03/03/2020
O cinema protagonizado por mulleres protagoniza a axenda cultural
A coincidir coa celebración do 8 de marzo, o Centro Galego de Artes da Imaxe e mais o Consello da Cultura Galega programan unha nova xeira do ciclo cinematográfico
Olladas de muller.
Os fillos da vide de Ana Domínguez abre este 3 de marzo na Filmoteca en Galicia (A Coruña) este programa, que amplía a súa duración a sete días e se prolongará ata o vindeiro día 10. A proposta inclúe proxeccións como as de
Esquece Monelos, de Ángeles Huerta,
Arima, de Jaione Camborda, ou a curtametraxe
As mulleres co mundo na cabeza, de Encarna ou unha sesión a lembrar a figura de Concepción Arenal co telefime
Concepción Arenal, la visitadora de cárceles da galega Zenit Comunicación. O ciclo abre tamén unha liña de traballo para atender producións francesas e portuguesas. Entre as primeiras recupéranse traballo do colectivo "Les Insoumuses" como son
Maso et Miso Vont en Bateau (1976),
S.C.U.M. Manifesto 1967 (1976) ou
Sois belle et tai-toi (1976). Da banda lusa, poderá verse
Colo, de Teresa Villaverde ou
Extinção de Salomé Lamas..
Amplía a nova>>
27/02/2020
A Academia do Audiovisual dá o seu Premio de Honra ao proxeccionista do CGAI
A Academia Galega do Audiovisual ven de facer pública a concesión do seu premio de honra anual, o Premio de Honra Fernando Rey, ao proxeccionista do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI ) José María Rodríguez Armada, "Chema". 2020. Desde a AGA salientan que Rodríguez Armada é unha figura fundamental na estrutura do CGAI, onde realiza labores de restauración, conservación e divulgación do noso patrimonio audiovisual. Con esta decisión a academia pon en valor ademáis a labor realizada por este centro público e o traballo dos técnicos do audiovisual que se fai fóra dos focos da produción. Chema Rodríguez recibirá o galardón na Gala dos Premios Mestre Mateo, o vindeiro 7 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña.
.
Amplía a nova>>
20/02/2020
A industria audiovisual galega busca no European Film Market de Berlín a súa proxección e desenvolvemento
Dezasete empresas produtoras e distribuidoras, ademais da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Cluster Audiovisual Galego (Clag) e a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) conforman a delegación institucional e empresarial galega no European Film Market, que arranca mañá en Berlín en paralelo á 70ª edición do seu prestixioso festival internacional de cinema. As devanditas empresas chegan á cita berlinesa con cadansúa carteira de títulos tanto en proxecto como en fase de produción ou xa rematados. Moitos deles recóllense, ademais, na nova edición do catálogo promocional
Films from Galicia, que inicia aquí a súa distribución internacional. Esta publicación anual da Xunta dá conta do bo momento que está a vivir o noso audiovisual. Como en anos anteriores, as empresas galegas acreditadas contarán cun espazo propio para as súas xuntanzas de traballo e a difusión das súas producións dentro do pavillón de
Cinema from Spain no recinto feiral do Martin-Gropius-Bau, desde onde se difunde tamén o catálogo galego..
Amplía a nova>>
18/02/2020
'O que arde' chega en marzo ás salas do Reino Unido
A multipremiada película
O que arde de Oliver Laxe fará o vindeiro mes de marzo o seu desembarco en Gran Bretaña apoiada coa presenza do director nalgúns dos pases de exhibición. O filme en galego orixinal e subtitulado ao inglés poderá verse en varios cines de seis cidades británicas a partires do 20 de marzo: Londres, Bristol, Newcastle, Glasgow, Sheffield e Manchester. Tres salas da área londiniense exhibirán a película, dous delas durante toda unha semana (ICA Cinema e Curzon Bloomsbury), o mesmo que as salas de Bristol e Sheffield. O director, como xa fixo en varias proxeccións en Galicia e noutros puntos da península, acudirá ao encontro co público nalgunha das proxeccións entre o 20 e o 27 de marzo. Durante o pasado ano, na súa exhibición por festivais a película galega xa participou en varios festivais no Reino Unido como o London Film Festival, Cambridge Film Festival, Leeds Film Festival e Cork Film Festival. A distribución internacional comercial da película en salas chega así a un segundo país estranxeiro tras da súa estrea e inicial distribución en Francia no pasado mes de setembro. .
Amplía a nova>>
17/02/2020
O festival Olloboi leva o premio José Sellier da Academia Galega do Audiovisual
O festival de audiovisual escolar Olloboi, que celebra este ano a súa X edición, acaba de ser galardoado co Premio José Sellier. A Academia Galega do Audiovisual recoñeceu co seu galardón especial este proxecto "por utilizar o cinema como ferramenta transversal para a educación en valores, a promoción da cultura e o idioma galegos entre a xuventude e visibilizar un compromiso ambiental e social co entorno". Do mesmo xeito, a entidade destacou o labor da iniciativa á hora de "difundir o audiovisual galego entre a xuventude a través das creadoras e creadores e permitir que o talento dos nosos artistas faga canteira". A entrega dos premios desenvolverase este venres 21 de febreiro no Encontro de Finalistas dos XVIII Premios Mestre Mateo que se celebrará na Coruña..
