O Festival Xociviga achega curtas de 22 nacionalidades ao Carballiño

A estrea de As maos da pulpeira abre este 19 de novembro o encontro audiovisual

O Festival Internacional de Curtametraxes Xociviga celebra entre os días 19 e 23 de novembro a súa nova edición no Carballiño. Na que é a segunda xeira desde a súa renovación, o veterano encontro achega producións de 22 nacionalidades diferentes, seleccionadas entre as máis de mil que concorreron á convocatoria.

No programa atópanse un total de 18 estreas en Galicia, 4 estatais e a presentación mundial do filme As maos da pulpeira, dirixido por Silvia Cachafeiro. A obra, que combina actuacións profesionais con amadoras, ten como protagonista esta tradicional figura do Carballiño e explica a súa historia a través da ollada de dúas mulleres.

A sección Xentes concentra as propostas a concurso, con 22 producións internacionais e catro galegas, que poderán optar tamén ao galardón "Xentes de aquí". A este bloque súmase o apartado Xénese, no que se amosan curtas de menores de 30 anos de toda a Península Ibérica, con premios a cargo dun xurado novo.

A competición inclúe tamén a sección Videoclip, centrada en producións galegas e cuxos traballos gañadores son escolleitos por votación popular a través de redes sociais. Un espazo dedicado a curtametraxes infantís completa as proxeccións desta xeira, que tamén contará cun obradoiro infantil de sonorización e dobraxe para crianzas de ata 12 anos.