La Cinematográfica de Vigo crea o Museo Online de Cine Autobiográfico

A entidade virtual fará exposicións, xornadas e outorgará dúas becas anuais de produción

A organización viguesa La Cinematográfica ven de impulsar a creación do MOCA - Museo Online de Cine Autobiográfico- un museo virtual en liña dedicado ao audiovisual autobiográfico ou en primeira persoa que presenta características únicas na súa proposta. Co apoio no patrocinio de Cafés Candelas, Pablo Gómez Sala e Xisela Franco ( dirección e dirección artística respectivamente) asistidos por un equipo para diversas tarefas, veñen de poñer na rede este espazo que se presenta como punto de encontro, de creación e investigación arredor de traballos de cine documental que parten da escritura autobiográfica e a exploración da memoria, as relacións coa familia, a procura da identidade individual e a indagación no arquivo familiar. O MOCA conta con 4 patas fundamentais: as exposicións, organizadas en mostras anuais, a colección propia de cine doméstico, dúas becas anuais de produción de obra cinematográfica autobiográfica, e a organización dunhas xornadas nas que reflexionar sobre este fenómeno artístico.



Estreando o apartado de exposicións, o MOCA xa ten dispoñible na rede a Iª Mostra de Cine Autobiográfico que baixo o epígrafe Toronto en primeira persoa exhibirá vinte películas persoais de doce autores aliñados co cine experimental, vencellados á comunidade de Toronto, que contan en primeira persoa historias que teñen que ver coa identidade, a memoria, a viaxe, etc. A mostra está comisariada pola investigadora e cineasta Xisela Franco. e comeza con traballos do cineasta canadense Rick Hancox.

En palabras dos seus creadores, a misión de MOCA é "visibilizar o valor de historias persoais en Super8 de xente anónima, e crear, ademais, unha plataforma de exhibición para divulgar a obra de tantos cineastas que traballaron coa historia familiar ou persoal, en calquera soporte, naquilo que veu en chamarse cine autobiográfico, autorreferencial ou cine en primeira persoa". O proxecto é un paso máis no traballo de valorización do cine doméstico que viña facendo La Cinematográfica co apoio de Candelas, desde fai anos, nos que dixitalizou máis de 15.000 metros de película doméstica queirán formando parte da colección do museo virtual. O MOCA ponse como obxectivo atopara e dixitalizar dúas coleccións por ano para seguir traballando sobre o patrimonio audiovisual que representa o cine doméstico.