O Centro Galego de Artes da Imaxe propón neste xaneiro de 2020 a celebración dunha década desde o nacemento do movemento audiovisual denominado Novo Cinema Galego. Baixo o acrónimo NCG10 a institución programará nos próximos meses dentro do ciclo OFFGalicia varios dos traballos desta nova xeración de creadores cinematográficos englobados baixo esa etiqueta acuñada nun artigo do crítico Martin Pawley o 2 de xaneiro de 2010. Durante este ano o CGAI exhibirá pezas feitas nesta década por Peque Varela, Eloy Enciso, Xurxo Chirro, Lois Patiño, Jaione Camborda, Víctor Hugo Seoane, Marcos Nine, Ángel Santos, Lara Bacelo, Ramiro Ledo, o dúo WeAReQQ, comezando polos traballos previos de dúas figuras clave, Óliver Laxe e Alberte Pagán. O CGAI lembra que hai dez anos chegaba a Quincena de Realizadores do festival francés de Cannes a película de Laxe Todos vos sodes capitáns marcando un punto de inflexión inmediato, co éxito do filme e o seu director, Óliver Laxe, convertido no único cineasta representante español no festival. Desde o CGAI ven que baixo esta etiqueta hai unha posición común en canto a "asunción de riscos, a certeza de que non hai máis límites para facer arte que os do talento que se posúa, a vontade de participar nos debates estéticos que sacoden o cine no resto do planeta provocando obras en moitos casos innovadoras, que non chega tarde, que se suma ás tendencias e correntes creativas en tempo presente". O eclecticismo formativo, a creación de abondosas sinerxias ou o papel protagonista dos festivais forman parte do ADN deste Novo Cinema Galego segundo o Centro. As exhibicións comezará o vindeiro 11 de xaneiro con Grrr! nº 7: Y las chimeneas decidieron escapar de Oliver Laxe e Enrique Aguilar; Grrr! nº 8: Suena la trompeta, ahora veo otra cara de Oliver Laxe e París #1, tamén de Laxe.