Xa está aquí o novo disco de Xoel López 'Si mi rayo te alcanzara'
novembro 27, 2020
Aínda vivíamos na vida pre-pandemia cando Xoel López presentou os dous primeiros avances deste o seu quinto disco en solitario Si mi rayo te alcanzara (Esmerarte, Sony Music) que hoxe xa está dispoñible para venda e en todas as plataformas dixitais. Alma de oro era o primeiro tema que coñeciamos neste mesmo mes de febreiro de 2020, nel xa víamos que o que viña non ía decepcionar respecto de anteriores traballos do artista. Pop coidado, acompañamentos corais multitudinarios, con orgullosas influencias latinoamericanas coma nos seus anteriores traballos, letras intimistas, oníricas e evocadoras, en diálogo cun interlocutor concreto, coma no caso do segundo avance, Joana, ou directamente en narración vital para o universo coma na enerxética e entusiasta Tigre de Bengala, presentada xa no medio do confinamento. Fai un mes presentaba como último avance Si mi rayo te alcanzara, tema que dá nome ao disco e que nos conecta con outra das grandes cancións de saldar contas do repertorio de Xoel coma Todo lo que merezcas (2015).
Nos dez temas deste novo disco, todos eles en castelán nesta ocasión, transita Xoel polas súas diversas achegas musicais a cada historia sexa romántica ou vital, que van desde o máis intimista, acústico e nostálxico ata achegarse ao pop rock, as fusións festivas co latinoamericano e mesmo o country. Xa en outros discos anteriores viamos que gusta Xoel de facer eses dúos tan habituais no pop actual, no seu caso con voces femininas que neste disco poñen Ede, Gaby Moreno e Alice Wonder, ademais das voces nos coros grazas á colaboración de Club Del Río, María de la Flor, Adrián Seijas, Ulises Hadjis, David Aguilar, Cynthia Blanco, Javier Romero Arbizu, Eva González Alonso, David Quinzán e Carles Campón, responsable da produción deste Si mi rayo te alcanzara que xa se pode experimentar desde hoxe.
Tamén che pode interesar:
- 8/ 3/ 2018 | Xoel López é finalista do Premio IMPALA ao Álbum europeo do Ano
- 17/ 11/ 2017 | Xoel López retrata o seu momento vital no novo álbum 'Sueños y Pan'
- 30/ 3/ 2016 | Xoel López suma cinco candidaturas nos premios de música independente
- 27/ 5/ 2015 | Xoel López retorna con Paramales
- 27/ 9/ 2013 | As despedidas de David Quinzán