Noticias
Cómprese o Centenario do nacemento do compositor e crítico lucense Jesús Bal y Gay
Xénero:
| 9 / 5 / 2005Se repasaramos a memoria musical do país apreciaremos que Galicia non tivo un Mozart nin un Beethoven, ou un Manuel de Falla. Pero hai moitos nomes que contribuíron a crear a historia musical do país e que teñen certa entidade e relevancia. Entre todos eles destaca o de Jesús Bal y Gay do que se cumpren cen anos do seu nacemento e que foi autor do “Cancioneiro Galego”. A súa é outra das historias que deixou o exilio galego e que cómpre non esquecer.
O proxecto Meniños Cantores recolle nun disco as voces de quiñentos nenos a cantar temas tradicionais das dúas bandas da raia
Xénero:
| 3 / 5 / 2005Encontrar un disco no que participan quiñentos intérpretes non é sinxelo. Se ademais é un proxecto realizado desde centros de ensino de dous países veciños celebrando un patrimonio oral común estamos sen dúbida ante un proxecto único no mundo. Por se fose pouco, este proxecto desenvólvese aquí mesmo, entre o Sur de Galicia e o Norte de Portugal, a partir da iniciativa “Ponte... Nas Ondas”.
Nace en Vigo un festival que dedicará quince días a encher de Jazz europeo Vigo
Xénero:
| 2 / 5 / 2005O Festival Internacional de Jazz de Vigo, "imaxina Sons", nace coa intención de cubrir un baleiro e satisfacer a demanda respecto ao ámbito europeo do Jazz, intentando mostrar tendencias descoñecidas desta música no noso país que no resto de Europa si están presentes. Trátase principalmente de dar información sobre o Jazz actual do noso entorno: dende Galicia, ata España e Europa. Este festival desenvolverase desde o 16 de xuño ata o 3 de xullo e conta cun orzamento de 300.000 euros achegado polo Concello e Caixanova. O músico Baldo Martínez ocupa o posto de director artístico do evento. O festival desenvolverá os seus obxectivos a través de diversas actividades alén dos concertos en teatros e auditorios. Haberá Jazz na rúa, actuacións nocturnas en locais, exposicións, mesas redondas, debates, conferencias e clases maxistrais.
Máis información e programa no Xornal do Concello de Vigo
A OSG celebra un concerto para promover a declaración da Torre de Hércules a Patrimonio da Humanidade
Xénero:
| 27 / 4 / 2005Esta fin de semana o Teatro da Ópera da Coruña acollerá un dos concertos máis numerosos da súa historia. Non só porque encherá o aforo (xa están vendidas todas as localidades) senón porque no escenario haberá ata catrocentos músicos para interpretar a Oitava Sinfonía de Mahler. Acompañan á Orquestra Sinfónica de Galicia neste concerto, a Xove Orquestra Sinfónica, o Orfeón Donostiarra, o Coro de Cámara do Palau, os Nenos Cantores e o Coro da OSG. O concerto inclúese dentro do programa de actos promovido para apoiar a declaración da Torre de Hércules a Patrimonio da Humanidade.
Máis información en Galicia Hoxe e no web da Sinfónica
O vinte de maio o público e un xurado escollerán o Primeiro disco pop do ano de solistas galegos
Xénero:
| 27 / 4 / 2005¿Imaxinan un disco galego do ano? Pois moi pronto será unha realidade. Unha empresa, un compositor musical e nove mozos que acaban de editar o seu primeiro disco veñen de embarcarse nesta aventura. Unha iniciativa na que o público vota cal será o disco do ano. O resultado saberémolo o vindeiro día 20 de maio no transcurso dunha gala en Santa Cristina.
A metamorfose de Doa en Cantigalia inclúe a Rosa Cedron no proxecto musical
Xénero:
| 20 / 4 / 2005A incertidume sobre o futuro da ex-Luar na lubre, Rosa Cedrón, xa rematou coa última nova que a sitúa como parte dun novo grupo de nome Cantigalia xunto aos membros de Doa. Cedrón deixou en xaneiro Luar na lubre despois de nove anos nesa formación para “facer algo diferente”. Cantigalia supón unha aposta pola música folk medieval na que a cantante traballará xunto aos membros de Doa, un grupo que se creou nos anos setenta e que aínda seguía en activo. Os veteranos músicos Xoán Piñón, Bernardo Martínez e Xaquín Blanco fornecen a formación coa voz e o violonchelo de Cedrón buscando a interpretación anovadora da música popular e medieval.
