Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Lugo volta ao Jazz na XXXI edición do seu festival

O PROGRAMA ACHEGA VINTE E CINCO CONCERTOS ENTRE O 5 E O 21 DE NOVEMBRO

Lugo volta ao Jazz na XXXI edición do seu festival

JAZZ/BLUES | novembro 3, 2021

imaxe non dispoñible

Os estadounidenses Kenny Garrett e o Julian Lage Trio encabezan o cartel do Festival de Jazz de Lugo, que celebra este mes de novembro a súa trixésimo primeira edición. Entre os días 5 e 21 de novembro, a Cidade da Muralla acollerá ao amparo deste programa un total de vinte e cinco concertos, con nomes como Dave Weckl & Tom Kennedy Project, Black Art Jazz Collective, Ghost-Note, Huntertones, os británicos Ray Gelato & The Giants, ou o galego Abe Rábade co seu trío. Canda a el, Xacobe Martínez Antelo Quinteto, Aló Django Quartet, d’A Trío, Viruxe e Alfonso Calvo Septeto completan a presenza galega nesta xeira.

A Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz organiza o encontro que concentra as súas actuacións no Círculo das Artes e no Club Clavicémbalo. O cartel conta ademais con Perico Sambeat Plays Zappa, Sheila Blanco & Federico Lechner, David Pastor Quartet, Alba Careta Group, Gonzalo del Val Trio & Benet Palet, The Machetazo, Narci Rodriguez, Luismo Valladares Quartet, Magalí Sare, Abya Yala e Los Fumeros. A Casa do Saber acollerá o concerto do pianista Ignasi Terraza en diálogo co contrabaixo de Horacio Fumero.