Ir ao contido directamente.


Noticias

Santiago e A Coruña acollerán o concerto 'Chané na Habana' que celebra a obra do compositor

Xénero: Melódica | 14 / 7 / 2017

imaxe non dispoñible

Un gran espectáculo musical galego-cubano recordará ao compositor José Castro González Chané (Compostela 1856 - A Habana 1917), no centenario do seu pasamento. Unha selección de músicos de varias nacionalidades, liderados polo pianista cubano Alejandro Vargas, xunto coa voz de Rosa Cedrón, ofrecerán una visión nova das populares músicas do compositor. Chané é un dos compositores galegos imprescindibles de fins do século XIX e comezos do XX, autor de clásicos como Os Teus Ollos ou Un Adios a Mariquiña e un dos artífices da creación da Canción Galega de Concerto, do movemento coral contemporáneo e -en definitiva- da Música Popular Urbana Galega. Chané na Habana aborda a totalidade da obra conservada do artista: desde o sentir musical cubano. O autor de viviu e desenvolveu grande parte da súa obra na Habana. Só se ofrecerán dous concertos deste singular espectáculo musical producido por aCentral Folque coa colaboración da Deputación da Coruña e dos Concellos de Santiago de Compostela e da Coruña. Será dentro das festas patronais das dúas cidades chanelianas: a estrea será o 29 de xullo na Praza da Quintana, en Santiago de Compostela, e despedida, na Praza de María Pita, o 3 de agosto. Despois, editarase un disco conmemorativo que se presentará en outono nas vilas de Rianxo e Melide. Serán as derradeiras ocasións de gozar ao vivo deste espectáculo único.

A décima edición de Espazos Sonoros ofrecera nove concertos

Xénero: Antiga | 13 / 7 / 2017

imaxe non dispoñible

O festival Espazos Sonoros celebrará do 2 de setembro ao 15 de outubro a súa décima edición cun programa de nove concertos en lugares de especial interese cultural de Vilasantar, Sobrado dos Monxes, Arbo, Montederramo, Palas de Rei, A Pontenova, Caldas de Reis, Lourenzá, Ourense e Baiona. Igrexas, muíños, castelos, mosteiros e mesmo fornos destes municipios serán os escenarios da nova programación deste ciclo promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O ciclo comprende concertos, visitas guiadas e obradoiros sobre a música, a danza e os instrumentos tradicionais antigos. A música antiga da Austrian Baroque Company, de Marco e Angela Ambrosini, e Eva-Maria Rusche; do ensemble Favola d’Argo, do catalán Xavier Díaz-Latorre e de Manseliña; xunto coa música para guitarra do século XX de Samuel Diz, o repertorio tradicional galego de Xesús Vaamonde e de Xosé Lois Romero, e mais un programa de música de salón do XVIII que recuperarán o pianista Alejo Amoedo e a soprano Susana de Lorenzo centran as propostas musicais de Espazos Sonoros 2017. Nas roldas pola paisaxe organística do Camiño do Norte, Pablo Seoane estreará a peza “Parábase”, creada para os órganos da igrexa de San Salvador de Lourenzá

O Revenidas de Vilaxoán ofrece 26 propostas musicais

Xénero: Miscelánea | 12 / 7 / 2017

imaxe non dispoñible

O Festival Revenidas, que se celebrará na localidade arousá de Vilaxoan entre os días 18 e 20 de agosto, pechou hoxe o seu cartel. Para esta edición do 2017 o Revenidas ofrece 26 propostas musicais procedentes de Galicia, Asturias, Madrid, Valencia, Cataluña, Euskadi, Navarra, Madrid, Arxentina, Hungría ou Estados Unidos. As novas confirmacións son as de Bolboreta, De Vacas, Pupil•es e Voodoo -catro bandas lideradas pola forza de mulleres que abranguen unha chea de estilos musicais pasando polos toques de humor ou a canción protesta-, Noite Fechada, O Leo i Arremecághona, DJ Pimp, La Duendeneta, e Galifunk Brass, Bloquinho Aperta eos pasarrúas de Os Terribles de Arousa para acompañar aos asistentes ás actividades. Súmanse deste xeito esta serie de concertos aos xa anunciados anteriormente pola organización: La Pegatina, Skindred, Bohemian Betyars, Riot Propaganda, Esne Beltza, Vendetta, Terbutalina, Dakidarria, Desakato, Txarango, Auxili, Sara Hebe, Voodoo, Doen, Zapa! e SonDaRúa. Estas 26 bandas ofrecerán no Revenidas17 unha potentísima combinación de sotaques e estilos musicais como o balkan, ska, punk, rock, pop, garage, rap, hip hop, funk, dubstep, trap, reggae, folque ou a electrónica. A organización presenta tamén a súa programación por días poñendo á venda tamén un número limitado de entradas dun só día ademais dos abonos para todo o evento.

