Ir ao contido directamente.


Noticias

A música electrónica e vangardista aterra na Coruña este sábado

Xénero: Alternativa | 11 / 6 / 2009

imaxe non dispoñible

O sábado inaugurase, musicalmente falando, o auditorio de Expocoruña. Faino cun proxecto de música electrónica e vangardista con nomes moi descoñecidos para o gran público pero que son unha referencia nos seus xéneros. Son Tujiko Noriko, considerada a Björk nipona; o músico danés Peter Broderick, e a artista Janine Rostron, máis coñecida como Plannigtorok, que ten composto música para desfiles de alta costura de coñecidos deseñadores. Completa o cartel de Laboratorio, nome deste encontro, os alemáns Mouse on Mars.

Nova Galega de Danza presenta a música do seu espectáculo Tradicción

Xénero: Folk | 11 / 6 / 2009 + VIDEO

not_14891.jpg

A compañía Nova Galega de Danza formada por músicos e bailaríns que comparten escenario en directo presenta agora o disco coa música do seu máis recente espectáculo TRADICCIÓN. Trátase da derradeira entrega da triloxía comezada con Alento (2003) e posteriormente con Engado (Falcatruada, 2007). O disco, editado por Falcatruada, é a consolidación dun proxecto escénico que vén de recibir o Premio de Ciencias e Artes da Representación 2009 outorgado pola Fundación Premios da Crítica-Galicia. A través de 11 cortes o actual director musical da compañía, Pedro Lamas, ofrece unha achega ao noso folclore sobre melodías do repertorio popular recollidas polos propios músicos ou rescatadas de arquivos. Do mesmo xeito que coa danza os músicos unen nestas músicas a raíz coa vangarda contemporánea, neste caso sonora. Ademais dos arranxos de Lamas e de Jacobo de Miguel en dous temas, na gravación tamén están as achegas de Xabier Díaz, Toño Domínguez, Suso Iglesias, Ricardo Rozas, Juan Collazo, e Miguel Queixas . O disco sae á venda o vindeiro 16 de xuño e a música de TRADICCIÓN pódese adquirir en formato dixital a través das plataformas de venda na rede ITunes, Amazon e eMusic e pódese escoitar a través de servizos como Spotify, LastFM e Deezer.

O festival Artes no Camiño pode desaparecer este ano

Xénero: Miscelánea | 10 / 6 / 2009

imaxe non dispoñible

A V edición do Festival Artes no Camiño, prevista para este verán, podería non chegar a celebrarse. Os concellos que organizan este evento celebra hoxe unha xuntanza en Sarria para reclamar apoios que garantan a continuidade do proxecto. O festival promoveu o ano pasado medio cento de actuacións musicais e escénicas en diferentes concellos da provincia de Lugo, organizando tamén obradoiros de creación. A raíz das diferentes edicións desenvolvéronse a Nova Orquestra Galega das Artes e mais as compañías Artes en Danza e No Camiño Teatro Novo.

A editorial Dos Acordes recupera o Quintento Monterrey

Xénero: Folk | 9 / 6 / 2009

not_14868.jpg

O Quinteto Monterrey de José Posada: nos xardíns da Tropical é o título do libro-disco que presenta este venres a editora Dos Acordes na Casa da Cultura de Verín ás 20:15 horas. A obra, resultado dunha investigación do músico Óscar Ibáñez, recupera a historia e o son desta formación de música tradicional que desenvolveu a súa actividade na Cuba a partir dos anos trinta. A obra inclúe gravacións de diferentes temas do grupo, textos introdutorios e outra documentación. No día seguinte á presentación, a Praza Xosé García Barbón de Verín acollerá un concerto de homenaxe ao grupo ás 22:30 horas.

Un estudo cuantifica en cinco millóns os ingresos que xenera o Festival de Ortigueira

Xénero: Folk | 8 / 6 / 2009

imaxe non dispoñible

É unha das citas de referencia do circuíto do folk de toda Europa. Pero, á marxe da repercusión musical do evento, o Festival de Ortigueira xera cinco millóns de euros á comarca entre os ingresos directos (os propios do festival), indirectos (principalmente os hostaleiros, que implican postos de traballo) e os inducidos (que atenden ao turismo e que inclúe, por exemplo, a xente que volve á comarca). Así o revela un estudo de impacto económico encargado polo concello da vila e que desenvolveu a Cámara de Comercio de Ferrol. O estudo conclúe que é o “principal motor turístico e económico da comarca”. Mentres tanto, xa está en marcha a vindeira edición (a número 25) que se celebrará do 9 ao 12 de xullo.

