Noticias
Aínda non comezaron as clases de oito materias da Escola de Artes e Oficios de Vigo
Xénero:
| 14 / 12 / 2007O proceso de regularización dos profesores da Escola de Artes e Oficios de Vigo, que afectaba en boa medida ao Conservatorio de Música Tradicional, segue sen se resolver. Oito materias, entre elas algunhas coma zanfona ou requinta seguen sen iniciar a súa actividade, segundo a concelleira de Educación, “pola lentitude do proceso” de contratación. Boa parte dos alumnos, mentres, continúan con mobilizacións e protestas e temen que a solución que achegou o concello converta a escola nun conservatorio de elite.
Máis información en La Voz de Galicia; as crises dos conservatorios de música tradicional nos nosos arquivos
O Consorcio volve convocar “Músicas Contemplativas” para abrir as igrexas que restaura para concertos
Xénero:
| 14 / 12 / 2007É a conxunción perfecta: música de calidade e restauración de igrexas singulares e históricas do casco antigo compostelán. Son as dúas caras da mesma moeda que o Consorcio de Santiago unifica baixo o nome "Músicas Contemplativas". A terceira edición deste programa, que ademais pretende achegar sons doutras culturas, permitirá escoitar a formacións como a británica “The English Concert” (Inglaterra), a iraquí “Anwar Abudragh &Maqamat Ensemble” ou a croata “Ensemble Dialogos”. Como é habitual, o programa terá lugar coincidindo coa Semana Santa, do 18 ao 22 de marzo.
Máis información no web do Consorcio e na nosa hemeroteca e o noso especial da primeira edición
Ouvirmos presenta o disco de Resonet dedicado aos Cantares Gallegos de Rosalía
Xénero:
| 13 / 12 / 2007O grupo de Música Antiga Resonet fai unha nova interpretación musical de dezasete dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro tomando como punto de partida as melodías do tempo da escritora que mesmo puideron servir a esta de inspiración. Instrumentos e sonoridades que buscan trasladarnos ao contexto no que a poeta compostelá escribiu unha das súas máis famosas obras. O disco Cantares Galegos está editado pola discográfica Ouvirmos e presenta unha coidada presentación cun libreto de 88 páxinas que ofrece os poemas orixinais así como as súas traducións ao castelán – esta feita por Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade-, inglés e francés. Resonet está dirixido por Fernando Reyes, arranxista das pezas, que creou o grupo en 1990 en Santiago de Compostela tomando o nome dunha peza do Códice Calixtino.
Kalandraka publica Orfeo e Eurídice na súa colección de ópera para nenos
Xénero:
| 13 / 12 / 2007A historia de amor e descenso á casa dos mortos entre o músico e poeta Orfeo e a ninfa Eurídice forma parte do corpus da mitoloxía grega e tamén do da música universal a través da ópera composta polo alemán Christoph Willibald Gluck e estreada en 1762. A editorial pontevedresa Kalandraka suma agora esta peza á súa colección de ópera ofrecendo o libreto da mesma adaptado a pequenos lectores e acompañado de fermosas ilustracións de Pep Montserrat e o CD con 11 cortes seleccionados da obra e interpretados por unha soprano e dúas mezzosopranos acompañadas da orquestra e coros do Drottningholm Theatre, de Estocolmo. Esta colección, que xa conta con tres títulos anteriores, é froito do traballo conxunto coa editorial catalá Hipótesi, especializada en libros de ópera.
Máis información de outros títulos da colección en MeGA
SONO-TONE comeza a busca do mellor disco galego do ano 2007
Xénero:
| 11 / 12 / 2007Como xa fixera no 2006 a revista en liña SONO-TONE buscará a opinión dos seus lectores para establecer a lista de mellores discos galegos do ano. A través do correo electrónico os internautas poderán enviar as puntuacións que outorgan a tres discos editados este ano en CD, vinilo ou publicados na rede. O pasado ano foron os composteláns 6PM os gañadores da selección co seu disco “Far from perfect” (Junk Records, 2006) seguidos moi de cerca polo disco “Como un maldito guisante” (Mulberry, 2006) de Niño y Pistola. A revista electrónica incentivará a participación cun sorteo de discos entre os votantes. O prazo para enviar os votos remata o vindeiro día 13 de Xaneiro do ano entrante. Esa mesma semana farase pública a lista de mellores discos galegos de 2007.