Éxito e espectacularidade no Resurrection Fest

Xénero: Rock | 11 / 7 / 2017

imaxe non dispoñible

O Resurrection Fest de 2017 rematou con éxito. Este ano batéronse records de novo. 86475 asistentes e todos os abonos vendidos. O festival segue medrando pese as dificultades intrínsecas que xorden de organizar un macroevento nunha vila relativamente pequena. Pero ese é tamén un dos maiores encantos. Viveiro multiplica a súa poboación eses días e os hostaleiros fan o seu particular agosto.

Selvática presenta o seu terceiro disco 'Seres Abisales'

Xénero: Alternativa | 11 / 7 / 2017

not_27687.jpg

Movéndose entre Brasil e Vigo, Selvática veñen de sacar á rúa o seu terceiro disco . A banda, formada como dúo en Río de Janeiro no 2014 por Manu G. Sanz e Paula Vilas, emigrados galegos en Brasil, e a maiores con Israel Ruíz (baixo); Luismi G. Almuíña (guitarra) e Daniel Nicolás (batería) gravouentre outubro e novembro os 12 temas de Seres abisales (Discos de Kirlian/Orphan Records, 2017) no estudio Terraforma de Hío, producidos por Ibán Pérez. Á hora de compoñer apostan por cancións directas sen unha fórmula específica, nas que se poden combinar todo tipo de sons. Na súa música pódense distinguir ecos post-punk mesturados cun punto pop, guitarras surfeiras e ritmos africanos.

A promesa da Illa

Xénero: Indie | 4 / 7 / 2017

imaxe non dispoñible

Atlantic Fest 2017 foi unha promesa cumprida. A promesa era a de un festival de verán, de praia, música indie e relaxado ambiente familiar. Verán polas datas, coa estación apenas estreada e prometedora aínda, dando os seus primeiros pasos e ofrecendo unha meteoroloxía favorable que non defraudou nin resultou molesta; de praia pola localización privilexiada, nesa Illa de Arousa que é perla da súa ría, e coa praia do Bao como marxe exterior e extensión do propio recinto do evento; indie pola proposta musical, conformando un cartel de predominio nacional que, sen propostas estridentes, reúne a algúns dos nomes representativos da escena independente, desde formacións históricas do xénero ate novas e incipientes promesas. Finalmente familiar, pola configuración formal – tanto en horarios como no propio recinto e oferta de actividades- e a clara intención de ser unha oferta non-excluínte para as parellas ou familias novas con crianzas de todas as idades. Cun abano de idades que vai desde os vinte e moitos anos ata os máis de cincuenta, o Atlantic Fest atrae a un público maduro e esixente no musical que ten ganas de divertirse dun xeito relaxado, xa sexa con parella e familia ou con amizades.

A Ópera da Coruña volve ao Teatro Colón

Xénero: Clásica/Lírica | 30 / 6 / 2017

imaxe non dispoñible

A programación lírica da Coruña continúa sen se recuperar dos importantes recortes que sufriu no pasado ano. Se entón pasou de contar 1,2 millóns e euros a só 500.000, na vindeira temporada a Asociación de Amigos de Ópera desenvolverá o seu programa con arredor de 400.000. A montaxe de Un ballo in maschera de Verdi, na que colabora a Axencia Galega das Industrias Culturais, preséntase como un dos pratos fortes desta xeira. Poderá verse os días 1 e 3 de setembro no Teatro Colón, que pasa a centralizar o programa por mor das obras no Pazo da Ópera. Canda a ela, destaca Lucrezia Borgia, de Donizetti, semiescenificada no mesmo escenario o día 23.

