Luces e sombras no reflexo da burbulla

A importancia que acadan os festivais musicais suscita reflexións sobre as súas dificultades presentes e futuras

A importancia que acadan os festivais musicais suscita reflexións sobre as súas dificultades presentes e futuras
Festival V de Valarés. Foto: S. Montes
Rematou o verán dos festivais e comeza o outono do teatro e cine, actividades máis de baixo teito, por iso é chegado o momento de reflexionar sobre o que supón ter arredor de cincuenta festivais nun territorio coma o noso. A pasada semana déronse a coñecer as candidaturas aos Premios Fest, que recoñecen ata 14 categorías polas que pode ser premiado un festival. Dezanove festivais galegos están aí presentes e optan a once galardóns, algúns deles en varias candidaturas. Iso é sen dúbida un recoñecemento á boa saúde da comunidade no eido dos festivais pero non impide recapacitar sobre algúns problemas presentes ou posibles no futuro. A necesidade da profesionalización do sector, as dificultades de tratar con administracións e patrocinadores, as limitacións ao crecemento derivadas da localización xeográfica ou o relevo xeracional son algúns dos puntos de reflexión

No caso concreto de Galicia o tempo estival acompañou e as economías ao parecer tamén causando poucas baixas por estes conceptos ou por outros na oferta destes eventos. O pasado 24 de setembro cancelábase por causas meteorolóxicas o Rock is Dead en Santiago e o Love Festival que ía celebrarse inicialmente en Silleda en agosto adiouse inicialmente para rematar cancelándose tras pasar por unha maraña de problemas organizativos e coas administracións. Foron talvez os dous casos máis coñecidos. Xa quedan atrás as numerosas cancelacións ou directamente supresión de convocatorias habituais que tiveron lugar nos primeiros anos da crise económica, como eses tres anos sen o Cultura Quente de Caldas. A nivel nacional foron moitas as grandes citas que este ano tiveron que cancelarse. A finais de xullo o rapero Ricardo Romero, Nega de Los Chikos del Maíz, publicou no magazine PlayGround un artigo titulado El pinchazo de la burbuja de los festivales de música explicado en 5 pasos no que chegaba a afirmar que estaba a ser un verán “apocalíptico” para os festivais. O artigo fíxose rapidamente viral nas redes sociais e deu pé a moitas opinións.

Desde que en setembro de 2006 a financeira Lehman Brothers caeu levando con ela en efecto fervenza parte da economía occidental a palabra “burbulla” fíxose tan familiar que xa demos en aplicala por defecto a todos aqueles sistemas, empresas ou tecidos que cremos que están arriscando demasiado e que ameazan con rebentar deixando tras de si damnificacións variadas. Esa mesma crise que comezou coa caída de Lehman Brothers alcanzou aos eventos musicais, en cada unha das súas tres bases económicas: achegas públicas, investimento privado e consumidores. Pero desde entón ata agora, malia algunhas cancelacións e desaparicións os festivais seguen a existir en gran número e a congregar cada ano milleiros de persoas, ata o punto en que, segundo recolle o informe A música en Galicia (2016) do Observatorio da Cultura Galega, no ano 2014 comezou a remontar a recadación da música en directo. O cuestionamento sobre como son e deben ser os festivais, as diferentes tipoloxías e as dificultades na organización está sobre a mesa.

Aínda que en moitos casos o deseño dos festivais segue os pasos deixados polos exitosos Sonar, FIB ou o xa mítico Doctor Music, hai neste momento outras formas de festival collendo forza fóra de este concepto, como son aqueles que deveñen en ciclos que se estiran no tempo, como o Sinsal Outono, e nos escenarios, como o Feito a man de Compostela ou os que malia estar concentrados nuns días escollen un deseño de festival urbano, salpicando cos seus concertos diferentes espazos dunha cidade e integrándose no devir cotián da súa vida. Este é o caso do recente WOS festival, tamén en Compostela, onde ademais da actividade musical a organización montou un programa de encontros que con formato de mesas redondas ou conferencias serviu, entre outros temas, para reflexionar sobre os propios festivais. Baixo o título “Festivais 2.0 Creatividade e risco na xestión cultural” o WOS reuniu na Cidade da Cultura representantes do festival L.E.V. de Xixón, do Sinsal e dos festivais portugueses Milhoes de Festa, de Barcelos e Semibreve de Braga. Pequenos, alternativos, esixentes, especializados, prestixiosos e resistentes. Esas son as características comúns aos catro festivais alí representados. No transcorrer dese encontro as reflexións cubriron practicamente todas liñas básicas de preocupación de calquera de este tipo de actos culturais.


