Noticias
“Madame Butterfly” inaugura a temporada de outono da Asociación de Ópera
Xénero:
| 2 / 11 / 2005Hai uns meses presentábase a Asociación de Ópera para recuperar a programación operística en Vigo. Pois ben, o renacemento desa sociedade acaba de dar lugar ao programa “Lírica en Outono” baixo o que se presentarán tres óperas, outros tantos concertos, catro conferencias e unha serie de activades sobre o xénero. Co outono chega outra nova edición do festival Sinsal (o 3.0) que trae nomes de referencia do pop, a electrónica, a fusión dixital e do posrock internacional.
Máis información sobre a temporada de ópera no xornal do concello e no web de Sinsal
A Fundación Autor selecciona o disco de Iván Ferreiro na súa escolma sobre a tempada musical
Xénero:
| 27 / 10 / 2005Todos os anos a Fundación Autor, creada pola SGAE, edita unha caixa con seis discos (dous dobres e catro sinxelos) clasificados por estilos musicais no que recolle o mellor da tempada musical do 2005. Nesa escolla, na que colaboraron quince discográficas, figuran varios galegos. Iván Ferreiro aparece na categoría pop e Los Suaves na de rock, mentres que Mercedes Peón e Faltriqueira forman parte da selección “Raíces”.
Máis información no web da Fundación Autor
Budiño, Seivane e Sondeseu levan os premios La Opinión de folk
Xénero:
| 24 / 10 / 2005O pasado venres o mundo folk estaba pendente da Coruña. O xornal “La Opinión” entregaba os seus cuartos premios ás mellores gravacións deste estilo musical do pasado ano. O disco “Zume de terra” de Xosé Manuel Budiño levou o primeiro premio, seguindo de “Mar de Vigo”, da orquestra folk Sondeseu e por “Mares de tempo” de Susana Seivane. Noutro estilo esta fin de semana coñecemos a presenza dun novo galego na prestixiosa Red Bull Music Academy. O picadiscos vigués Mwëslee parte para Seattle, onde, ao longo dos vindeiros dous meses se formará en música electrónica canda a participantes de todo o mundo e coa presenza dos mais reputados nomes internacionais neste campo.
Máis información en La Opinión, no foro de Sinsalaudo.com e na edición de hoxe de Diario de Pontevedra , sobre a presenza galega na Red Bull Academy nos nosos arquivos
Unha nova falta de acordo deixa a Asociación de Gaiteiros Galegos fora dos cursos da Deputación de Pontevedra
Xénero:
| 13 / 10 / 2005Finalmente, as clases de gaita que oferta a Deputación de Pontevedra están a comezar esta mesma semana sen a participación da Asociación de Gaiteiros Galegos. O enfrontamento entre este colectivo e a Deputación Provincial rematara cun un acordo para que este colectivo colaborase nestes ciclos de ensino. Sen embargo, segundo Hipólito Cabezas, responsable da Escola Provincial de Gaitas, foi imposible concretar o xeito de colaboración.
Máis información no web da Asociación de Gaiteiros, na edición de hoxe de Diario de Pontevedra e nos nosos arquivos
A Orquestra Sinfónica inicia a súa temporada de concertos ao tempo que a Filharmonía, que celebra dez anos
Xénero:
| 3 / 10 / 2005O vindeiro sábado comezará no Palacio da Ópera da Coruña a temporada 2005-2006 da Orquestra Sinfónica de Galicia. Centrada no tema da guerra, esta formación abrirá a programación con pezas de Stevens, Chaikovsky e Beethoven. Pola súa banda, a Real Filharmonía inicia cun concerto na Catedral de Santiago o vindeiro día seis a súa temporada, coa que celebra o décimo aniversario. Os responsables da formación anuncian grandes novidades para este ano, entre as que sinalan a súa intención de incrementar os espectáculos escénicos.
Máis información sobre a Filharmonía en Galicia Hoxe, sobre a Sinfónica en La Opinión
O Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra tira o seu cuarto disco e consolídase como centro de formación neste estilo musical
Xénero:
| 3 / 10 / 2005Hai xa trece anos, Pontevedra incorporaba ao seu programa de festas do verán un tímido festival de jazz. Aos poucos, a iniciativa foi gañando adeptos e conseguiu converterse nunha das principais citas para os afeccionados a este xénero. Na busca de difundir dalgún xeito ao longo de todo o ano a presenza da música na cidade, nacía no ano 2001 o Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra. Esta iniciativa, na que participan algúns dos máis destacados intérpretes do país, preséntase coma o posible xermolo dun centro profesional de ensino para esta música.
A pesar de ser un dos espectáculos con maior éxito de público, a ópera continúa a ter asociada unha imaxe elitista
Xénero:
| 26 / 9 / 2005Ao longo do século XX a ópera e os concertos de música clásica constituíronse coma un fenómeno social de elites. A nobreza e a burguesía das grandes cidades acudían aos teatros ver o espectáculo tanto como para alternar, e facía destes lugares artísticos centros sociais de primeira orde onde se resolvían alianzas económicas, políticas e cuestións sentimentais. Na actualidade estes eventos musicais continúan a concentrar a atención de moita xente, tamén en Galicia. ¿Conservan tamén esa destacada función social?
Mutenrohi celebra o décimo aniversario cun disco e DVD e Islabikini presenta o seu novo disco en Lugo
Xénero:
| 22 / 9 / 2005Comeza o outono musical coa presentación do disco recompilatorio do grupo ourensán Mutenrohi. O disco supón un repaso á historia desta banda con dezaoito temas dos seus dez anos de actividade e inclúe un DVD co seu percorrido musical. A presentación do disco, no Teatro Principal de Ourense, consistirá nunha actuación cuxa recadación irá en beneficio da Asociación Down Ourense. Os que tamén presentan traballo na súa cidade de nacemento son os lugueses Islabikini que actúan este xoves 22 na sala Clavicémbalo presentando Photographs (Falcatruada, 2005) e que ademais participarán no San Froilán co único concerto en solitario dun grupo local nestas festas.
Máis información no sitio de Islabikini
e de Mutenrohi no sitio de Zouma Records
A creación dunha cooperativa de profesores evitará a desaparición do histórico conservatorio de Compostela
Xénero:
| 9 / 9 / 2005Logo do longo período de incerteza sobre a súa continuidade, o conservatorio histórico de Compostela inicia este curso unha nova etapa. Seis dos docentes deste centro decidiron constituír unha cooperativa, co que se desliga o centro da histórica Real Sociedade Económica de Amigos do País, que o xestionaba desde cincuenta anos atrás. O conservatorio quere funcionar achegando un ensino personalizado e adaptado a diferentes idades. Ademais, os promotores desta nova etapa pretenden tamén desenvolver actividades culturais de cara ao público.
Máis información en La Voz de Galicia e nos nosos arquivos
A guerra será o eixe de traballo para a Orquestra Sinfónica de Galicia na temporada que agora comeza
Xénero:
| 30 / 8 / 2005Unha programación que quere facer reflexionar sobre os conflitos a través da música clásica. Esta é a proposta que fai a Orquestra Sinfónica de Galicia na temporada que agora comeza a través de autores coma Carlos López García e Octavio Vázquez, galegos que compuxeron senllas obras ambientadas na Guerra Civil. A nivel internacional Britte, Shostakovich (de quen se fará unha estrea mundial) ou Penderecki son outros compositores que representarán esta tráxica cuestión. Entre os plans da orquestra está tamén realizar unha xira por Sudamérica na que visitará as comunidades galegas emigradas.
Máis información en La Opinión, en La Voz de Galicia e en El Ideal Gallego