Falece o produtor de cine Julio Fernández

Foi unha figura fundamental da evolución do audiovisual co grupo Filmax desde finais dos anos noventa

Imaxe de arquivo de Julio Fernández
Imaxe de arquivo de Julio Fernández
Con 78 anos de idade falecía hoxe en Miami o produtor cinematográfico Julio Fernández, figura clave do audiovisual estatal nos finais do século XX e principios do XXI a través da súa empresa Filmax. Natural da Fonsagrada (Lugo), os seus restos mortais volverán ao seu lugar de orixe, segundo recolle o xornal El progreso como vontade da familia. Asentado en Barcelona desde novo, iniciouse no mundo do audiovisual pola súa afección ao cine comprando Filmax, unha empresa para adquirir dereitos de películas. Pero pronto se orientou cara á produción de filmes, primeiro participando e máis tarde asumindo o rol de produtor. A finais dos 90 creou Filmax Castelao Productions, unha produtora de cine de ficción e de animación coa que crea un novo xénero: Fantastic Factory. Impulsou a animación coa creación dunha factoría 3D en Santiago de Compostela de nome Bren Entertainment.

Son moitas as producións destacadas tras da que está a súa man e que acadaron visibilidade e recoñecemento, cando non actuaron como pioneiras nos seus xéneros. Algunhas delas foron rodadas en galicia contando con equipo técnico e artístico da nosa terra. Foi o caso de 'Dagón, la secta del mar' (2001), 'trece badaladas' (2002), 'Romasanta, a caza da besta' (2003), 'The way' (2009). Dentro do xénero da animación impulsou algúns traballos moi recoñecidos como 'O Cid, a Lenda' (2003), 'Pérez 2, o ratiño dos teus soños' (2008), 'O neno de barro' (2007) ou 'Copito de Nieve' (2010). A súa achega ao xénero do terro cinematográfico en España tamén foi moi importante grazas a título como 'Mientras duermes' (2011) e a saga '[REC]'.

Julio Fernández recibiu directa e indirectamente numerosos premios. A título persoal destaca a medalla Castelao 2002 pola súa contribución ao sector do audiovisual español e o Premio Estrella de Oro, tamén no 2002. Indirectamente recibiu numerosos premios a través das súas empresas (Filmax, Castelao, Bren, Fantastic Factory) que recoñecen a excelencia e o éxito das compañías dedicadas ao cine de animación en Europa. Entre eles destaca o Cartoon Movie Tributes. En 2009 recibiu a medalla de ouro en recoñecemento á súa traxectoria profesional na XV edición dos Premios Cinematográficos José María Forqué, instituídos pola Entidad de Gestión de Derechos de los Productores Audiovisuales (EGEDA). En 2010 recibiu a insignia de ouro da Deputación Provincial de Lugo en recoñecemento aos seus traballos. A cidade na que agora faleceu, Miami, tamén lle concedeu a honra de darlle as 'chaves da cidade'.

Desde o Cluster Audiovisual Galego xa fixeron público un comunicado polo que lamentan "fondamente" o pasamento de Julio Fernández- Del lembran que foi "fundador da recoñecida produtora Filmax e Presidente de Honra do Clúster Audiovisual Galego". Salientan que foi unha "figura clave dentro da industria audiovisual española e un referente na creación, produción e distribución de contidos cinematográficos". No mesmo sentido expresou o seu pesar a Academia Galega do Audiovisual, lembrando a Fernández como "figura esencial do noso cinema".



(Noticia actualizada ás 16:50)