Facelo viable: as tres patas

Financiamento privado, axudas públicas e patrocinios. Nestas tres modalidades resúmense as vías de soporte económico necesarias para montar e sacar adiante a organización dun evento destas características. E hai acordo entre os organizadores do eventos nas dificultados comúns que adoitan atopar nestes casos. Os diálogos coas institucións públicas e coas empresas privadas son moi diferentes pero a dificultade de pasar de falar o idioma da música e da arte ao destas entidades resulta moi complicado ao principio para os organizadores, así como afacerse aos seus xeitos de traballar e ás súas esixencias. Os departamentos de mercadotécnia das empresas e os organizadores de festivais non sempre conseguen conectar ben e resulta complicado obter estes apoios coa antelación suficiente e ademais salvagardar o control de cousas tan simples como a propia imaxe de marca dos festivais ou o deseño de escenarios. As presións para a colocación de publicidade pode chegar a propor situacións ridículas ou que fagan complicada a actuación artística. Con todo, no caso dalgúns festivais de corte máis alternativo os recursos públicos son a súa principal fonte de financiamento indispensable, así o recoñeceron no caso do L.E.V. de Xixón ou do Semibreve de Braga nese encontro. Para estes festivais convencer ás administracións da necesidade do investimento público pasa agora mesmo por facelas ver o impacto positivo de retorno que o sector da cultura supón para os territorios onde se realizan os eventos. Poñer as localidades no mapa a través da presenza en medios e acadar un impacto directo na economía local son as principais preocupacións dos xestores públicos e a maneira en que todos os festivais están a conseguir, en distinta medida a súa implicación. Se nos máis pequenos ese impacto en medios e a subida da reputación cultural dunha localidade en base a crear unha imaxe de marca de esixencia e exclusividade consegue esa implicación noutro o retorno xerado polo propio evento en si resulta determinante. É por iso que as estruturas promotoras dos eventos, en moitos casos saídas da unión de afeccionados ou artistas afeitos a presentar os seus proxectos en termos de creatividade ou proposta artística, precisaron dar pasos cara a súa profesionalización e buscar métodos de medición que lles permitisen acadar datos cuantitativos e cualitativos de impacto directo e tamén contratar xente para mellorar as súas campañas de comunicación, sobre todo en redes sociais.


Nalgúns casos as axudas públicas son de concorrencia competitiva, obrigando aos festivais a cumprir unhas determinadas condicións que por exemplo no caso da Axencia Galega de Industrias Culturais deixan fóra a novos festivais con menos de dúas edicións anteriores á solicitude . Eventos grandes e con importante tirón, malia recibir axudas públicas, contan xa cun soporte privado e patrocinios fortes que reduce esa axuda a un papel complementario, así é o caso do Resurrection Fest, un dos casos de máis éxito, que este ano recibiu 240.000 euros en axudas públicas por tres administracións, bastante menos dos 385.000 euros que xa conseguiu ingresar nas primeiras tres horas de venda de abonos para a súa seguinte edición de 2017 sen ter aínda cartel. O impacto deste festival na súa comarca estímase en máis de dez millóns de euros. Nestes casos o diñeiro público supón unha minimización de riscos económicos, aínda que como admiten todos os organizadores, os cartos públicos sempre entran máis tarde na caixa de cando un os precisa ter.

Os xestores do público tampouco están exentos de riscos na participación en festivais, non só riscos políticos en base a críticas que os programas poidan ter pola súa escolla de artistas, senón tamén riscos legais. Este mes de agosto coñeceuse a decisión do Xulgado de Instrución número 8 da Coruña de impoñer unha fianza de 213.328 ao ex alcalde de Cambre, Manuel Rivas Caridad, polas perdas acumuladas e non xustificadas na celebración do festival Brincadeira de 2012 nesa localidade. Rivas viu embargados os seus bens despois dunha imputación por presunta prevaricación administrativa ao achegar 240.000 euros do Concello sen pedir garantías de devolución nin exercer posteriormente a reclamación. O festival contaba con reunir 40.000 persoas en Cambre co tirón de bandas como Status Quo e Calle 13 pero non chegou máis alá das 20.000. As contas finais deixaron un déficit de máis de 200.000 euros.

Pero tamén hai casos singulares de éxito como a campaña Rias Baixas Fests enxergada desde o departamento de Turismo da Deputación de Pontevedra e que promove conxuntamente sete festivais da provincia. Para o representante de Sinsal na mesa do WOS , trátase dun modelo singular e de éxito. Estímase que os sete eventos incluídos reuniron este verán a preto de 200.000 persoas e rexistraron un impacto económico total de 26 millóns de euros para os seus concellos e comarcas, nas que as ocupacións hoteleiras durante os días das súas celebracións foron dun 100% practicamente en todas as ocasións. A creación de emprego directo estímase en máis dun milleiro de postos de traballo. Festivais como Revenidas, Sinsal, SonRías e Marisquiño acadaron as súas marcas de asistencia máxima e o Cultura Quente aumentou nun 20 por cento respecto ao anterior ano.

