Novas | 1 a 10 de 4305

Siguiente >>

31/12/2025
Impacto no audiovisual pola morte do actor Miguel Insua

Antes de finalizar o 2025 deixou a mala nova do falecemento do actor Miguel Insua o 30 de decembro, causando un fondo impacto naquelas persoas do sectro audiovisual que tiveron a sorte de coñecelo e traballar con el nalgunha das múltiples produción nas que este veterano actor participou. Natural de Valdoviño, onde naceu en 1961, Insua vivía en Madrid pero mantiña moito contacto coa súa terra e tamén co seu sector audiovisual. O seu falecemento con 64 anos debido a unha enfermidade, removeu moitos sentimentos entre os profesionais da interpretación galegos que deitaron nas redes sociais mensaxes de pesar e lembranza que amosan a pegada persoal do intérprete na xente coa que compartiu traballos. Tanto a Asociación de Actores e Actrices de Galicia como a Academia Galega do Audiovisual tamén publicaron as súas condolencias por esta perda. . Amplía a nova>>

22/12/2025
Agadic axusta á alza as axudas a festivais audiovisuais

O Diario Oficial de Galicia deste 22 de decembro publica a convocatoria de axudas á realización de festivais de cinema de carácter profesional por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia. Esta liña ven de incrementar a súa contía por vez primeira en varios anos, axustando a suba a valores próximos á inflación ao subir 10.000 euros respecto aos últimos anos chegando deste xeito aos 310.000 de orzamento total que se distribuirán en tres anualidades. . Amplía a nova>>

22/12/2025
Falece o actor Celso Bugallo

Co solsticio de inverno chegou a mala nova da morte dun dos grandes intérpretes secundarios do noso audiovisual. En Pontevedra falecía aos 78 anos Celso Bugallo Aguiar (Vilalonga, Pontevedra, 1947). O actor, un dos secundarios máis emblemáticos e característicos, que tomaba a pantalla coas súas aparicións, xa fose con moitas ou poucas liñas, grazas ao seu manexo maxistral da expresión corporal, deixounos co pesar de todo o sector, compañeiros e compañeiras en moitas producións televisivas ou cinematográficas na súa longa traxectoria. No seu extenso palmarés persoal, o actor contaba co Premio Mestre Mateo 2002 ao mellor actor de reparto pola súa participación na película de Fernando León de Aranoa, 'Los lunes al sol', rodada en Vigo e na que compartía pantalla con Luís Tosar e Javier bardém. Pouco despois vería afianzada a súa proxección no cine estatal grazas ao seu traballo en 'Mar adentro' de Amenabar, tamén rodada en Galicia e tamén compartida con Javier Bardém e polo que acadou o Galardón ao mellor actor de reparto nos premios Goya do cine español (2005), premio que na categoría feminina levou a súa compañeira de produción Mabel Rivera . . Amplía a nova>>

18/12/2025
Premio José Sellier da Academia Audiovisual para AGAPI

A Academia Galega do Audiovisual ven de entregar o XIV Premio José Sellier á Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), en recoñecemento á súa traxectoria exemplar, ao seu carácter pioneiro e á súa contribución decisiva á construción, consolidación e proxección do sector audiovisual galego ao longo de máis de tres décadas. Fundada en 1994, AGAPI é a asociación empresarial precursora do sector audiovisual galego. Agrupa produtoras de cinema, televisión, publicidade e servizos, e ten como fin primordial a defensa xeral dos intereses das produtoras independentes, así como a promoción de políticas favorables para o desenvolvemento dunha industria audiovisual galega competitiva e sostible. Ao longo da súa traxectoria, AGAPI impulsou fitos fundamentais para o audiovisual galego, como a creación dos Premios AGAPI (1996-2001), que en 2003 pasaron a denominarse Premios Mestre Mateo, e a creación do Clúster Audiovisual Galego (Clag) ese mesmo ano. Foi tamén pioneira na internacionalización do sector, organizando en 2004 a primeira presenza conxunta das produtoras galegas no MIPCOM de Cannes. Na súa xustificación, a presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga, destacou que AGAPI "non só acompañou a historia do audiovisual galego contemporáneo, senón que a escribiu activamente", actuando como un motor vertebrador do sector, cunha visión estratéxica e un compromiso sostido co país, coa cultura e co futuro dunha industria que hoxe é referencia industrial, creativa e identitaria. . Amplía a nova>>