Falece Emilio de Pando, o grande recuperador da trompa galega

Xénero: Folk | 30 / 6 / 2017

imaxe non dispoñible

O pasado 29 de xuño falecía na Coruña aos 85 anos de idade Emilio Álvarez Pérez, Emilio do Pando. O seu nome foi fundamental na recuperación na trompa galega ou berimbau, da que era un consumado intérprete, ademais de gaiteiro. Veciño da Fonsagrada, Emilio do Pando foi considerado un mestre por músicos como Rodrigo Romaní ou Bieito Romero, con quen compartiu escenarios en diferentes ocasións. Ademais, participou activamente no desenvolvemento do Museo Etnográfico da Fonsagrada e na creación e consolidación da Asociación “Antaruxas e Sorteiros” fundada en 1979. Polo seu labor recibiu numerosas homenaxes e recoñecementos, como foi o título de Mestre da Memoria da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

O Nordestazo Rock cambia para manter a súa esencia

Xénero: Rock | 29 / 6 / 2017

imaxe non dispoñible

Nun panorama tan numeroso en festivais de verán como o actual, desde a organización do Nordestazo Rock de Malpica cren chegado o momento de facer cambios necesarios pola sostibilidade e permanencia da súa proposta. Na súa edición do pasado ano o Nordestazo conseguiu ser candidato a dous Premios Fest nas categoría de Festivais de pequeno Formato e de Campaña de comunicación A novena edición do evento malpicán chega este vindeiro 5 de agosto cuns cambios que reforzan o seu espírito local sen renunciar a facer desta cita unha atractiva oferta musical na Costa da Morte para calquera visitante. Unha decidida aposta por artistas galegos, a recuperación do escenario pegado ao mar e a entrada de balde son os tres piares fundamentais que segundo a organización, coa Asociación A Tralla á cabeza, poden manter a esencia do festival e asegurar a súa continuidade. Segundo aseguran desde a dirección do Nordestazo “entendemos que debemos replantealo, non queremos ofrecer o mesmo que calquera outro festival e ao mesmo tempo temos que ser parte activa da vida estival de Malpica”, din nun comunicado no que apostan polo achegamento, a calidade e o valor das propostas artísticas de relevancia máis contemporáneas como concepto deste ano.

Quique González pecha o cartel do 6º PortAmérica

Xénero: Miscelánea | 28 / 6 / 2017

imaxe non dispoñible

O festival PortAmérica ven de presentar o peche da súa oferta para sexta edición que se celebrará os vindeiros días 13, 14 e 15 de xullo en Caldas de Reis como nova localización. Joaquín Martínez, director de PortAmérica e Esmerarte Industrias Creativas; Carlos Rodríguez, subdirector de PortAmérica e Esmerarte Industrias Creativas; Víctor Mantiñán, product manager de SON Estrella Galicia e 1906; Saleta González, responsable de sostibilidade de PortAmérica, Manuel González, teniente de alcalde de Caldas de Reis; Jacobo Sutil, director de AGADIC, Santos Héctor, diputado de Turismo Rías Baixas, e Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, presentaron en rolda de prensa na Cervecería Estrella Galicia de Vigo todos os detalles que faltaba por coñecer desta 6ª edición del Festival. O madrileño Quique González, que está presentado as cancións do seu novo traballo Me mata si me necesitas, ven de incorporarse ao cartel, que pecha as incorporacións con el, confirmando a súa actuación para o día 15.

Con González son 32 as actuacións previstas para estes tres días con artistas locais, nacionais e internacionais. Ademais a parte gastronómica do festival, o coñecido Showrocking, que é sinal de identidade deste festival, tamén ven de pechar o cartel internacional de estrelas da cociña que participarán nesta edición e do que xa avanzaron varios nomes o pasado maio. Trinta chefs – 19 deles galegos- con 10 Estrelas Michelin e moitos galardóns de cociña acadados en conxunto, comisionados por Pepe Solla, para ofrecer unha selección de receitas preparadas para a ocasión. A organización ven de confirmar para o Showrocking: Cociñando na fin do mundo, entre outros, a Diego Guerrero, do restaurante DSTAgE de Madrid, que ten 2 Estrelas Michelin; Iván Domínguez, (Alborada, A Coruña) 1 Estrela Michelin; Julio Sotomayor e Daniel Guzmán, ( Nova, Ourense) 1 Estrela Michelin; Xoán Crujeiras (Bido, A Coruña). 1 Estrella Michelin; Iago Pazos, de Abastos 2.0 en Santiago; Lucia Freitas, de A Tafona, en Santiago ou Iago Castrillón, de 2 estacionas en Valencia. Ademais deles estarán Javier Olleros (Culler de Pau) e Yayo Daporta que tamén teñen unha Estrela Michelin e outros chefs de prestixio chegados desde México DF, Barcelona ou Madrid.éxico DF, Barcelona ou Madrid.

<< Inicio / Anterior . 1241 a 1250 de 3538 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR