Ir ao contido directamente.


Noticias

Varias entidades recuperan a figura de Bal y Gay cunha exposición e varios concertos

Xénero: Clásica/Lírica | 23 / 6 / 2005

imaxe non dispoñible

A Consellaría de Cultura, a Residencia de Estudantes e a Universidade de Santiago traballan xuntas para facer unha homenaxe ao compositor lucense Xesús Bal y Gay no centenario do seu nacemento. Para facelo montaron unha exposición que se inaugurará en novembro en Lugo na que recordaran a súa traxectoria vital e a súa obra, entre a que destaca o “Cancioneiro Galego”. A mostra estará acompañada dun ciclo de concertos no que se interpretarán obras de Bal y Gay.

Máis información en Galicia Hoxe e sobre Bal y Gay no noso tema

Os músicos de jazz do país únense para facer valer os seus intereses

Xénero: Jazz/Blues | 22 / 6 / 2005

imaxe non dispoñible

Ultimamente hai un rexurdir do jazz en Galicia. Sociedades, festivais e un público minoritario pero cada vez máis numeroso son bos indicadores deste fenómeno. O último exemplo tivo lugar onte en Vigo, onde se presentou a Asociación galega de músicos de jazz. Entre os seus obxectivos están promover actividades musicais deste estilo, facer de ponte entre os músicos e a administración e servir de altofalante das necesidades deste colectivo. O pianista ourensá Alberto Conde é o presidente dun colectivo que conta con membros como Alberto Somoza, Nani García, Abe Rábade ou Manuel Gutiérrez.

Máis información no Faro de Vigo e sobre o jazz no noso tema

Espectáculos, o premio Andrés Gaos e a homenaxe a Rogelio Groba marcan a celebración do Día da Música

Xénero: Clásica/Lírica | 21 / 6 / 2005

imaxe non dispoñible

O Día Europeo da Música enche a actualidade de novas sonoras. En Santiago, o Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), o Casino e o Estudio Escola de Música organizan unha serie de actuacións na rúa que, entre as once da mañá e as once da noite, encherán dos ritmos máis variados os espazos abertos da cidade. Coincidindo con esta data tamén coñecemos o gañador da sexta edición do premio Andrés Gaos de composición musical que organiza a Deputación da Coruña. O arxentino José Luís Campana fíxose co galardón pola obra “Nuestro Tiempo”, feita para catro voces, coro mixto e orquestra. Finalmente, con ocasión desta data, a Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) presenta un CD co que homenaxe ao compositor Rogelio Groba, que fai este ano o seu setenta e cinco aniversario.

Máis información en Galicia Hoxe sobre a música na rúa en La Opinión sobre o premio Andrés Gaos; sobre a homenaxe a Groba, na edición de hoxe de Diario de Pontevedra

Víktor Flores representa a Galicia no Festival Sónar mentres Cristina Pato se traslada a Nova Jersey

Xénero: Electrónica | 16 / 6 / 2005

imaxe non dispoñible

O Dj da sala viguesa Vademecwm, Víktor Flores representará a Galicia no Festival Sonar que se celebra en Barcelona entre hoxe e o vindeiro día dezaoito. Esta mesma noite Flores terá a súa sesión neste evento, onde tamén coordina o escenario da Red Bull Music Academy. Simultaneamente, noutro estilo, chéganos a noticia de que Cristina Pato iniciará en agosto o doutoramento de Artes Musicais en Nova Jersey, especializándose en piano. A actividade académica manteráa afastada do mundo discográfico galego ata o ano 2007.

Máis información en Faro de Vigo sobre Víktor Flores, sobre Cristina Pato; máis sobre Víktor Flores nos nosos arquivos

Os Diplomáticos emprenden a súa xira de despedida logo de quince anos de actividade

Xénero: Pop | 14 / 6 / 2005

not_6404.jpg

O grupo por excelencia do rock bravú despídese logo de quince anos de actividade. Os Diplomáticos de Monte Alto iniciarán no vindeiro festival de Ortigueira, o día dez de xullo, a súa xira de despedida, que rematará o vindeiro mes de setembro na Coruña logo de percorrer boa parte do país.