17/12/2025
'Sirât' pode aspirar a cinco premios Óscar

O calendario cinematográfico dos premios Óscar da poderosa industria cinematográfica estadounidense tiña marcado este 16 de decembro para dar a coñecer as "listas curtas" de precandidaturas aos galardóns nas diversas categorías. Os ollos estaban postos no que acontecería respecto a 'Sirât', o filme de OliverLaxe, candidato oficial da cinematografía española ao premio a Mellor Película Internacional e as decisións da Academia estadounidense veñen de superar todas as previsións. O filme entra nas "shortlists" de ata cinco categorías, manténdose na carreira por ser finalista para os galardóns de Mellor fotografía, Mellor banda sonora orixinal, Mellor Son e cásting, ademais da de Mellor Película Internacional. Esta acumulación de precandidaturas nos premios Óscar é un fito xa dentro da historia do cine español, independentemente do que poida ocorrer cando o vindeiro 22 de xaneiro de 2026 se dean a coñecer xa as cinco películas candidatas de cada categoría. Antes diso, o vindeiro 11 de xaneiro terá lugar a gala de entrega dos Premios Globos de Ouro que a Asociación da Prensa estranxeira en Hollywood outroga cada ano e nos que o filme de Laxe é finalista xa en dúas categorías: Mellor Película de Fala non inglesa, e Mellor Banda sonora para a asinada por Kangding Ray.. Amplía a nova>>

16/12/2025
Luis Tosar galardoado coa Medalla de Ouro das Belas Artes

O Consello de Ministros ven de aprobar hoxe a lista de galardoados deste anos coa Medallas de Ouro ao Mérito nas Belas Artes, proposta polo ministro de Cultura, Ernest Urtasun. Entre as 35 personalidades e institucións do mundo da cultura está o actor lucense Luis Tosar (Lugo, 1971) . A Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes é un recoñecemento que distingue ás persoas e entidades que destacaran no campo da creación artística e cultural ou teñan prestado notorios servicios no fomento, desenvolvemento ou difusión da arte e a cultura ou na conservación do patrimonio artístico.. Amplía a nova>>

16/12/2025
Agadic convoca as axudas ao talento audiovisual

O Diario Oficial de Galicia deste 16 de decembro publica a convocatoria de subvencións á creación audiovisual para a promoción do talento audiovisual galego. Esta liña de axudas, que ten o prazo aberto dun mes, mantén o orzamento inalterable das dúas anteriores convocatorias, achegando uns fondos de 176.000 euros a dividir nas dúas anualidades que comprende. Na convocatoria anterior, unha vez adxudicado todo o rozamento quedaron fóra ata o 90 cento das solicitudes presentadas. No relativo aos posibles proxectos beneficiarios e contías asignadas, nada muda respecto á convocatoria anterior, dividíndose entre proxectos de curtametraxes e de longametraxes, todas elas gravadas en versión orixinal en galego. A previsión de alcance, de 11 producións, tampouco muda respecto á anterior convocatoria, permitindo axudas ata a 8 proxectos de curtametraxes e 3 de longametraxes. Filmes en proxecto e outros pendentes de traballos de postprodución poden acollerse a estas liñas de axuda da Axencia Galega das Industrias Culturais, Agadic, da Xunta de Galicia.. Amplía a nova>>

16/12/2025
Xogalego repasa a produción de videoxogos na nosa lingua

O proxecto Recuncho Gamer acaba de facer público Xogalego, un catálogo que recolle os videoxogos realizados na nosa lingua. A iniciativa, que arrinca con noventa referencias, prevé se ampliar e chegar en breve a unhas duascentas. Segundo explica a entidade responsable, Xogalego "nace polas dificultades actuais para atopar xogos na nosa lingua en páxinas como Steam ou nas tendas de Sony, Nintendo ou Microsoft".. Amplía a nova>>

15/12/2025
Stefan Djordjevic imponse no palmarés do X Novos Cinemas

A décima xeira do festival Novos Cinemas fechaba as súas portas este 14 de decembro coa entrega dos seus galardóns. O filme Wind Talk To Me, dirixido polo serbio Stefan Djordje impúxose no certame ao obter o Premio Novos Cinemas e mais o do público.. Amplía a nova>>

15/12/2025
Benigno López Moure gaña o Premio de Guión en Galego da AGAG

O VII Premio Daniel Domínguez de Guión en Galego que convoca a Asociación Galega de Guionistas recaeu este ano en Benigno López Moure, pola súa obra 'Monstros'. O galardón organizado por AGAG, coa colaboración da Fundación SGAE e o apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, está dotado con 2.000 euros. Xunto á obra gañadora, tamén foron recoñecidas como finalistas: 'Amparo, pero non olvido', de Luis Miles e 'Onda tras onda', de Daniel Cornes. Do traballo gañador o comité avaliador destacou "o dominio impecable dos códigos do thriller, a profundidade psicolóxica dos personaxes e a valentía de abordar unha temática incómoda cunha mirada autoral comprometida coa complexidade moral da historia". No acto de entrega do galardón celebrado o venres pasado na sede da SGAE de Santiago de Compostela, participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, para expresar o apoio do Goberno galego ao labor da escrita individual como punto de partida determinante dos proxectos que chegan con éxito ás pantallas. Con esta nova edición do premio, AGAG reafirma o seu obxectivo de impulsar a creación de contidos en galego, apoiando o traballo das autoras e autores e fortalecendo a presenza da nosa lingua no audiovisual.. Amplía a nova>>

Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org