O patrocinio de O Son do Camiño levanta protestas

A asociación de empresas musicais e os partidos da oposición reclaman máis transparencia

| Santiago. S. Montes | Seccións: Espectáculos
Compartir:
Acto de presentación do festival O Son do Camiño. Fonte:Xunta de Galicia

Acto de presentación do festival O Son do Camiño. Fonte:Xunta de Galicia

Ao anuncio público o pasado venres do festival O Son do Camiño na Cidade da Cultura, con presenza e intervención dos responsables públicos do patrocinio principal para a Axencia de Turismo de Galicia seguiulle de xeito case que inmediato, unha cascada de comunicacións críticas, tanto desde o mundo das empresas como desde a acción política. O procedemento administrativo de contrato negociado sen publicidade para á contratación desde patrocinio publicitario cun desembolso de 2.975.000 euros (IVE engadido) para esta acción foi duramente protestado con grosos adxectivos e seriamente ameazado con accións legais.

A primeira e más inmediata reacción veu da man da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) que esa mesma tarde lanzou un comunicado no que relataban como xa o pasado 9 de febreiro desde AGEM enviaran unha carta á Consellería de Presidencia solicitando a paralización dun proceso que a asociación entendía non cumpría cos requisitos mínimos de concorrencia e igualdade de oportunidades para ás distintas empresas do sector. No momento en que puideron acceder á Resolución de Adxudicación, cando foi publicada na plataforma web de Contratos Públicos de Galicia o día anterior á presentación do evento, a AGEM considerou que os documentos públicos presentaban "graves irregularidades" e espertaban "fundadas sospeitas de que o contrato foi preparado con accións que permitiran darlle unha aparencia de legalidade". A asociación trasladaba que desde moitas das empresas musicais, asociadas ou non, estaba a se entender que "a exclusividade outorgada de facto pola Xunta de Galicia para a programación neste ano do Xacobeo 2021 a unha UTE de dúas empresas está a xerar graves distorsións no mercado, atentando contra a competencia e poñendo en risco a supervivencia de moitas empresas do noso sector".

Programación vs. Patrocinio
Unha das empresas da UTE que promove o festival, Esmerarte Industria Creativas S.L., é asociada tamén da AGEM. O seu director, Kin Martínez, asegurou a Cultura Galega que foi “un erro” da asociación enviar ese comunicado sen ter previamente contactado coa súa empresa como implicada na situación e asociada. Martínez asegura que hai un erro de base ao considerar que os cartos públicos van destinados á programación cando saen dunha partida dirixida á comunicación e ese é o seu fin. "Esto é un patrocinio público a cambio de retorno publicitario", remarca o empresario que asegura que O Son do camiño non forma parte da programación cultural do Xacobeo, só serve de plataforma de promoción da marca Xacobeo a través do patrocinio dun evento no que a UTE promotora inviste "máis do dobre" da contía do contrato de promoción asinado coa Axencia Galega de Turismo. Segundo afirma Kin, o impacto de retorno publicitario, medible, e que para ser cobrado terá que ser posteriormente xustificado de acordo con esa adxudicación pública, pode valorarse catro días despois da presentación xa "nun millón de euros". Martínez cre que o que hai é que celebrar que eses cartos públicos destinados á publicidade queden no ámbito da música e non vaian para outras posibles accións promocionais do máis variopinto sen cualidade cultural ou de empresas de fóra de Galicia. No relativo á vindeira programación cultural do Xacobeo 2021, Kin Martínez, espera que no relativo ao presuposto destinado a ese fin si se faga por concorrencia competitiva aberto a todas as empresas do sector cultural.

Lea política
Desde os partidos da oposición as voces alzáronse de xeito contundente e con graves e claras acusacións ao executivo autonómico. O grupo de En Marea achou "total ausencia de transparencia" na contratación. Desde o grupo de En Marea lembran que a contratación por procedemento negociado sen publicidade (por exclusividade) é considerada unha vía excepcional tanto na lexislación española como na comunitaria. A formación rexistrou no Parlamento de Galicia dunha pregunta dirixida ao Goberno da Xunta para que dea explicacións por este contrato.

