Noticias
Muxía acolle o renacido festival Comarea
Xénero:
| 5 / 12 / 2024A ampliar o seu foco a novos estilos, Muxía acolle un renacido festival Comarea, que traslada a súa celebración do verán ao final de outono. Entre o 6 e o 8 de decembro, o camping Lago Mar desta localidade centraliza as actuacións deste encontro, que chega así á sexta edición. O festival que organiza o colectivo Horta Creativa celebrara as súas anteriores xeiras entre 2015 e 2019.
A IX Foliada da Fonsagrada lembra a Herminio Villaverde
Xénero:
| 4 / 12 / 2024Este 5 de decembro comeza a novena edición da Foliada da Fonsagrada. Esta cita de música tradicional, considerada unha das máis importantes do país, desenvólvese ata o día 9 neste concello da montaña de Lugo cun nutrido programa de actividades.
Carme López fai unha homenaxe contemporánea ás informantes da música de tradición oral
Xénero:
| 3 / 12 / 2024Carmela é o nome do proxecto centrado na música de tradición oral da artista Carme López, baixo o que ven de presentar o disco 'Vinde todas'. Carme, intérprete e docente na ETRAD de Vigo, recibiu neste 2024 o Premio Martín Codax de Música Contemporánea grazas ao seu proxecto 'Quintela' , a primeira obra de música experimental para gaita. En 'Vinde todas' e como Carmela, asenta este proxecto sobre dous piares fundamentais, a perspectiva de xénero e a investigación etnográfica, os cales toman como eixo principal as informantes, aquelas mulleres que achegan músicas e informacións arredor da tradición oral. Cada unha das cancións leva o nome da ou das mulleres de referencia, algunhas xa desaparecidas, no proceso de aprendizaxe das melodías, ademais de iniciar e pechar o disco cadansúa gravación de campo, as que reflicten o propio proceso de investigación etnomusicolóxica. O disco traza unha liña entre o seu primeiro tema e o último que vai das cantareiras informantes xa desaparecidas de Moscoso ás Pandereteiras de Toutón, mantedoras da tradición.
A Fundación Legar abre o seu centro de instrumentos musicais
Xénero:
| 27 / 11 / 2024Este 24 de novembro abría as súas portas na aldea da Seara, no Concello de Quiroga, o centro que acolle a colección de instrumentos de Xavier Blanco. Este proxecto da Fundación Legar, creada por Blanco e a súa dona, Martina Ferradás, é o resultado das catro décadas de investigación do músico, especialista nos chamados instrumentos pobres ou primixenios, que contaban con pouca elaboración e aproveitaban os materiais e ferramentas dispoñibles na sociedade tradicional.
Hugo Guezeta presenta o seu disco en solitario
Xénero:
| 22 / 11 / 2024O primeiro disco en solitario de Hugo Guezeta, 'O Noso Tempo', comeza desde a loita contra a depresión como unha declaración de intencións dunha rexeneración curadora, para pasar rapidamente o rimador a tomar altura e amosar a súa faceta máis reivindicativa e contestataria, a súa rebeldía indomable lanza frases lapidarias con destinatarios con nomes e apelidos sen pudor e crítica social. Malia non ser un traballo conceptual a escoita continua ofrécese como "unha viaxe ao longo dun día, dende o espertar ao sono da noite, pasando polo mediodía". O álbum preséntase como "un berro a toda unha xeración que vive sumida nun estado de letargo, e á que apela directamente mediante as súas letras para rachar con eses bloqueos que nos impiden avanzar como sociedade e 'espertar'".
Catuxa Salom presenta o seu primeiro traballo longo 'Cāldo'
Xénero:
| 21 / 11 / 2024A artista galego-arxentina Catuxa Salom leva varios anos presente na escena musical do país, en festivais e salas de concertos, sacando temas soltos e co seu EP 'Nunha aldea' (2022), hoxe mesmo ven de sacar á luz en plataformas o seu primeiro disco longo 'Cāldo' . O álbum debut da creadora, distribuído por Altafonte, presenta nove temas co son característico da artista, fusionando a música electrónica, os instrumentos de raíz e os elementos da natureza en temas bailables, moitos deles claramente emparentados coa música tradicional galega ou con sonoridades latinoamericanas. O disco supón unha achega ao 'novo trad' desde a fusión multicultural.
