Seis festivais galegos son finalistas nos Iberian Festival Awards

O XIIº Resurrection Fest de Viveiro acada oito candidaturas

A terceira edición dos Iberian Festival Awards vai escoller entre a enorme oferta de festivais musicais que hai en toda a península e algúns do Reino unido os mellores do 2017 en ata 22 categorías diferentes e algúns dos finalistas escollidos son eventos do catálogo galego de oferta musical. Cinco dos nosos festivais musicais e un “Non musical” son candidatos a galardón nestes recoñecementos escollidos entre público e industria que presentan agora os dez candidatos finalistas a cada premio. A mellor baza galega para recoller premio é, como é habitual, o Resurrection Fest de Viveiro nas súas duodécima edición. O máis grande dos festivais de Galicia acumula oito mencións finalistas entre elas a de Mellor Festival de Grandes Dimensións e a de Mellor Festival Lusófono e/ou Hispánico.

Non son menores outras candidaturas do evento de rock duro viveirense como as que ten a Mellor Cartel; Mellores Infraestruturas; Mellor zona de acampada e a Mellor actuación internacional do ano, para a súa banda estrela no 2017, os xermanos Rammstein. A candidatura a Mellor Comunicación pode servir tamén para explicar a súa forte presencia neste premios concedidos polo International Music Festivals Forum ademais da posición finalista da marca que se engadiu ao seu nome, Estrella Galicia na categoría de Mellor Activación de Marca. É nesta categoría onde semella que os nosos festivais teñen o traballo máis ben feito xa que xunto ao "Resu" aparecen aí como finalistas dúas marcas, New Balance e Ron Barceló, como asociadas dos festivais Sinsal Son e Portamérica respectivamente.

O Sinsal Son da Illa de San Simón acada tamén outras dúas opcións de premio por considerarse a súa como unha das finalistas a Mellor Promoción Turística e ademais competirá no apartado de Mellor Festival de Pequeno Tamaño, competindo, entre outros, co Live for Madness Metal Fest de Ourense. O evento ourensán consegue tamén un posto na selección final deste Iberian Awards ao Mellor Festival en Recinto Cuberto. Os cabezas de cartel do festival SonRías Baixas de Bueu, a banda NARCO, conseguiron por esa actuación colocarse entre os finalistas a Mellor Actuación Portuguesa e/ou Española. Pecha a lista de candidaturas musicais galegas a da empresa Migan como Mellor Provedor de Servicios, debido á suá montaxe hosteleira no Showrocking de Portamérica en Caldas de Reis. O festival audiovisual Curtocircuíto de Compostela, que inclúe tamén unha programación musical obtén presenza entre os dez finalistas internacionais ao premio a Mellor Festival Non Musical. O reparto final destes recoñecementos coñecerase nunha gala a celebrarse o vindeiro 15 de marzo en Lisboa.