Novas | 971 a 980 de 4282

<< Anterior Siguiente >>

30/12/2019
O CCG celebra os 30 anos do audiovisual galego

Este 2019 que remata é o ano no que o audiovisual galego conmemorou os 30 anos da estrea das tres primeiras longametraxes en lingua galega: Sempre Xonxa, Continental e Urxa. Para celebralo, o Consello da Cultura Galega creou un sitio web en colaboración coa Corporación de Radio Televisión de Galicia no que xa se pode ver en liña a película Sempre Xonxa, se agrupan reportaxes de culturagalega.gal sobre a rodaxe e concepción dos filmes, con declaracións dos membros do equipo e acceder a unha completa unidade didáctica elaborada polo profesor José Antonio Cascudo. O obxectivo é reivindicar estes tres filmes como parte esencial da cultura galega contemporánea, pero tamén crear unha ferramenta que permita achegar as orixes do audiovisual galego de ficción ás escolas. O seguinte chanzo será a difusión do filme Continental o 15 de xaneiro e, posteriormente, máis vizosos contidos multimedia que enriquecerán este proxecto durante os seus doce meses de duración. . Amplía a nova>>

23/12/2019
Rubén Coca gaña o Premio de Guión en galego para longametraxes

O guionista e realizador Rubén Coca (Ferrol, 1977) alzouse co Iº Premio de Guión para longametraxes da Asociación de Guionistas de Galicia (AGAG) polo seu texto Detrás da luz. Un xurado conformado por Xacobo Díaz, Xosé Antón Cascuda, Sara Gómez e Óscar Cruz, decidiu por unanimidade designar a Coca como gañador dándolle o premio de 2.500 euros que comporta esta primeira edición do certame. Sobre Detrás da luz o xurado di que se trata de "unha proposta capaz de crear un universo propio, cun relato que flúe en clave simbólica entre a beleza e o terror, coa construción de secuencias que suxiren por si mesmas imaxes e inquietantes atmosferas". Para eles Detrás da luz "constitúe unha profunda reflexión sobre a condición humana que destaca ademais polo seu interese social e a viabilidade para a súa produción". Abel Álvarez e Martín Suárez resultaron finalistas do certame de guións en galego por detrás de Rubén Coca. A Fundación SGAE, en Compostela, acolleu a gala de entrega do I Premio de guión en galego para longametraxe 2019, organizado pola Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) co apoio da Fundación SGAE e a colaboración de Filmarkethub. O premio nace co obxectivo de mellorar a presenza da lingua galega no audiovisual, promover autores que escriben en galego e contribuír a difundir o traballo dos membros de AGAG.. Amplía a nova>>

19/12/2019
A Galiña Turuleca volve ao circo da man de Filmax

A canción A galiña Turuleca do circo televisivo dos pallasos, Gaby, Fofó e Miliki dos anos 70, que deixou pegada en varias xeneracións desde aquela, pola transmisión popular moito tempo despois da desaparición do programa, volve agora con forma de personaxe de animación 3D. A produtora Filmax en coprodución con Tandem Films presentaron onte en sociedade esta película que se estreará en cines o 1 de xaneiro e da que haberá versión en galego. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou hoxe no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia na presentación da película de animación 3D que retoma á personaxe da famosa canción infantil Ademais da estrea en Galicia e no resto de España o filme lanzarase na Arxentina en xullo do vindeiro ano. Turuleca é unha galiña singular cun peculiar aspecto que non lle permite poñer ovos, o que destaca ás burlas do resto do galiñeiro. Un día, Isabel, unha exprofesora de música que a leva a vivir a súa granxa e descobre o seu talento oculto: Turuleca pode falar e cantar. Diversas situacións da historia levan á galiña a entrar nun circo como parte da súa aventura, polo que resulta o paradoxo que volve ao contexto circense no que se creou a súa personaxe. Para relatar esta historia, na película combínanse divertidas cancións orixinais e versións de temas mundialmente coñecidos como La Macarena, La vie en rose ou Será que no me amas coas célebres cancións dos Pallasos Gaby, Fofó e Miliki. Por outra banda, cómpre destacar que despois da estrea, e grazas á implicación da Fundación Andrea, que se dedica á atención de nenos hospitalizados e dar soporte ás súas familias, a película proxectarase nos hospitais das sete cidades galegas, onde os nenos ingresados poderán desfrutar das aventuras de Turuleca. . Amplía a nova>>

