Hoxe é o día no que Eroski Paraíso, a obra da compañía teatral Chévere, adquire a capacidade de estar en varios sitios a un tempo grazas ao seu paso ao formato audiovisual. Oito salas de cine da nosa comunidade, en principio, ofrecerán hoxe a estrea da película que leva á pantalla a obra de teatro, dirixida agora por Jorge Coira e Xesús Ron, e protagonizada por Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo e Cris Iglesias. Eroski Paraíso naceu como unha obra de teatro creada pola compañía Chévere (Premio Nacional de Teatro 2014) que, despois dunha xira de varios anos por España e de máis de 30.000 espectadores, deciden converter en longametraxe. Segundo comentaban o equipo da película na preestrea levada a cabo no Auditorio de Galicia dentro do festival Cineuropa o pasado 24 de novembro, a intención era darlle máis ciclo vital á obra e capacidade para seguir chegando a máis sitios sen precisar da compañía teatral para iso. "O espectáculo tiña data de caducidade e a película é eterna, por iso a fixemos", dicía Miguel de Lira, protagonista de ambos formatos desta historia. Segundo Xesús Rón, a idea inicial de traspasar a obra a un formato audiovisual estaba tamén relacionada coas posibilidade de que a televisión pública galega fixese un formato de emisións de teatro ao estilo do histórico Estudio 1 de TVE, unha opción que desapareceu porque "non foi posible que a TVG se achegara a crear ese espazo", comentou Ron tras a proxección en Cineuropa coa que encheron a sala do Auditorio de Galicia e que rematou cunha ovación pechada á película.
O filme é unha comedia que explora a memoria colectiva, as voltas que dá a vida e a transformación das relacións nunha comunidade pequena. Baséase en historias reais que sucederon no Paraíso, unha famosa sala de festas de Muros que pechou en 1990 e que, ao cabo dos anos foi convertida nun supermercado Eroski. Un feito que, cambiando os homes, se repetiu en infinidade de lugares de España onde os cines, as salas de festa e outros espazos de socialización se volveron espazos de consumo. Esta é tamén unha historia de desarraigo: a historia de alguén que non parou en ningún sitio para volver ao mesmo punto de partida, coma se tivese estado parada no mesmo lugar mentres todo se transformaba ao seu redor. Na película nárrase a historia de Álex (Cris Iglesias), unha nova cineasta, que decide facer un filme sobre a historia dos seus pais. Eva (Patricia de Lorenzo) e Antonio (Miguel de Lira) coñecéronse na sala de festas Paraíso en 1989, casaron e tiveron unha filla. Agora están divorciados, levan anos sen verse e a antiga discoteca onde se coñeceron é un supermercado Eroski. O filme é o retrato dunha xeración que o tivo todo ao alcance da man pero que camiñou pola vida coma se recorrese o corredor dun supermercado, unha metáfora viva da transformación social que tivo lugar nos últimos 35 anos en España. O filme mantén a esencia palpable da súa orixe teatral pero o feito de ter estado entre os milleiros de espectadores que viron a obra nos teatros non é excluínte para o seu goce agora nas pantallas, como dicía Patricia de Lorenzo na preestrea: "A cámara permite ver cousas que durante unha representación teatral non podemos ver".
Eroski Paraíso estará hoxe nas seguintes salas:
Santiago de Compostela - NUMAX
Ferrol - Cine Duplex Ferrol
Vigo - Multicines Norte
Lugo - Codex Cinema
O Barco de Valdeorras - Teatro Lauro Olmo
Viveiro - Cines Viveiro
Marín -Cine Seixo
Caldas de Reis Cines Avenida