Desde o BNG, a portavoz parlamentaria de Cultura, Olalla Rodil, pediu "que se explique por que se asinou un contrato por valor de case tres millóns de euros sen concorrencia competitiva nin publicidade algunha, e cales son os compromisos que se derivan deste patrocinio arredor do Xacobeo 2021". En concreto, o Bloque solicita a remisión ao Parlamento dos pregos e de toda a documentación correspondente ao patrocinio asinado pola Axencia galega de Turismo, para coñecer as condicións da adxudicación e a que obriga ese patrocinio.

No PSdG-PSOE a portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Concepción Burgo, presentou unha batería de iniciativas parlamentarias para esixirlle á Xunta explicacións pola concesión deste contrato "a dedo" para, segundo eles "organizar o festival de música O Son do Camiño". Burgo acusa ao goberno galego de presentar un "burdo subterfuxio para vestir de legalidade o que son prácticas escuras" para garantir a exclusividade das empresas cun contrato sen concurso público nin aberto "por motivos que deben explicar urxentemente". Apunta Burgo que estas "prácticas escuras só atenden á vontade política do PP e provocan serias e preocupantes dúbidas sobre a xestión cultural do próximo Xacobeo".

"Se se pon en risco este proxecto -di Kin Martínez en referencia ao cuestionamento da legalidade do contrato de patrocinio- habería que poñer en risco absolutamente todos os patrocinios que se están dando por todas as institucións". Segundo Kin este é un procedemento administrativo que é utilizado "por todas as empresas deste sector que traballan en Galicia e doutros moitos sectores". O empresario pon como exemplo que "cando un concello decide pagarlle a unha aeroliña para que voe máis desde o seu aeroporto faise a través deste modelo contrato".

A Asociación galega de Empresas Musicais reuníase hoxe mesmo para tratar esta situación. Para Kin Martínez o comunicado inicial de AGEM causou un dano a nivel de imaxe. "Puxo en risco dúas empresas, os seus traballadores e o seu prestixio", di como representante da UTE e lembra que as dúas empresas (Esmerarte Industrias Creativas e Old Navy Port Producións) historicamente "teñen un currículo intachable e se están xogando moitos millóns de euros". Fontes de AGEM adiantaron a este medio que se emitiría un novo comunicado trasladando unha postura de defensa e respecto polas empresas pero incidindo cara á administración na necesidade da maior transparencia no uso dos fondos públicos.

Que che parece esta nova?
69 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Festivais de Música

Ver serie completa
Dez festivais de verán entran na posta en marcha da marca Fest Galicia

Dez festivais de verán entran na posta en marcha da marca Fest Galicia

O programa da Xunta busca crear un selo de calidade profesional nos festivais do territorio

Agadic crea un programa de marca conxunta e impulso para os festivais de música

Agadic crea un programa de marca conxunta e impulso para os festivais de música

Fest Galicia está pensado para apoiar ao sector profesional da produción destes eventos

Desaparece o Festival V de Valarés de Ponteceso

Desaparece o Festival V de Valarés de Ponteceso

As presións medioambientais e outras trabas sepultan o evento que celebraría este ano a súa XIIª edición

O Son do Camiño esgota 20.000 abonos en dúas horas

O Son do Camiño esgota 20.000 abonos en dúas horas

As vendas virtuais para o festival desbordáronse mentres os prezos ían crecendo

Seis festivais galegos son finalistas nos Iberian Festival Awards

Seis festivais galegos son finalistas nos Iberian Festival Awards

O XIIº Resurrection Fest de Viveiro acada oito candidaturas

Festival Noroeste: o fénix que medra

Festival Noroeste: o fénix que medra

Comeza hoxe reforzada unha das citas musicais estivais máis importantes e lonxevas que pasou por polémicos e difíciles momentos

Do mesmo ámbito

Armas cargadas e rosas polémicas

Armas cargadas e rosas polémicas

Live Nation iniciará accións legais contra o concello de Vigo ao frustrarse o patrocinio de 1,9 millóns para o concerto de Guns N' Roses