18/12/2019
Pepe Galán gaña o certame de curtas sobre literatura da AS-PG

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) ven de entregar os premios da súa IXª certame de curtametraxes que tiña como requisito que as pezas fose de menos de 30 minutos e xirarán ao redor da literatura galega, interpretando ou explorando calquera texto de calquera época. Na categoría xeral o primeiro premio foi para o artista Pepe Galán, vencellado á escultura, que levou o primeiro premio por Mulleres Muro, a garda patética. O segundo premio foi para o realizador Daniel Chapela pola súa peza sobre a escritora Emma Pedreira, Emma Pedreira. O des-en-freo. Ademais a a AS-PG, dentro dos seus obxectivos, tamén premia a traballos levados a cabo polos estudantes dos centro de ensino do país e neste caso o primeiro premio nesa categoría foi para Cristina de La Torre (IES Macías o Namorado- Padrón) pola súa obra Rosalía, quilómetro cero. María Jesús López Abelairas (CEIP Martagona-Melide) levou o segundo premio pola curtametraxe A mellor sopa do mundo e a peza Irmaus – Celso Emilio, asinada en equipo polo alumnado de 1º bacharelato do IES María Soliño de Cangas obtivo unha mención especial.. Amplía a nova>>

17/12/2019
Agadic lanza a convocatoria mellorada de axudas a festivais audiovisuais para 2020

A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de subvencións a festivais do sector audiovisual para 2020 cunha dotación de 190.000 euros, o que supón un incremento de máis dun 11% respecto á de 2019. Os festivais audiovisuais proliferan polas localidades galegas dando presenza e saída a diversos xeitos de achegarse ao audiovisual. Só dentro da coordinadora de festivais Proxecta hai 14 destes eventos, pero fanse aínda moitos máis. As bases da convocatoria especifican que esta se dirixe tanto a persoas físicas e xurídicas privadas como a entidades locais organizadoras de certames, semanas ou mostras celebradas entre o 1 de novembro de 2019 e o 31 de outubro de 2020, sempre que conten cunha duración mínima de catro xornadas (cando menos, con 20 proxeccións), e teñan realizado tres edicións consecutivas en anos anteriores. Entre outros requisitos, a proposta de programación debe conter o cinco por cento de títulos ou cinco sesións de produción cinematográfica e/ou dirección galegas. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde mañá día 18 de decembro e ata o 17 de xaneiro. Amplía a nova>>

17/12/2019
O Museo de Pontevedra presenta un documental de Xurxo Lobato sobre Leopoldo Nóvoa

A conmemorar o centenario do nacemento do falecido pintor Leopoldo Nóvoa, o Museo de Pontevedra presenta na tarde deste 17 de decembro un documental sobre a súa figura. O fotógrafo Xurxo Lobato dirixe Nóvoa 1919-2019, un filme de 18 minutos de duración no que reúne "as opinións de diferentes persoas ligadas, persoal ou profesionalmente, ao artista pontevedrés" para conformar un perfil deste creador. Rosario Sarmiento, guionista da peza, Celestino García Braña, Xerardo Estévez, Ramón Rozas, Román Pereiro, Sofía Santos, Antón Patiño, Manuel Quintana Martelo, Xavier Seoane ou Adolfo Sobrino son algúns dos nomes que participan no filme. A presentación, que se desenvolve no Sexto Edificio a partir das 19 horas, ten entrada libre.. Amplía a nova>>

16/12/2019
O filme 'Longa Noite' gaña a sección internacional do festival peruano Transcinema

O recentemente estreado filme Longa noite de Eloy Enciso acadou esta semana un novo recoñecemento no circuíto internacional ao resultar gañador na sección de competencia internacional do Festival Transcinema , o "festival independente de cine contemporáneo, no-ficción y otras transgresiones cinematográficas" de Lima, Perú. Longa noite chegou aos cines o pasado día 5 de decembro exhibíndose ata en 15 salas e, segundo os últimos datos do Ministerio de Cultura e Deporte, leva un acumulado de cerca 1.500 espectadores. . Amplía a nova>>

13/12/2019
Hoxe chega as salas do país 'Eroski Paraíso', a película da obra teatral de Chévere

Hoxe é o día no que Eroski Paraíso, a obra da compañía teatral Chévere, adquire a capacidade de estar en varios sitios a un tempo grazas ao seu paso ao formato audiovisual. Oito salas de cine da nosa comunidade, en principio, ofrecerán hoxe a estrea da película que leva á pantalla a obra de teatro, dirixida agora por Jorge Coira e Xesús Ron, e protagonizada por Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo e Cris Iglesias. Eroski Paraíso naceu como unha obra de teatro creada pola compañía Chévere (Premio Nacional de Teatro 2014) que, despois dunha xira de varios anos por España e de máis de 30.000 espectadores, deciden converter en longametraxe. Segundo comentaban o equipo da película na preestrea levada a cabo no Auditorio de Galicia dentro do festival Cineuropa o pasado 24 de novembro, a intención era darlle máis ciclo vital á obra e capacidade para seguir chegando a máis sitios sen precisar da compañía teatral para iso. "O espectáculo tiña data de caducidade e a película é eterna, por iso a fixemos", dicía Miguel de Lira, protagonista de ambos formatos desta historia. Segundo Xesús Rón, a idea inicial de traspasar a obra a un formato audiovisual estaba tamén relacionada coas posibilidade de que a televisión pública galega fixese un formato de emisións de teatro ao estilo do histórico Estudio 1 de TVE, unha opción que desapareceu porque "non foi posible que a TVG se achegara a crear ese espazo", comentou Ron tras a proxección en Cineuropa coa que encheron a sala do Auditorio de Galicia e que rematou cunha ovación pechada á película.. Amplía a nova>>

12/12/2019
Asociacións do teatro e a música queren parar os cambios estatutarios de Agadic a contra reloxo

Coa urxencia que dá un límite de 24 horas presentáronse ante os medios representantes da Asociación de Actrices e Actores de Galicia (AAAG) e da Academia Galega de Teatro para facer un comunicado apoiado tamén pola asociación Músicas Ao Vivo (MAV) esixindo a paralización do decreto que modifica os estatutos da Axencia Galega de Industrias Culturais. O proxecto de decreto, público a través do portal de transparencia da Xunta remata mañá o seu prazo de alegacións e foi elaborado sen negociacións coas asociacións representativas do sector, ata o punto que algunhas delas como a propia AAAG tiveron coñecemento del a través dunha comparecencia parlamentaria do Conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, o pasado 20 de novembro na que anunciou a súa inminencia. As asociacións que hoxe convocaron aos medios "para tratar de ser escoitados", anunciaron que presentarán alegacións pero que o que reclaman é unha “paralización” do proxecto de Decreto para que vaia a unha mesa de negociación entre a administración e os representantes do sector onde se chegue a consensos tanto sobre o Centro Dramático Galego (CDG) como sobre o Centro Coreográfico e sobre o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) que agora pasaría tamén a ser parte da estrutura orgánica de Agadic. O modelo das cabeceiras galegas públicas de teatro e danza levan desde fai tempo sendo obxecto de controversia entre o sector. . Amplía a nova>>

10/12/2019
O III Animacción achega quince traballos internacionais

Os colectivos Sen Ánimo de Nome e Ánimas Anónimas presentan a terceira xeira de Animacción: Festival de curtametraxes de animación. A Coruña acolle entre o 12 e o 15 de novembro as proxeccións dos quince traballos seleccionados para esta xeira entre o cento de propostas remitidas a concurso. España, Bélxica, Arxentina, Francia, Portugal e os Países Baixos son os lugares de orixe das curtas, que inclúen unha de David Fidalgo, nominado aos Premios Goya por Homomaquia. As proxeccións desenvolveranse o día 12 de decembro na Sala Marilyn Monroe do Fórum Metropolitano, o 13 na Biblioteca Rego de Auga e o 14 no Centro Galego de Artes da Imaxe. O público asistente seleccionará o traballo gañador cos seus votos.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org