As dificultades das periferias

Xustamente son os departamentos públicos de Turismo, máis que os de Cultura os receptores e interesados nestas iniciativas con lexítimos obxectivos de promoción de visitantes. Os festivais de carácter urbano como o Feito a Man de Compostela ou o Noroeste Pop Rock da Coruña teñen especial relevancia neste sentido dotando as cidades dunha programación cultural atractiva na súa competición estival cos paraxes naturais, as praias e as festas gastronómicas das pequenas localidades e animando á participación activa do público local. Pero hai que recoñecer que malia ter arredor de cincuenta festivais nos meses de verán, algúns deles con traxectorias tan consolidadas e mantidas como o Festival Internacional do Mundo Folk de Ortigueira, o Canjazz ou Derrame Rock entre outras lonxevas citas, Galicia segue a ser periferia no sector dos festivais. Atraer o público foráneo ao noso recuncho atlántico segue a ser un obstáculo ante a competencia noutros lugares mellor comunicados e iso limita o crecemento dalgúns destes eventos que para manter prezos e carteis de relevancia precisan grandes cantidades de xente. Se ben é certo que os encantos da nosa terra –cando o tempo acompaña- e a nosa gastronomía axudan bastante (o feito de que o internacionalmente coñecido festival de cultura urbana acadase a súa importancia chamándose O Marisquiño, algo quere dicir) estamos a centos de quilómetros das principais cidades do Estado.

No circuíto clásico de festivais Sevilla-Madrid –Barcelona no que en verán únese todo Levante e citas concretas como Bilbao que acadaron inserirse grazas á súa proxección internacional a asistencia de persoas está moito máis asegurada para os grandes eventos e poden arriscar máis con grandes figuras na cabeza dos seus carteis, feito este que dá máis importancia se cabe aos enormes esforzos que se fan nos nosos lares. Nunha industria musical na que a importancia dos ingresos trasladouse da venda de discos á xestión de dereitos e ao negocio da música en directo, a profesionalización da xestión dos festivais, grandes ou pequenos, semella obrigada pola complexidade na negociación.

Os macroeventos nacionais ademais teñen un efecto perverso sobre os custes a pagar por algúns destes artistas, que soben os seus caches dun ano a outro como consecuencia de ter actuado neles e ter conseguido atraer a ducias de milleiros. Malia todo, no caso de festivais pequenos, pero de grande prestixio como algúns dos representados no encontro do WOS, moitos artistas chegaron a facer enormes rebaixas nas súas peticións para poder “axustarse” ao orzamento do evento, atraídos sen dúbida pola posibilidade de resultar asociados a esa imaxe de calidade e esixencia destes eventos.

Público sen relevo

O feito de que cada vez vexamos con máis normalidade que a gastronomía de calidade e a animación infantil forman parte dos programas dos principais eventos ou que os cabezas de cartel son grupos que obtiveron os seus maiores éxitos hai vinte anos é un indicador de que algo pasa coa media de idade. Que haxa xente de tódalas idades é algo bo sempre que se comparta o espírito de diversión e interese musical, pero que non exista relevo de público pode chegar a ser problemático. No caso dos festivais de pop-rock e música electrónica que son os que máis cartos recadan (o pop rock acapara o 92,8 % da recadación dos concertos de música popular en Galicia segundo o informe A música en Galicia (2016) do Observatorio da Cultura Galega) estes detalles mencionados están a amosar que a franxa de idade maioritaria dos seus asistentes está subir e que xa é necesario ofrecer, por exemplo, animación infantil para todas aquelas familias que comparten o evento. Tanto o Atlantic Fest como o Resurrection Fest son exemplos paradigmáticos ofrecendo estes servizos. Tamén no que ten que ver co pracer maduro do bo comer están moitos festivais facendo esforzos por mellorar o servizo máis alá dos camións de comida que non poden faltar. Servizos de restauración a cargo de afamados cociñeiros forman parte do cartel, estrelas Michelín danse a man coas estrelas de rock para satisfacer padais esixentes e dunha franxa de idade acorde con esa esixencia.

Isto non debera parecernos estraño tendo en conta que estamos nun país cunha taxa de paro xuvenil do 43,7% entre os menores de 25 anos segundo a derradeira EPA e con graves problemas demográficos por unha poboación avellentada. Ademais en moitos casos estes festivais acusan tamén o propio aumento de idade dos seus organizadores, cada vez a eles mesmos vailles custar más atraer a un público do que a idade vainos afastando lentamente nos seus hábitos e intereses. Así o recoñecían practicamente todos os organizadores asistentes ao Encontro “Festivais 2.0 Creatividade e risco na xestión cultural”, ao asegurar o moito que lles custaba chegar á xente máis nova para saber que poderían ofrecerlles que servise para ir creando relevo xeracional no público. Para eles agora mesmo os novos son un grande enigma e seguen a ver repetirse e envellecer ano tras ano a moito do seu público máis fiel sen que haxa un futuro claro pola banda da asistencia. O futuro dos festivais está en xogo, ou quizais só o deste modelo maioritario de festivais.