Máis información en SONO-TONE
Unha trintena de colexios participan nun concurso musical para concienciar sobre o medio
Xénero:
| 11 / 12 / 2007Un CD-DVD, unha web e un concurso musical sen cartos polo medio. Estes son os principais ingredientes de “Operación Can”, un certame promovido pola Unión Protectora de Animais Federadas de Galicia (UPAFGA), o estudo de gravación Casa de Tolos a discográfica Pai Música. Un proxecto que se presenta hoxe no Parlamento e no que os rapaces son os encargados de poñer a voz.
Sae ao mercado o disco de homenaxe aos Diplomáticos de Monte-Alto
Xénero:
| 5 / 12 / 2007O dobre disco no que máis de vinte bandas e artistas fan una homenaxe aos desaparecidos Diplomáticos de Monte-Alto xa está á venda na plataforma dixital Trastenda. Com e a partires da semana que ven estará nas tendas. “120 Capadores” (Falcatruada) presentouse oficialmente o pasado 2 de novembro en Chantada no marco da quinta edición do festival Castañazo Rock, no que se conmemorou de diversas formas o inicio do momento bravú en 1994. A iniciativa de Komunikando.net e do Centro Social Atreu impulsou este disco no que poden escoitarse as achegas dos míticos Rastreros de Chantada, os Festicultores, Lamatumbá ou Os Tres Trebóns, a actual banda de Xurxo Souto. No dobre disco “120 Capadores” atopamos a particular versión do Gaiteiro de Dixebra, o Castiburón dos Cuchufellos, Esta noite hei de ir aló d’O sonoro maxín e até o Subastado da Banda Potemkin, aínda que tamén as particulares revisións de Galegoz ou Safari Orquestra. Porén, o disco inclúe catro temas inéditos dos Diplomáticos ao vivo.
Os actos do centenario do himno galego terán lugar en cinco cidades simultaneamente
Xénero:
| 4 / 12 / 2007O 20 de decembro de 1907 o Gran Teatro de La Habana acolleu a estrea do Himno galego. Unha celebración que se conmemorará o próximo sábado día 8 neste mesmo teatro pero que, esta vez, se estenderá a outras cidades. No Centro de Galicia-Olivos de Bos Aires, Milladoiro e Xeito Novo ofrecerán un concerto; o Centro Galego Carrasco de Montevideo acollerá outro de Susana Seivane e Los Williams; San Salvador de Bahia, en Brasil, terá un con Uxía Senlle, Carlos Núñez e Chico César no cartel. Completa o programa a Orquestra Panorama tocando desde o Gran Marina Hotel en Barcelona. A celebración será retransmitida en directo por Televisión de Galicia.
Máis información en La Voz de Galicia e sobre o himno na nosa hemeroteca
A Sinfónica de Galicia busca novos públicos programando artistas clásicos a baixo prezo
Xénero:
| 4 / 12 / 2007A Sinfónica de Galicia é a formación que máis adeptos conta (1.400 abonos por temporada), colga o cartel de “non hai localidades” nas súas funcións e, ademais, é a única que recada cartos segundo as cifras da SGAE. Sen embargo, non está satisfeita cos seus resultados e acaba de presentar un suxestivo programa que vai máis alá do ámbito musical. A música busca novos camiños.
Presentación do primeiro disco dos composteláns 96 Grados
Xénero:
| 29 / 11 / 2007Cun estilo propio fundamentado no rock sinfónico e en influenzas que van desde Eric Clapton a Pink Floyd a banda 96 Grados presenta hoxe o seu primeiro disco de produción propia “Mañana sale el sol”. A Cervecería Star de Pontevedra (calle Barcelos) acollerá ás 23.00 a presentación do álbum destes composteláns cun concerto aberto a todo o público. A banda obtivo o sétimo posto no concurso nacional de maquetas Novos Grupos, organizado este ano por Coca-Cola. O grupo naceu no ano 2005 e está formado por Fernando Romasanta, Justo Villanueva, Martín Blanes e Jose Vázquez.
Máis información no My Space de 96 Grados