Antón Alcalde gaña o Premio de Jovenes Compositores da Fundación SGAE e CNDM
Xénero:
| 20 / 11 / 2024O compositor Antón Alcalde (Rianxo, 1992) ven de ser designado gañador do 35º Premio Jóvenes Compositores Fundación SGAE-CNDM 2024, que convocan a Fundación SGAE e o Centro Nacional de Difusión Musical (CNDM). A obra ' Anatomías del abismo' de Alcalde, interpretada polo Ensemble Vigo430, xunto ao resto de obras finalistas no Auditorio 400 del Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid foi a máis valorada polo xurado de entre as catro partituras candidatas. Alcalde, natural de Rianxo aínda que afincado en Taiwan, acada así o premio Xavier Montsalvatge, dotado con 6.000 euros, que en palabras do xurado destaca "pola súa forza, a súa vitalidade, o control da técnica e a escritura e a súa capacidade de sorprender". A composición parte dunha reflexión sobre unha cita de 'Máis alá do ben e do mal', un dos textos fundamentais de Nietszche, que di: "Cando miras fixamente ao abismo, o abismo tamén mira dentro de ti", segundo o propio autor. Grazas a este premio o artista convértese automaticamente en compositor residente da Red de Músicas de Juventudes Musicales de España durante a temporada 2025 – 2026. Juventudes Musicales de España encargaralle dúas obras de música de cámara e outorgará 1.500 euros por cada creación.
Sen Senra segue a súa viaxe creativa cunha nova obra íntima
Xénero:
| 18 / 11 / 2024O pasado ano Sen Senra, nome artístico do músico Christian Senra (San Miguel de Presqueiras, Forcarei) , presentaba o disco 'PO2054AZ (Vol.1)', unha obra que anunciaba como a primeira dunha triloxía destinada a ser considerada como unha obra magna. Coas orixes culturais e íntimas como base e a matrícula do coche vello do seu pai como título, o artista iniciaba unha viaxe declarativa da súa identidade e estilo propios, facéndose un sitio especial dentro das actuais músicas urbanas, unha escena na que desde os seus primeiros temas xa foi quen de destacar, mesmo a nivel internacional. Agora ven de sacar 'PO2054AZ Vol. II' (Sonido Muchacho) e, mantendo a intención, segue o seu periplo de manter presentes as orixes, xa mirándoas desde a perspectiva do emigrado. Nese sentido entre os 24 cortes que presenta este disco inclúense 4 mensaxes de audio recibidos polo músico nas voces da súa nai e a súa avoa, gravacións que nos colocan na vivencia da familia na distancia que ten o artista. Este segundo volume da triloxía preséntase así como unha homenaxe a historia galega da emigración, aos paisanos e a súa familia e "a todos os que nalgún momento tiveron que saír do seu fogar", unha viaxe non só física, senón tamén interior. Se ao anterior álbum considérase 'A Orixe' este subtitúlase como 'O emigrante'.
O Museo do Pobo leva 586 cantos ao Teatro Colón
Xénero:
| 15 / 11 / 2024O Teatro Colón da Coruña acolle este sábado 16 de novembro o espectáculo 586 cantos. Esta proposta, producida polo Museo do Pobo Galego a través da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, combina audiovisual e música quere "pór en valor a tradición e sabedoría que nos legaron as portadoras e transmisoras da nosa poesía popular oral, futuras homenaxeadas nas Letras Galegas 2025, así como os arquivos que albergan o patrimonio inmaterial galego".
Inxección económica para salvar a OSG
Xénero:
| 15 / 11 / 2024A complicada situación económica da Orquestra Sinfónica de Galicia, que está a crear preocupación mesmo entre os seus membros ven de superarse no curto prazo. Segundo avanza o xornal La Voz de Galicia os grupos municipais do PSdG-PSOE e BNG acordaron que o Concello conceda un suplemento de crédito de 660.000 euros destinado á xestión das actividades da agrupación orquestral. Este montante irá destinado ao pago de alugueiros, contratación de solistas e a cubrir as subas salariais derivadas do incremento do IPC. A situación do Consorcio para a Promoción da Música mantense aínda pendente de maiores pasos para a súa estabilización económica, o que depende non só do goberno local, senón tamén da Xunta de Galicia.