Ir ao contido directamente.


Noticias

A Filharmonía dará trinta concertos na súa nova temporada

Xénero: Clásica/Lírica | 23 / 7 / 2008

imaxe non dispoñible

A Novena Sinfonía de Beethoven dirixida por Ros Marbá abrirá o vindeiro 26 de setembro na Catedral de Santiago a nova temporada da Filharmonía de Galicia. En total serán trinta concertos, con directores convidados coma Paul Daniel, Maximino Zumalave, David Atherton, Anne Manson, Tuomas Ollila-Hannikainen, Frans Brüggen, Theodor Guschlbauer, Max Valdés e Juanjo Mena entre outros. Tamén se abrirán oito ensaios ao público e están previstas actuacións no Festival da Ópera da Coruña, en Madrid, en Sevilla e mais en Barcelona.

Educación presenta novas liñas para a promoción dos estudos musicais

Xénero: Miscelánea | 17 / 7 / 2008

imaxe non dispoñible

Educación convocará dez bolsas de dez mil euros cada una para a realización de estudos de especialización no estranxeiro destinadas a titulados superiores de especialidades instrumentais de música polos conservatorios superiores de música de Galicia. Esta é unha das accións de promoción do ensino musical presentadas pola Conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, que avanzou tamén que para o vindeiro curso académico, por primeira vez, os Conservatorios Profesionais de Vigo e de A Coruña impartirán o bacharelato de Artes na vía de música, danza e artes escénicas. Outra novidade avanzada pola titular da carteira é unha páxina web que contará cun buscador de recursos musicais de autores galegos, unha base de datos con máis de 2.000 fichas de obras de autores galegos. O buscador, ademais de dar acceso ao catálogo das súas obras, nalgúns casos permitirá incluso descargar partituras.

Xavier Valiño mestura eventos consolidados coas novas propostas na súa axenda de festivais

Xénero: Rock | 15 / 7 / 2008

imaxe non dispoñible

O seu nome está asociado en grande medida ao rock. O seu traballo coma escritor, con obras coma Todo en nombre del Rock and Roll ou Rock Bravú mestúrase cunha impresionante carreira coma crítico e locutor radiofónico. No entanto, Xavier Valiño aposta na súa axenda de festivais por unha mestura de citas consolidadas con propostas novas na que o teñen cabida o jazz e o pop.

O grupo Combo Dinamo triunfa nos premios Inframundo da Música

Xénero: Pop | 14 / 7 / 2008

not_10142.jpg

Mellor canción e mellor videoclip polo seu sinxelo "Más de lo mismo", mellor álbum por Decencia y Buen Gusto e mellor banda foron o gran palmarés que conseguiu o grupo Combo Dinamo na gala de entrega dos I Premios Inframundo, dedicados á música alternativa coruñesa, entregados o venres na Fundación Caixa Galicia, na Coruña. Ademáis, na gala tamén foron galardoados Los Santos, que levaron o premio á mellor posta en escena, The Orange Soap obtivo o premio á mellor banda revelación e Los Crueles fixéronse co galardón a mellor directo. Chamito el Flaco, que actuou durante a gala, gañou o premio a mellor solista e Álvaro Muras fíxose co de mellor instrumentista. O premio honorífico levouno o compositor Félix Arias. Loretta Martin, Grasa e Silvia Penide foron algúns dos nominados que non acadaron ningunha estatuíña.

Máis de trinta músicos homenaxean ao mestre gaiteiro Ricardo Portela

Xénero: Folk | 11 / 7 / 2008

not_12619.jpg

O Teatro Principal de Pontevedra acolle hoxe ás 21 horas a presentación do disco Foliada nas Rías Baixas. Homenaxe a Ricardo Portela, o mestre. O traballo consiste nun duplo CD con corenta e dous cortes musicais. Máis de trinta artistas do mundo da música tradicional renden homenaxe ao desparecido gaiteiro de Viascón no disco editado por Do Cumio grazas á iniciativa da Asociación Toque Pechado de Pontevedra, encabezada por Oscar Ibáñez. Os músicos reinterpretan o repertorio de Portela e engádense fragmentos de conversas con amigos e alumnos do gaiteiro de Viascón. A edición complétase cun libriño onde se recollen os textos de cada un dos participantes a modo de semblanza do mestre. O acto, de entrada libre, será conducido por Xurxo Souto e contará con actuacións de algúns participantes no disco como Álvaro Novegil, Os Trazantes de Tenorio, Enrique Otero, Airiños do Parque de Castrelos ou Juanjo Fernández entre outros. A gala desenvolverase dentro dos actos do IX Memorial Ricardo Portela.