A Cidade de Vigo vólcase co Imaxina Sons, o festival de Jazz

Xénero: Jazz/Blues | 4 / 6 / 2009

imaxe non dispoñible

Hai un mes, o Concello de Vigo presentou un avance do que sería a V edición do Imaxina Sons, o seu festival de jazz. Agora xa se coñece o programa na súa totalidade, e nel destaca un interese por achegar este xénero musical a todos os puntos da cidade e para todos os públicos. A antesala do encontro comezará este sábado (6 de xuño) coa Orquestra “A tempo” percorrendo as rúas e prazas da cidade. O núcleo duro terá lugar do 25 de xuño ao 5 de xullo nos que haberá clases maxistrais, concertos noctámbulos, libros e conversa. De entre todo o programa destaca o concerto inaugural coa presenza do saxofonista norteamericano Charles Lloyd que presentara o seu traballo máis recente, Rabo de Nube.

Finaliza a primeira temporada do ciclo Sen batuta

Xénero: Clásica/Lírica | 4 / 6 / 2009

imaxe non dispoñible

O Cuarteto Quiroga fecha hoxe a primeira edición de Sen batuta, o ciclo de música de cámara que se celebra desde o pasado mes de setembro en Ourense. Con ocasión deste feche, Cibrán Sierra, coordinador do evento, adiantou que a segunda edición do ciclo desenvolverase entre o vindeiro tres de setembro e o 4 de xuño de 2010. Entre outros, está previsto que actúen na Cidade das Burgas formacións coma o Callino Quartet, didier Henry & Anne Lebozec, o Trío Ravinia, ou os artistas Vladimir Mendelssohn, Alain Mournier e Riner Schmidt.

Improvisados para vibrar

Xénero: Alternativa | 4 / 6 / 2009

not_14836_2.jpg

Sen ensaios, sen directrices, sen partituras, sen regras pero con moito ritmo. Estes son os sinais de identidade da música que sonará a partir de hoxe polas rúas e escenarios de Santiago. Fai parte do primeiro encontro internacional de improvisación libre de Galicia, o “Festival Vibracional TPS”, no que non hai nada improvisado.

Sae ás tendas o EP Noviembre dos vigueses ESENIA

Xénero: Rock | 2 / 6 / 2009 + VIDEO

not_14826.jpg

A banda viguesa ESENIA saca estes días ao mercado o seu primeiro EP Noviembre (Silent Tree Productions) que desde hoxe está distribuído nas tendas Fnac e El Corte Inglés. O grupo, nacido en Vigo no verán de 2004, xa ten detrás outras gravacións autoproducidas, a última delas El Templo de las mareas (2007). Con Noviembre ESENIA dá paso á nova etapa comezada ao asinar o seu management con Silent Tree, coa que produce o disco gravado nos estudios Metrópolis (Vigo) e masterizado por Mika Jussila en Finnvox (Finlandia). Dos catro temas que enchen Noviembre xa está presentado o videoclip do que dá nome ao álbum, gravado por J. S. Raimundi. Proximamente o grupo incluirá a canción Resurrection no duplo CD de tributo á banda alemá Running Wild, que baixo o título de ReUnation - A Tribute To Running Wild se editará o vindeiro inverno a través de Remedy Records.

Os internautas escollerán os grupos noveis do Festival de Ortigueira

Xénero: Folk | 1 / 6 / 2009

imaxe non dispoñible

As tres bandas máis votadas polos internautas serán as protagonistas do escenario Runas, destinado a grupos noveis, no vindeiro Festival de Ortigueira. Os interesados en actuar neste veterán evento teñen ata o vindeiro dez de xuño para remitirlle a organización 3 temas en MP3, dos que cando menos un ten que ser propio. Un comité da organización fará unha primeira selección de dez grupos aos que poderá votar entre o 15 e o 30 de xuño. Os tres seleccionados abrirán o festival o día nove de xullo e recibirán 1.000 euros cada un. É a primeira vez que se opta por este sistema para escoller os grupos deste escenario.

<< Inicio / Anterior . 2831 a 2840 de 3580 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR