Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / / As Xornadas de Música Contemporánea amplían a súa aposta en Compostela

CONTEMPORáNEAS DESENVóLVESE COMO UN CICLO AO LONGO DE TODO O ANO

As Xornadas de Música Contemporánea amplían a súa aposta en Compostela

CLáSICA/LíRICA | outubro 23, 2024

imaxe non dispoñible

Co nome de Contemporáneas, o Concello de Santiago presentaba este 22 de outubro a nova programación que toma o relevo das Xornadas de Música Contemporánea. A proposta amplía no tempo as súas actividades e achegará entre outubro e maio oito concertos, un cada mes. Nesta primeira xeira, o proxecto inclúe cinco estreas absolutas e tres composicións especificamente creadas para a ocasión.

A Casa das Máquinas abre este 24 de outubro o programa cun concerto de Arxis Ensemble no que combina a composición La fabbrica illuminata de Luigi Nono coa peza Sereas / Oda ludita, creada polo artista sonoro e investigador Xoán-Xil López a partir dos versos de Alba Cid sobre o levantamento das traballadoras da Fábrica de Tabacos da Coruña en 1857. A sesión inclúe unha conversa previa que abordará a relación entre as diferentes composicións.
O día 27 de novembro o ciclo achegará ao Teatro Principal a ópera contemporánea de Javier Otero Neira Pálido Punto Azul, creada en residencia co apoio do Teatro Principal da Estrada, o NONONON lab, e o CMUS Profesional de Música de Santiago de Compostela.

Desde decembro, o programa aloxarase na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, coa estrea o día 11 de How can I help you, obra controlada mediante software de Intelixencia Artificial e creada por José del Avellanal e Bernat Pont, da man de Vertixe Sonora. O 22 de xaneiro será a quenda do dúo de Iván Abal e David Bellas, que combinarán gaita e zanfona, a adaptar pezas Fulvio Caldini ou Philip Glass, en diálogo con pezas propias e mais a presentación de By the way..., de Teresa Bretal.

A solas con Marilyn, ópera de cámara de Teatro Xtremo protagoniza a sesión do 4 de febreiro. A montaxe afonda nas posibilidades da voz para amosar sentimentos, con dirección de escena de Ricardo Campelo Parabavides. Fernando Buide e o seu ensemble Música Práctica presentarán o 18 de marzo Pasos desde o Atlántico, recital que combina obras deste compositor con traballos de Eduardo Soutullo, Martin Bresnik, Christopher Cerrone, Mercedes Zavala ou Carme Rodríguez.

A combinación de música e danza de Suit(e, con Millán Abeledo, Nuria Sotelo e o compositor compostelán Manuel López Jorge é a proposta para o martes 29 de abril, a amosar o diálogo entre violonchelo e coreografía. O ciclo fecha a súa o martes 20 de maio coa visita de Taller Sonoro, que presenta o traballo de Nuria Núñez Contos para arrolar un enxame.