Máis información en Vieiros

Leilía distribuirá o seu novo disco Son de Leilía exclusivamente en Internet

Xénero: Folk | 13 / 6 / 2005

not_6398.jpg

O grupo Leilía demostra unha vez máis a modernidade da súa proposta coa distribución exclusiva a través da rede do seu novo disco. As pandeireteiras composteláns presentarán neste traballo, de nome “Son de Leilía” como o espectáculo que veñen facendo en directo, unha recompilación de temas inéditos da formación en colaboracións en discos colectivos que non se chegaron a distribuír en España, temas de bandas sonoras e colaboracións con outros músicos e grupos. O disco estará dispoñible na rede a mediados de xullo. O grupo ten actualmente no seu sitio web o tema “Mil camiños” dispoñible para a súa descarga de balde.

Máis información en La Voz de Galicia
e no sitio web de Leilía

Un acordo pon fin á “guerra das gaitas” que enfrontaba a Asociación de Gaiteiros Galegos coa Deputación de Pontevedra

Xénero: Folk | 7 / 6 / 2005

imaxe non dispoñible

Semella que desta vez si. Logo do anterior amago de acordo, e de numerosas reunións, o delegado de cultura da Administración Provincial, José Juan Durán e o representante da Asociación de Gaiteiros Galegos, Santiago Caneiro, anunciaban onte o acordo que pon fin á chamada “guerra das gaitas”. O pacto consiste nun convenio que asinarán en breve as dúas partes polo que a Asociación de Gaiteiros Galegos creará unha escola de música tradicional dentro da que se integrarán os polémicos cursos da Asociación de Bandas de Gaitas da Provincia de Pontevedra que foran a base da confrontación ao empregar gaitas escocesas. O proxecto, que conta cun orzamento de cen mil euros, porase en marcha o vindeiro mes de outubro.

Máis información en Diario de Pontevedra; e nos nosos arquivos

O IGAEM financia a recuperación da primeira ópera galega escrita por Marcial del Adalid

Xénero: Clásica/Lírica | 7 / 6 / 2005

imaxe non dispoñible

“Inés e Bianca” é o título da primeira ópera galega. Pero a súa peculiaridade non vén só en que sexa a primeira, senón que conta a historia de personaxes galegos e usa material autóctono do folclore galego. Juan Durán e Margarita Viso rescataron o manuscrito orixinal do compositor coruñés Marcial del Adalid dos arquivos da Real Academia Galega (RAG), montaron un equipo para recuperar os catro fragmentos que faltaban e o IGAEM custeou a edición dunha ópera cargada de anécdotas.

A discográfica Ouvirmos recupera gravacións do principal gaiteiro da emigración galega

Xénero: Folk | 6 / 6 / 2005

not_6361.jpg

Un dos gaiteiros máis destacados da historia da música galega, Manuel Dopazo, desenvolveu toda a súa carreira na emigración a partir dos anos da posguerra. Agora, unha selección de dezaoito temas recuperados de antigos discos comerciais, está a disposición do público grazas á colaboración entre a discográfica Ouvirmos, especializada na recuperación de gravacións antigas, e do Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega. O pasado venres a sede desta institución en Compostela acollía a presentación do CD que permitirá coñecer no noso país a obra deste intérprete.

Máis información en El Correo Gallego e en La voz de Galicia e no web do Consello da Cultura

O Festival Internacional de Ortigueira presenta o programa logo de ser declarada festa de interese turística internacional

Xénero: Folk | 2 / 6 / 2005

imaxe non dispoñible

O Festival Celta de Ortigueira preséntase máis forte que nunca. Non só porque recupera os catro días de evento, senón porque desde o pasado mes de abril foi declarado Festa de Interese Turístico Internacional. Pero esta edición, a vinte e unha, é especialmente significativa porque renderá unha homenaxe á Galicia exterior, terá como invitada a música mediterránea e será un punto de encontro para todo aquelo que leve a etiqueta celta. As citas: do 7 ao 10 de xullo.

Máis información en La Voz de Galicia enEl Progreso e no seu web

<< Inicio / Anterior . 3361 a 3370 de 3454 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR