Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Cantautor
Música Cantautor
Marta Quintana tamén se achega a Díaz Castro
Xénero: | 20 / 5 / 2014
A guitarra de Cuchús Pimentel sérvelle a Marta Quintana de base para o seu último traballo. A harpista e cantante adapta once poemas de Díaz Castro en Lus un proxecto autoeditado no que non faltan textos como Penélope, cunha vangardista versión, Noite do mundo ou Nimbos. O dúo presentou en público o disco no recital Díaz Castro: perdido no traxecto e salvado por un anxo que se celebrou o pasado venres 16 na Cidade da Cultura.
Resonancias de Rosalía, de Amancio Prada
Xénero: | 19 / 5 / 2014
En paralelo con Federico García Lorca, poeta en Galicia e como parte da xira A Rosalía de Federico, Amancio Prada presenta Resonancias de Rosalía. O novo disco do cantor berciano ponlle música a 18 novos textos da poeta de Padrón, que se suman á xa longa traxectoria de poemas de Rosalía cantadas por Prada. O texto, publicado baixo o selo Musicamaina, conta cun texto introdutorio de Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega.
Amancio Prada une a Lorca e Rosalía cunha xira e dous discos
Xénero: | 19 / 5 / 2014
Un duplo lanzamento discográfico e unha xira arredor da relación entre Lorca e Rosalía. O músico berciano Amancio Prada presentaba o pasado venres no Consello da Cultura Galega os seus últimos proxectos, nos que explora os vencellos entre a poeta galega e o poeta granadino. Para o facer, Prada presenta, por unha banda Federico García Lorca: Poeta en Galicia, un libro-CD editado por Vaso Roto no que o cantor versiona por vez primeira a totalidade dos Seis poemas galegos do poeta aos que engade a súa Salutación Elegíaca a Rosalía de Castro. O proxecto conta coas ilustracións de Juan Carlos Mestre. En paralelo, sae tamén à venda Resonancias de Rosalía.
2naFronteira musican a Díaz Castro no seu novo traballo
Xénero: | 28 / 4 / 2014
O dúo 2naFronteira, formado por Carmen Penim e Maurizio Polsinelli, presenta Zapatiños para Díaz Castro, un CD no que musica catorce poemas de Nimbos, o poemario de Xosé María Díaz Castro. Os textos do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano cobran vida cunha ampla presenza de harmonios, pianos e a voz de Carmen Penim. No vídeo que encabeza esta información os artistas explican o proceso de xestación deste disco.O grupo iniciou o proxecto a musicar Penélope, o poema máis coñecido do autor, e foi o interese que os músicos foron atopando na lectura dos poemas de Díaz Castro o que os levou a completar o conxunto de textos do autor.
Vizcaíno chega con Alas de papel
Xénero: | 23 / 4 / 2014
Desde o Incio chega o primeiro traballo de Vizcaíno, nome artístico de Xabier Pérez. Alas de papel, autoeditado, achega dez temas de autor con carácter urbano e toques rock. Aínda que cantado maioritariamente en castelán, o volume inclúe tamén o tema en galego Sete chorares. Concibido en Sudamérica, o disco nace logo de só dous anos de carreira musical deste compositor. Unha xira por todo o Estado e varias actuacións por Arxentina están a servir para presentar o traballo do cantante.
Alba María gaña o I Certame de Canción de Autor en Galego
Xénero: | 7 / 4 / 2014
O Certame de Canción de Autor en Galego, que convocou este ano por vez primeira o Concello de Teo, xa ten gañadora. Alba María impúxose aos outro sete finalistas e poderá gravar un disco de oito temas. Ademais, o público seleccionou Nastasia Zürcher para o accésit a mellor artista e o seu tema Voar para o de canción máis orixinal. En total foron 23 os aspirantes que se presentaron a un certame no que o xurado destacou a variedade das propostas e a alta calidade dos candidatos.
Xoán Eiriz presenta un repertorio internacional no seu novo disco
Xénero: | 20 / 2 / 2014
My Way, o Adagio de Albinoni, Hallelujah de Leonard Cohen ou Lágrima de Amália Rodrigues. O cantautor Xoán Eiriz aposta por un repertorio internacional, que ademais foi seleccionado polos seus propios seguidores, para o seu décimo terceiro disco. Dende as cordas do meu corazón, interpretado integramente en galego, inclúe tamén versións de poetas como Rosalía e Cunqueiro, xa habituais nos traballos do cantautor.
Xurxo Mares achega Revelaciones
Xénero: | 21 / 1 / 2014
Revelaciones é o novo traballo do cantautor coruñés Xurxo Mares. Editado baixo o selo Gourment Sounds, o disco achega dez temas que o autor reivindica como cheos de luz e de enerxía e dos que varios, segundo sinala, inspiráronse en soños. Candas á letras cun inequívoco carácter de canción de autor clásica, o Mares incorpora no volume colaboracións como as de Álvaro Trillo, Alberte Fernández, Álex Cente, Pablo Añón, Javier Facal, Luis Tinaquero, Iago Mouriño, Rosalía Vázquez ou Alfonso Camarero, que enriquecen o son a achegar instrumentos como o piano o contrabaixo, o saxo, a batería, o acordeón ou a mandolina.
O público financia La luz de los gigantes de César de Centi
Xénero: | 7 / 1 / 2014
Logo do éxito do proxecto de crowdfunding que iniciou hai agora un ano, o cantauator César de Centi acaba de presentar La luz de los gigantes, o seu segundo traballo. O álbum, autoeditado, achega once temas nas que o músico se acompaña de diferentes instrumentos e inclúen colaboracións como a de Xosé Constenla ou Paris Joel, entre outros. O centro cultural Ágora da Coruña acollerá o vindeiro 18 de xaneiro, ás 21:30 horas o concerto de presentación do álbum, no que o artista contará cunha banda e mais cun nutrido grupo de convidados especiais.
Luís Emilio Batallán volta con Había que chegar
Xénero: | 16 / 10 / 2013
Un clásico da nosa música, Luís Emilio Batallán, retorna á actualidade discográfica co lanzamento de Había que chegar. Gravado en Cuba, Estados Unidos e Reino Unido, e con produción de Pablo Milanés, o cantautor afástase do seu estilo máis habitual a incorporar ritmos de jazz e latinos. O volume, que sairá á venda o vindeiro mes de novembro, contén temas propios como Viva Lalín aínda que traballa tamén textos de poetas galegos como Cunqueiro ou María Mariño. Tres concertos en Vigo (16 de outubro), Compostela (17) e Pontevedra (18) serven de presentación deste novo proxecto.


