AVGj | O soportal do audiovisual galego - culturagalega.org Páxina principal do Soportal do Audiovisual Galego Páxina oficial do Consello da Cultura Galega


HISTORIA DO CINE GALEGO
(1896-1979)

1.Introducción

Non cabe o menor tipo de dúbida, considerar ó cine como un dos maiores protagonistas do século XX. A pasada centuria, pode pasar a historia, con todo merecemento, como o abano temporal que estivo -segundo palabras de Arnold Hausser- "baixo o signo do cine" ou que tamén pode ser tildada como a "era do filme". O cine pasa por ser a suma de todas as artes, pero a súa natureza bipolar (arte/ industria) faino acredor da capacidade de interactuar, de maneira decisiva, noutros campos humanos como poden ser: o creativo, o económico, o social, o político... Por tanto, o cine asemella un nítido espello capaz de reflectir, por presencia ou ausencia, todas as variables xeopolíticas que caracterizan a un país. Ante isto, a Sétima Arte pode considerarse unha extraordinaria simbiose onde conflúen as arelas e as ambicións da xente que crea os productos cinematográficos e do público natural para quen se exhibe.


É algo admitido, e cada vez de maneira máis consciente e científica, que as imaxes cinematográficas se atopan profundamente vinculadas á sociedade que as ve nacer, e aínda as impulsa. Non sería lóxico desde ningún punto de vista que pensemos que as películas xorden de maneira autónoma, desarraigados dos homes e mulleres que loitaron para construílos, e sen ningún tipo de vínculo cos espectadores potenciais ós que van dirixidos.
HUESO MONTÓN, A. L.; "Galicia no cine". Galicia Arte. Tomo XVI, Hércules, a Coruña, 1993, páx. 508

Nos tempos de hoxe, sería moi pouco acertado, admitir que a un país se lle impedise o dereito que ten de expresarse empregando as plataformas máis válidas e acordes co progreso tecnolóxico, capaces de transmitir, sen alteracións e deformacións, a voz propia e o seu concepto de identidade como pobo. Entrar en valoracións e consideracións do que foi a historia do cine en Galicia é darse de conta das moreas de dificultades e atrancos que tiveron os galegos para poder crear "imaxes en movemento".

Se cines periféricos e secundarios como o español suscitan toda unha serie de problemas metodolóxicos ao historiador de difícil resolución (derivados das múltiples circunstancia -económicas e empresariais, políticas, demográficas, culturais, administrativas, etc.- que marcan o seu descontinuo desenvolvemento), que dicir do galego, radicado na periferia do periférico.
NOGUEIRA, Xosé; O cine en Galicia. A Nosa Terra, Vigo, 1997, páx. 9.

Facer un estudio sobre o cine galego pasa por prestarlle atención a unha mínima producción que puido ver a luz gracias as fendas dun ambiente pouco propicio para a súa creación. Esta circunstancia intentouse redimir con novos enfoques historiográficos, permitindo ampliar ó campo de análise e así sortear os verdadeiros problemas que, desde sempre, carcomeron ó audiovisual galego. Estas metodoloxías están a expensas de seren empregadas para secundar distintos posicionamentos críticos. Nós optamos por fixar a materia intentando distinguir entre a procedencia do "feito fílmico".

... que entendemos por cine galego aquel producido por empresas galegas (isto é domiciliado en Galicia) e que, polo tanto, non cabe falar de cine galego se consideramos ó protagonizado ou producido por galegos circunstancialmente filmado en terras galegas por empresas administrativas e fiscalmente alleas a Galicia, nin as presuntamente financiadas por capital galego fóra do seu capital de orixe (cuestión esta, polo demais, ardua: non é fácil, por definición, precisar as coordenadas xeográficas nas que se forma o capital que, como se sabe, é apátrida e intenacionalista por necesidade).
PÉREZ PERUCHA, Julio; "A inexistencia do cine galego baixo o franquismo ou non hai máis cera da que arde". CASTRO DE PAZ, J. L. (Coord.); Historia do cine en Galicia. Vía Láctea Editorial, Oleiros, 1996, páx. 131.


De xeito consciente, a planificación deste estudio na rede está feita a través dunha metodoloxía analóxica, moi sobrepasada nos estudios historiográficos actuais. Resolveuse optar por unha "historia personalista" porque era a que máis se adecuaban ós obxectivos que se podían conseguir con este medio, que son o de ser o máis didácticos posibles a hora de ilustrar as distintas etapas nas que se pode dividir a breve, pero significativa, historia do cine galego.

 
||| AVG ||| O soportal do Audiovisual Galego................{ culturagalega.org }
       
Información
Novas
Reportaxes
Documentos
Certames
Boletíns
Profesionais
Todos
Actores
Directores
Guionistas
Productores
Entidades
Catálogo
Produccións
Extras
Videos
Zona fan
Historia
Profesionais
Inclusión en AVG
Para profesionais
Avisanos
Créditos
Correo