Máis información en El Ideal Gallego
A Asociación de Gaiteiros Galegos oponse ao ensino do modelo escocés nas novas escolas de gaitas da Deputación de Pontevedra
Xénero:
| 20 / 4 / 2005A Asociación de Gaiteiros Galegos mobilízase para evitar que as escolas de gaitas financiadas pola Deputación de Pontevedra sigan o modelo “escocés” da Banda de gaitas de Ourense. Os colectivos agrupados nesta asociación afirman que o convenio de creación de cinco escolas asinado pola Deputación coa Asociación Banda de gaitas provincia de Pontevedra por unha contía de noventa mil euros deixa de lado a outras asociacións culturais, institucións e escolas municipais que levan moitos anos traballando no ensino musical tradicional. O presidente da Deputación, Rafael Louzán xa negou que a intención destas escolas fose a de seguir o estilo escocés pero desde a Asociación de Gaiteiros Galegos manteñen as súas sospeitas e convocan para o sábado unha Asemblea multitudinaria no Teatro Principal de Pontevedra para expor o seu punto de vista.
Máis información en Galicia Hoxe
e no sitio da AGG
Lugo entra nos circuítos de música clásica cun programa ecléctico e con personalidades destacadas
Xénero:
| 19 / 4 / 2005A Coruña, Santiago e Vigo teñen un rival nas citas imprescindibles de música clásica. Trátase de Lugo, a cidade que hoxe inaugura a unha nova edición do Festival de Música clásica. Un programa modesto e variado que ofrece, entre outros atractivos, a estrea no noso país dunha das mezzo máis importantes do panorama lírico actual. Coa actuación de Vivica Genaux, Lugo descentraliza o eixe Coruña-Vigo que ata o de agora marcaba a batuta.
Presentado o Festival Internacional e o Concurso Nacional de Piano Vigo 2005
Xénero:
| 15 / 4 / 2005O Festival Internacional de Piano Vigo 2005, presentado hoxe, traerá a Vigo desde o 19 da abril algúns dos máis destacados intérpretes deste instrumento a nivel internacional como o cubano Leonel Morales e os recoñecidos pianistas Antonio Di Cristofano, Francesco Monopoli, Pierluigi Camicia, Enrique Bátiz, Giovanni Humberto Battel e Evgueni Starodoubtsev. Comeza este ano e con vocación de continuidade o Concurso Nacional de Piano "Compositores de España" do 26 de maio ao 1 de xuño. O concurso está aberto tamén a pianistas portugueses e comprende tres categorías: infantil (ata os 12 anos), xuvenil (dos 13 aos 18 anos), e novo concertista (de 19 a 33 anos).Cada ano o concurso dedicarase a un compositor español. Na presente edición homenaxéase a Antón García Abril, interpretándose as súas diferentes obras escritas para piano.
Máis información en Xornal de Vigo
O músico Pablo Carpintero cédelle ao Arquivo Sonoro de Galicia a principal colección de música instrumental tradicional do país
Xénero:
| 14 / 4 / 2005Trescentas vinte e cinco horas de gravacións sonoras de gaiteiros e de cantos de reis, maioritariamente instrumentais. Esta é a extensión da colección que o músico Pablo Carpentero cedía onte ao Arquivo Sonoro de Galicia nun acto no que tamén estiveron presentes o coordinador deste organismo, Rodrigo Romaní e o xerente do Consello da Cultura Galega, Antonio Montero. Esta colección, produto dun longo traballo de recolleita por toda a xeografía do país, está considerada como a máis importantes de música instrumental de raíz, e foi xa catalogada polo propio músico. O Arquivo Sonoro iniciará agora os traballos de dixitalización deste material, que se agarda estean rematados no prazo dun ano.
Máis información no web do Consello da Cultura