Alejandro Vargas, Rosa Cedrón e Camerata Egeria homenaxean a Chané
outubro 27, 2017
O pianista cubano Alejandro Vargas e a cantante Rosa Cedrón capitanean Chané na Habana, o disco en homenaxe ao coñecido compositor galego que acaba de ver a luz da man de aCentral Folque e a Deputación da Coruña a coincidir co centenario do músico. O proxecto, que se puido ver ao directo este verán na Coruña e en Compostela reivindica a totalidade da obra do compositor desde a perspectiva da música cubana. Unha reinterpretación na que Vargas e Cedrón se acompañan de dezaseis músicos de catro nacionalidades, entre eles o trompetista cubano Myquel González e varios membros da Real Filharmonía de Galicia reunidos na Camerata Egeria, todos eles baixo a dirección artística de Ramon Pinheiro.
Clásicos como Os Teus Ollos ou Un Adios a Mariquiña encóntranse neste álbum, que se presentou onte ao público no Teatro Colón da Coruña e que verá dúas presentacións máis, con concertos este 28 de outubro no Auditorio Municipal de Rianxo e o vindeiro 11 de novembro, no Auditorio Municipal de Melide.
Tamén che pode interesar:
- 30/ 4/ 2024 | Rosa Cedrón entra na Real Academia Galega de Belas Artes
- 16/ 11/ 2016 | Espiño e Alejandro Vargas Trío impóñense no II certame Galicia Creativa
- 12/ 9/ 2014 | Compostela acolle as III Xornadas de Música Contemporánea
- 10/ 6/ 2013 | Cantando a Galicia: O retorno ás verbenas
- 29/ 4/ 2013 | Miniaturas de Eugenio Granell leva un premio Cubadisco