O guionista e realizador Rubén Coca (Ferrol, 1977) alzouse co Iº Premio de Guión para longametraxes da Asociación de Guionistas de Galicia (AGAG) polo seu texto Detrás da luz. Un xurado conformado por Xacobo Díaz, Xosé Antón Cascuda, Sara Gómez e Óscar Cruz, decidiu por unanimidade designar a Coca como gañador dándolle o premio de 2.500 euros que comporta esta primeira edición do certame. Sobre Detrás da luz o xurado di que se trata de "unha proposta capaz de crear un universo propio, cun relato que flúe en clave simbólica entre a beleza e o terror, coa construción de secuencias que suxiren por si mesmas imaxes e inquietantes atmosferas". Para eles Detrás da luz "constitúe unha profunda reflexión sobre a condición humana que destaca ademais polo seu interese social e a viabilidade para a súa produción". Abel Álvarez e Martín Suárez resultaron finalistas do certame de guións en galego por detrás de Rubén Coca. A Fundación SGAE, en Compostela, acolleu a gala de entrega do I Premio de guión en galego para longametraxe 2019, organizado pola Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) co apoio da Fundación SGAE e a colaboración de Filmarkethub. O premio nace co obxectivo de mellorar a presenza da lingua galega no audiovisual, promover autores que escriben en galego e contribuír a difundir o traballo dos membros de AGAG.