O Museo de Pontevedra presenta un documental de Xurxo Lobato sobre Leopoldo Nóvoa

A entidade prepara unha exposición sobre o pintor pontevedrés para o comezo de 2020

Retrato de Leopoldo Nóvoa por Xuxo Lobato. Fonte: Web de Leopoldo Nóvoa
Retrato de Leopoldo Nóvoa por Xuxo Lobato. Fonte: Web de Leopoldo Nóvoa
A conmemorar o centenario do nacemento do falecido pintor Leopoldo Nóvoa, o Museo de Pontevedra presenta na tarde deste 17 de decembro un documental sobre a súa figura. O fotógrafo Xurxo Lobato dirixe Nóvoa 1919-2019, un filme de 18 minutos de duración no que reúne "as opinións de diferentes persoas ligadas, persoal ou profesionalmente, ao artista pontevedrés" para conformar un perfil deste creador. Rosario Sarmiento, guionista da peza, Celestino García Braña, Xerardo Estévez, Ramón Rozas, Román Pereiro, Sofía Santos, Antón Patiño, Manuel Quintana Martelo, Xavier Seoane ou Adolfo Sobrino son algúns dos nomes que participan no filme. A presentación, que se desenvolve no Sexto Edificio a partir das 19 horas, ten entrada libre.

O filme pretende ser un aperitivo da exposición que o Museo lle vai dedicar á figura deste pintor, falecido en 2012. Rosario Sarmiento será a responsable de comisariar este proxecto, que abrirá as súas portas o vindeiro mes de xaneiro e que amosará medio cento de pezas do pintor ata abril de 2020.