laxe e de actriz revelación para Benedicta Sánchez. .
Amplía a nova>>
17/01/2020
'Hierro' de Portocabo gaña o Premio Feroz á mellor serie dramática de 2019
Os Premios Feroz outorgados pola Asociación de Informadores Cinematográficos de España que premian varias categorías en traballos cinematográficos e televisivos tiveron onte a gala na que repartían os galardóns sobre a produción de 2019. No apartado televisivo o premio para a mellor serie foi para
Hierro, da produtora galega Portocabo, dirixida por Jorge Coira e creada por Pepe Coira, con guión del mesmo e de Carlos Portela, Fran Araújo, Araceli Gonda e Coral Cruz. Ademais na montaxe tamén participaron, ademais de Jorge Coira, Diana Toucedo e Gaspar Broullón. A produción, que se emite en Movistar +, acadou ademais o recoñecemento para a súa actriz principal, Candela Peña. Outra produción galega, a película
Quien a hierro mata, de Vaca Films, acadou tamén un galardón ao mellor actor de reparto para o catalán Enric Auquer. A pesar das súas cinco candidaturas
O que arde non acadou ningún galardón nunha noite na que a nivel cinematográfico a película de pedro Almodovar
Dolor y gloria acaparou o palmarés con seis premios. .
Amplía a nova>>
14/01/2020
A serie 'Néboa' de Voz Audiovisual fai presentación en Madrid
A néboa galega chegou onte a Madrid coa serie de televisión dese mesmo nome producida por Voz Audiovisual para TVE e que se comezará a emitir este mércores na canle pública. A presentación comezou xa de mañá na sede da Xunta, a Casa de Galicia, onde se fixo a preestrea do primeiro capítulo coa presencia do equipo técnico, artístico e de produción. Ä noite fíxose a posta de longo con alfombra vermella á que acudiron moitas caras do audiovisual galego.
Néboa é unha serie de intriga gravada na costa de Ortegal na que a presenza galega non radica só na localización e en gran parte do seu equipo artístico e de produción senón tamén no uso da mitoloxía e as crenzas populares da nosa terra arredor do entroido como contexto dunha trama criminal. Gonzalo López Gallego dirixe esta produción na que conta cun reparto coral encabezado polas actrices Emma Suárez e Isabel Naveira no que tamén teñen importantes papeis Alba Galocha, Antonio Durán “Morris”, María Vázquez, Nancho Novo, Xabier Deive, Denisse Peña, Santi Prego, Alfonso Agra e Denís Gómez, entre outros. A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o presidente de Agadic, Jacobo Sutil apoiaron coa súa presenza esta presentación na que tamén estiveron moitas outras cara coñecidas do audiovisual e a escena teatral galega. .
Amplía a nova>>
10/01/2020
Quiosco: Papeis da Academia
Coa fin de 2019 a Academia Galega do Audiovisual puxo na rede unha nova entrega da súa publicación
Papeis da Academia. A presenza do audiovisual nas aulas centra este número, que conta con contribucións de Manolo Gonzalez, Coque Dosil, Marcos Nine, Jorge Rivero, Cristina De La Torre, Roberto Varela, Mónica García Iglesias, Ana Moreiras, Alfonso Blanco, Emma Lustres, Ghaleb Jaber, Beli Martínez, Andrea Vázquez, Ramiro Ledo, Sara Donoso ou Ana Miguez. Nos contidos, atópanse propostas de filmes para traballar nas aulas canda a un repaso por diferentes iniciativas educativas neste campo. .
Amplía a nova>>
07/01/2020
O CGAI celebra a década do Novo Cinema Galego
O Centro Galego de Artes da Imaxe propón neste xaneiro de 2020 a celebración dunha década desde o nacemento do movemento audiovisual denominado Novo Cinema Galego. Baixo o acrónimo NCG10 a institución programará nos próximos meses dentro do ciclo OFFGalicia varios dos traballos desta nova xeración de creadores cinematográficos englobados baixo esa etiqueta acuñada nun artigo do crítico Martin Pawley o 2 de xaneiro de 2010. Durante este ano o CGAI exhibirá pezas feitas nesta década por Peque Varela, Eloy Enciso, Xurxo Chirro, Lois Patiño, Jaione Camborda, Víctor Hugo Seoane, Marcos Nine, Ángel Santos, Lara Bacelo, Ramiro Ledo, o dúo WeAReQQ, comezando polos traballos previos de dúas figuras clave, Óliver Laxe e Alberte Pagán. O CGAI lembra que hai dez anos chegaba a Quincena de Realizadores do festival francés de Cannes a película de Laxe
Todos vos sodes capitáns marcando un punto de inflexión inmediato, co éxito do filme e o seu director, Óliver Laxe, convertido no único cineasta representante español no festival. Desde o CGAI ven que baixo esta etiqueta hai unha posición común en canto a "asunción de riscos, a certeza de que non hai máis límites para facer arte que os do talento que se posúa, a vontade de participar nos debates estéticos que sacoden o cine no resto do planeta provocando obras en moitos casos innovadoras, que non chega tarde, que se suma ás tendencias e correntes creativas en tempo presente". O eclecticismo formativo, a creación de abondosas sinerxias ou o papel protagonista dos festivais forman parte do ADN deste Novo Cinema Galego segundo o Centro. As exhibicións comezará o vindeiro 11 de xaneiro con
Grrr! nº 7: Y las chimeneas decidieron escapar de Oliver Laxe e Enrique Aguilar;
Grrr! nº 8: Suena la trompeta, ahora veo otra cara de Oliver Laxe e
París #1, tamén de Laxe..
Amplía a nova>>
02/01/2020
Chega á rede a webserie Hai vida en Bran?
Xa están dispoñibles en Youtube os catro episodios que compoñen
Hai vida en Bran?. Ángela Andrada dirixe esta webserie que foi galardoada na IV edición do Carballo Interplay. O retorno á vila natal dunha licenciada en Belas Artes obriga á protagonista a redescubrir esta realidade. Un traballo con grandes doses de humor que reflexiona sobre a situación da mocidade galega no rural..
Amplía a nova>>