Los Piratas reúnen todo o seu legado nunha caixa recompilatoria

Xénero: Pop | 11 / 7 / 2008

not_12616.jpg

Catro anos despois da súa desaparición como banda o grupo vigués Los Piratas volve estar de actualidade pola presentación esta semana dun recompilatorio. Co título de Disco Duro sae a venda unha caixa que reúne os seis discos oficiais do grupo nos seu doce anos de carreira ademais de outros materiais como fotografías, videoclips, maquetas e temas inéditos, textos xornalísticos e un documental sobre o grupo realizado polo guitarrista, Paco Serén, de máis de dúas horas no que descobre as interioridades do grupo dentro do estudio de gravación. Simultaneamente sae tamén unha edición reducida de Disco Duro cun CD e un DVD, nos que está unha selección das súas cancións máis coñecidas e os videoclips. Mentres a caixa está pensada para seguidores e coleccionistas a versión resumida aparece como alternativa a aqueles que queren ter unha visión panorámica da traxectoria do grupo.

Folclore para a verbena

Xénero: Folk | 10 / 7 / 2008

imaxe non dispoñible

Pasaron os tempos no que as actuacións de música e danza tradicional consistían nun grupo de rapaces e rapazas bailando nun palco a medio día. Nos últimos anos están a suceder propostas de colectivos folclóricos nos que a danza comparte espazo coa dramatización, os contos tradicionais e outros recursos escénicos, converténdose en auténticas alternativas aos concertos nas programacións de vilas e festas. De xeito semellante, grupos folk están a artellar propostas escénicas complexas que amosan outros xeitos de se achegar á música de raíz. Espectáculos coma O camiño, Esta noite hai unha fía ou Prestixio amosan as posibilidades do xénero.

O programa Danza 3 levará a música tradicional a 15 concellos

Xénero: Folk | 8 / 7 / 2008

imaxe non dispoñible

A Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e mais a Asociación Xacarandaina presentaban esta mañá o programa de Danza 3. Quince localidades do país serán visitadas polos espectáculos incluídos nesta actividade. Prestixio, de Xacarandaina, Esta noite hai unha fía. X Aniversario do Fiadeiro e mais Na Algalia de Arriba dos composteláns Cantigas e Agarimos compoñen o programa. Nos tres casos trátase de espectáculos de grande formato que poñen sobre o escenario máis de medio cento de persoas e que recrean a música, o baile e diferentes aspectos da nosa sociedade tradicional.

Os eventos de recente creación marcan a axenda estival na música independente

Xénero: Indie | 8 / 7 / 2008

imaxe non dispoñible

Chega a época dos festivais. Por todos os recantos dos país, case a diario e especialmente nas fins de semana hai algunha oportunidade de gozar de música en directo. Hip-hop, folk, pop, rock... E díficil facer a elección. Para nos orientar un pouco no maremagnum de festivais e concertos, preguntámoslle a algúns dos máis recoñecidos críticos musicais do país, que nos elaboran cadansúa carta na que atopamos moitas propostas que foxen do máis habitual. Noel Feáns achéganos as citas que ten marcadas no calendario.

A Asociación de Gaiteiros Galegos xestionará a escola de música tradicional de Lugo

Xénero: Folk | 3 / 7 / 2008

imaxe non dispoñible

Se o curso comezaba con crise nos conservatorios galegos de música tradicional, semella que remata con boas novas para o sector. Así, a Dirección Xeral de Xuventude e mais a Vicepresidencia da Deputación de Lugo acordaban onte crear unha escola de música tradicional na Cidade da Muralla. O centro, destinado fundamentalmente aos máis novos estará dirixido pola Asociación de Gaiteiros Galegos. A nova chéganos poucos días despois de que se confirmase o comezo da actividade da E-Trad de Vigo. Coñece todas as cuestións sobre o ensino da música de raíz no noso dosier.

<< Inicio / Anterior . 3001 a 3010 de 3576 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR