Agadic crea un programa de marca conxunta e impulso para os festivais de música

Fest Galicia está pensado para apoiar ao sector profesional da produción destes eventos

31/5/2018 | Redacción: Santiago. S. Montes | Seccións: EspectáculosMúsicaPolíticas Culturais
8 lecturas | Compartido 0 veces

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) ven de presentar un programa específico de apoio aos festivais de música que se celebran en Galicia. O programa estará baixo o paraugas da marca FEST GALICIA e anuncia a posterior adopción de medidas co obxectivo de crear valor engadido nos festivais galegos a través da adopción das medidas necesarias para situalos como un produto cultural e turístico capaz de atraer visitantes a Galicia. Segundo o que avanza Agadic prepararanse campañas de promoción exterior e interior para os festivais da marca. A axencia autonómica tamén propón que este programa sirva para vertebrar o territorio desde a sustentabilidade social e medioambiental destes eventos. Así mesmo o programa FEST GALICIA semellará conseguir unha simplificación administrativa ao conectar todos os departamentos da Administración galega relacionados con calquera dos ámbitos que abarca cada festival: turismo, xuventude, igualdade, medio ambiente, calidade, etc.
Agadic recoñece con este programa a capacidade de xeración de emprego e riqueza dos festivais profesionais privados así como o seu efecto multiplicador de investimento e achega na recadación fiscal neta. Malia que non fai referencia directa na súa exposición de motivos á obriga de tutela e promoción do dereito de acceso á cultura que recolle a Constitución, sí recoñece a axencia os beneficios sociais orixinados que están relacionados, en termos xerais, coa mellora do benestar da cidadanía, a cohesión social e o desenvolvemento de valores cívicos. Para entrar baixo o paraugas da marca e programa FEST GALICIA, a axencia pon requisitos moi relacionados coa profesionalización dos mesmos como que sexan producidos sempre desde empresas privadas malia que estean promovidos por entidades sen ánimo de lucro que contraten a unha destas empresas para a produción. Ademais a entrada aos festivais non poderá ser gratuíta senón por entradas vendidas dentro dos prezos de mercado, o que deixa fóra grandes eventos como o festival do Mundo celta de Ortigueira ou o Noroeste da Coruña, e os eventos terán que durar canda menos dous días consecutivos ofrecendo tres artistas por día. Entre estes requisitos tamén hai un orzamentario, que coloca o orzamento mínimo do festival en 100.000 euros (IVE aparte). Os festivais interesados en formar parte deste proxecto teñen ata o venres 8 de xuño para inscribirse mediante a presentación no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia do modelo normalizado de solicitude que se pode atopar na páxina de AGADIC.

Festivais de Música

Ver serie completa
14/06/2018

Dez festivais de verán entran na posta en marcha da marca Fest Galicia

O programa da Xunta busca crear un selo de calidade profesional nos festivais do territorio

28/05/2018

Desaparece o Festival V de Valarés de Ponteceso

As presións medioambientais e outras trabas sepultan o evento que celebraría este ano a súa XIIª edición

01/03/2018

O Son do Camiño esgota 20.000 abonos en dúas horas

As vendas virtuais para o festival desbordáronse mentres os prezos ían crecendo

27/02/2018

O patrocinio de O Son do Camiño levanta protestas

A asociación de empresas musicais e os partidos da oposición reclaman máis transparencia

20/02/2018

Seis festivais galegos son finalistas nos Iberian Festival Awards

O XIIº Resurrection Fest de Viveiro acada oito candidaturas

08/08/2017

Festival Noroeste: o fénix que medra

Comeza hoxe reforzada unha das citas musicais estivais máis importantes e lonxevas que pasou por polémicos e difíciles momentos

Universo culturagalega.gal