Amplía a nova>>
10/02/2020
'Hierro' e 'Quien a hierro mata' acumulan candidaturas finalistas aos Mestre Mateo 2020
Os premios Mestre Mateo do Audiovisual galego organizados pola Academia Galega do Audiovisual xa teñen finalistas. A actriz Tamara Canosa e o presentador Rodrigo Vázquez (que o pasado ano levou o Mestre Mateo ao mellor comunicador e volve ser finalistas nesta ocasión) foron os encargados de ir dando a coñecer hoxe as candidaturas finalistas das 25 categorías a premiar. De acordo co modelo estipulado pola academia, ficción televisiva e cinematográfica entran a competir en igualdade na maioría dos premios resultando así que este ano a maior acumulación de postos finalistas vai de xeito case parello para a longametraxe
Quien a hierro mata(Vaca Films), con 15 e a serie televisiva
Hierro (Portocabo /Atlantique Productions) con 16 finalistas. Moi preto delas está a produción
O que arde (Miramemira, S.L., 4 A 4 Productions, Kowalski Films, S.L., Tarantula Luxembourg) con 12 posibilidades de engadir un Mestre Mateo ao seu xa longo palmarés. O director Jorge Coira optará por partida dobre ao premio á Mellor dirección polos seus traballos en
Hierro e
Eroski Paraíso (nesta última compartindo dirección con Xesús Ron) e terá ademais a Óliver Laxe (
O que arde) e Paco Plaza (
Quien a hierro mata) como competidores na categoría.
Eroski paraíso, a cinta baseada na obra de teatro do mesmo nome de Chévere, acada sete postos finalistas, mentres que
Longa noite de Eloy Enciso optya a dous galardóns..
Amplía a nova>>
07/02/2020
Falece a actriz Pilar Pereira
Os sectores da escena e do audiovisual galego choran este sete de febreiro o falecemento de Pilar Pereira. A actriz, nada en 1937, desenvolveu unha intensa carreira deste unha idade temperá, participando en multitude de montaxes teatrais así como en series televisivas, producións de cinema e traballos de locución e dobraxe. Nos seus máis de sesenta anos de traballo participou en montaxes teatrais de autores clásicos desde os anos cincuenta, a incluír a versión en galego de
Antígona estreada en 1958.
.
Amplía a nova>>
07/02/2020
Chega aos cinemas Arima
Logo de ser recoñecida en festivais cinematográficos como o de Sevilla, as salas galegas acollen hoxe a estrea a de
Arime. A directora Jaione Camborda, nada en Euskadi, asina a súa primeira longametraxe, rodada integramente en galego e con Melania Cruz, Nagore Arias, Rosa Puga Dávila, Iria Parada, Tito Asorey e Mabel Rivera como protagonistas. No filme nárrase a historia de catro mulleres e unha cativa "que se ve alterada pola chegada inesperada de dous forasteiros. Un deles fuxe do outro, agochándose pola vila coma un ser fuxidío, fantasmagórico e de dubidosa existencia. O outro, un home ferido e cunha arma, perturbará de diferentes formas a vida das mulleres. Todo isto moverase na fronteira entre o real e o imaxinado, entre o pesadelo e o soño, entre o medo e o desexo, nunha historia impregnada de misterio"..
Amplía a nova>>
05/02/2020
Falece o director de cinema José Luís Cuerda
O director de cinema José Luís Cuerda falecía este catro de febreiro en Madrid aos 72 anos de idade. Unanimemente recoñecido como un dos grandes nomes do cine español, e aínda que nado en Albacete, Cuerda desenvolveu unha intensa relación con Galicia. Esta viuse a nivel profesional ao dirixir no noso país adaptacións de obras como
El bosque animado de Wenceslao Fernández Florez, coa que obtivo un Goya, e mais
A lingua das bolboretas (Premio Ondas 1999) a partir de relatos de Manolo Rivas. O seu contacto co noso país comezou precisamente cunha curta baseada noutro texto deste autor,
Primer amor que rodou no ano 2000 no Carballiño, e mantívose coa súa participación en diferentes foros e eventos do sector..
Amplía a nova>>
04/02/2020
Alfonso Castaño asume a dirección do Festival Primavera do Cine
O Festival Primavera do Cine celebrará este mes de maio a súa sexta edición en Vigo con novo equipo á fronte dentro da empresa Reencanto Producións. Alfonso Castaño presentábase este 3 de febreiro como director do evento, en substitución de Juan de Castro, que dimitiu por "diferenzas insalvables" co equipo fundador. Do mesmo xeito que en anos anteriores, a nova xeira contará con tres categorías a concurso, curtametraxe, longametraxe e videoclip, e cunha sección específica dedicada á lusofonía e outra para animación. Ata o vindeiro 5 de marzo está aberto o prazo de presentación de filmes para o encontro, que se celebrará entre o 5 e o 14 de maio..
Amplía a nova>>