Dez festivais de verán entran na posta en marcha da marca Fest Galicia

O programa da Xunta busca crear un selo de calidade profesional nos festivais do territorio

O programa da Xunta busca crear un selo de calidade profesional nos festivais do territorio
Acto de presentación de Fest Galicia. Foto:AGADIC
A nova marca Fest Galicia impulsada pola Axencia Galega de Industrias Culturais ven de presentarse xa cos eventos que se sumaron a estar baixo este paraugas tras da convocatoria pública deste ano que rematou o pasado 8 de xuño. Aos oito festivais musicais (SinSal Son, Atlantic Fest, Vive Nigrán, 17ºRibeira Sacra, SonRías Baixas, Festival de La Luz, WOS festival e Revenidas) que forman parte da Asociación Empresarial Festivais de Galicia presentado o pasado 21 de súmanse neste Fest Galicia o Resurrection Fest e o Portamérica, grandes ausentes na dita asociación. Con este acto celebrado na Cidade da Cultura de Galicia, no que estiveron presentes entre outros o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez e representantes dos eventos implicados nesta primeira fase de lanzamento, dáse o inicio á actividade amparada tras esta marca e que inclúe varias liñas de acción da administración autonómica e coordinación coas organización dos festivais adheridos. A perspectiva da administración autonómica con Fest Galicia é transversal e de colaboración entre varios departamentos da Xunta, como a Consellería de Medio Ambiente, a Secretaria Xeral da Igualdade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, Turismo de Galicia ou a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Especialmente importante é a colaboración con Igualdade para a campaña AgresiónOFF pensada para que nos grandes eventos, festas, festivais non se perda o respecto entre as persoas e que se eviten e preveñan os abusos e agresións machistas físicas ou verbais. O acto de presentación contou tamén coa actuación de MJ Pérez, unha das novas voces da música galega.

A nova marca FEST Galicia, que recoñece o enorme valor destes eventos para o país e para as industrias culturais, busca promocionar o territorio galego como destino musical de verán baixo criterios de calidade, sustentabilidade e responsabilidade social. Os eventos adheridos teñen en común que funcionan de xeito profesional e que se preocupan por achegar valores engadidos á experiencia musical tanto na súa oferta de actividades como na súa xestión e organización. Román Rodríguez explicou que FEST Galicia nace como un proxecto transversal da Xunta para sumar estratexias e accións que reforcen o apoio que xa se lles está brindado aos festivais mediante a convocatoria anual de subvencións da Agadic, dotadas con 280.000 euros en 2018. Neste sentido, Agadic en colaboración directa co sector e coa Asociación de Festivais de Galicia, recentemente constituída, xa fixou as primeiras accións estratéxicas que se traducirán en dinámicas de traballo a medio prazo. O conselleiro destacou especialmente tres delas: a realización de estudos de impacto económico, social e mediático dos eventos; a redacción dun manual de boas prácticas asociado á posta en marcha dun selo de calidade que recoñeza aqueles festivais que cumpran criterios de excelencia, profesionalidade e sustentabilidade; e a elaboración dun plan estratéxico do sector.


Primeiras accións estratéxicas

Así, FEST Galicia realizará estudos de impacto destes eventos co fin de obter datos sobre o seu retorno directo, indirecto e inducido. As medicións serán realizadas por un equipo consultor integrado por especialistas do ámbito universitario e terán como resultado un informe de avaliación, que servirá como punto de partida para traballar sobre medidas que redunden nos valores que a marca promove. Nesta primeira edición, estudaranse os impactos xerados nos festivais PortAmérica, Resurrection Fest, Sinsal SON Estrella Galicia, SonRías Baixas e Revenidas.
Esta estratexia tamén leva parello un manual de boas prácticas, que abrangue os ámbitos legal, medioambiental, laboral etc., co obxectivo de servir de guía para todos os festivais. En estreita relación con esta medida, desenvolverase a medio prazo un selo a modo de distintivo que recoñeza e lles dea visibilidade aos grandes eventos musicais galegos organizados con criterios de calidade, sustentabilidade e responsabilidade.
FEST Galicia vai ser promovida dentro e fóra de Galicia a través dun plan de comunicación que contempla accións a curto, medio e longo prazo, como a realización de presentacións conxuntas baixo este paraugas. Nunha primeira fase, a que corresponde á presente temporada de festivais de verán 2018, a marca terá presenza en todos os eventos adheridos a través dun espazo propio de difusión e sensibilización, así como de campañas, accións e liñas de traballo en diferentes ámbitos, adaptadas especificamente a cada un destes encontros musicais e coa colaboración directa de varios departamentos da Xunta.

Festivais seguros para as mulleres

Con respecto á colaboración de Igualdade, a través da campaña AgresiónOff, o obxectivo principal é que as mulleres estean seguras nestes grandes eventos e, deste xeito, implantaranse diversas medidas, entre as cales, un Decálogo contra a violencia sexual: dez cousas que tes que saber, distribución de material informativo, proxección de vídeos nos escenarios dos festivais, ademais de persoas in situ dando información e formación de como actuar ou a quen acudir en caso de agresións. Neste sentido xa hai varios festivais como o Resurrection Fest e o máis recente Ourenrrock que contan con protocolos concretos ou persoal especializado para a vixiancia contra calquera forma de violencia machista nos seus recintos.