Resurrection Fest. Foto: Facebook do festival
No paradigma da economía creativa descríbense as economías baseadas no coñecemento e a imaxinación en contraste coas economías tradicionais que teñen o seu fundamento na explotación dos recursos naturais, o traballo e o capital. A economía creativa foi obxecto de atención axiña polos responsables das políticas culturais de moitos países da Unión Europea. Ao fin e ao cabo, se a deslocalización, a crise financeira e outros males indicaban que era preciso mudar o modelo produtivo, por qué non tentar algo relacionado coa orixinalidade, un capital abundante por estas latitudes? Xa quedan lonxe os tempos nos que a cultura se entendía como un divertimento ou unha actividade financiada a fondo perdido. Hoxe todos sabemos que a cultura xera riqueza e emprego. En Galicia, a cultura supón máis do 3% do emprego.
Impacto directo e indirecto
Se aos 10,2 millóns de euros de gasto directo declarados polo festival lle engadísemos os impactos indirectos e os multiplicadores habituais nos estudos de impacto económico iríamos a unha cifra moito maior. En calquera caso, só ese gasto neto supón xa o 2,7% do PIB municipal de Viveiro. Dan emprego directo a 350 persoas e calculan modestamente que xeran uns 700 postos de traballo indirectos máis. Pese á preocupación dos seus organizadores por crear riqueza local, o impacto do festival transcende amplamente ao municipio e á comarca. A realidade é que era moi difícil atopa unha praza de aloxamento libre a fin de semana pasada dende Betanzos ata Ribadeo.
E todo isto conseguiuse durante uns anos moi complicados para a cultura. Para facerse unha idea, o gasto en cultura dos galegos descendeu en máis de 300 euros por familia dende 2008 . Concretamente, o orzamento familiar destinado a espectáculos descendeu un 32% nese mesmo período. O gasto público tampouco parou de minguar. Lonxe quedan eses anos nos que a administración sufragaba enteiramente eventos multitudinarios como este. Pero pese a todo, o Resurrection Fest é o festival máis grande de Galicia. Tamén é un dos máis importantes no seu xénero en toda España e destacado en Europa.
Organización profesional
Unha visita ao festival deste ano sirve para darse conta de que o Resurrection é unha cousa seria. O cartel con 75 grupos musicais, ou a visita de Iron Maiden, unha das bandas máis populares do heavy metal de todos os tempos non eran os únicos atractivos deste evento. Dentro do recinto atopábanse ducias de tendas especializadas de música e de moda. Podíanse mercar camisetas de grupos populares, pero tamén rarezas, parafernalia e multitude de obxectos da cultura heavy, rock e punk. Había varias tendas que vendían discos de vinilo con bastante éxito, por certo. A oferta gastronómica resultaba sorprendente. Non solo se podían degustar bocadillos e hamburguesas, o que cabe esperar, podíase tamén comer dende unha parrilada arxentina, a un wok oriental, pasando por comida vexetariana, mexicana, italiana e, por suposto, galega. Tamén se organizou un campamento musical para os nenos, porque son moitas as familias que se achegan ao festival. Incluso había un concurso do popular xogo “guitar hero”. Ao contrario do que pode ditar unha intuición prexuizosa, obsérvabase unha seguridade e unha organización exquisita e profesional.
E cal é o segredo? Probablemente o traballo e a constancia, e, sen dúbida, a creatividade. Aínda que fose por instinto, eses rapaces de Viveiro sabían que para que os seus soños de adolescentes se fixeran realidade e puideran traer ás bandas ás que escoitaban ao seu pobo, non chegaba con desexalo. Era importante arriscar e inventar algo. E deso vai a economía creativa, de que a capacidade de xerar cousas novas e orixinais é un capital. Eses irmáns xestionan agora unha empresa cultural que dobra a súa facturación ano tras ano. É unha empresa cultural que foi capaz de crear riqueza nun contexto moi difícil. O Resurrection Fest non é outra cousa que un proxecto montado sobre unha idea, un produto novo e diferenciado. Algo que ninguén fixera antes. Un exemplo para a industria cultural do país.









