Nace o Festival Premios Martín Codax da Música
setembro 29, 2015
Amosar o traballo dos músicos galardoados é o obxectivo co que nace o I Festival Premios Martín Codax da Música. A asociación Músicos ao Vivo organiza este evento, que se desenvolverá en Compostela entre o 15 e o 17 de outubro deste ano. O programa está composto por grupos e solistas premiados na última edición destes premios, con nomes como Cró!, Sub Rosa, Wöyza, Cuarteto Caramuxo, Sumrrá, Pablo Díaz ou Ataque Escampe entre outros. Ademais, no marco deste encontro celebraranse tamén un coloquio sobre a situación da música ao vivo no país e mais actividades nas que se mestura gastronomía e música. O encontro preséntase con actuacións de Davide Salvado e mais da Orquestra Vigo 430 o vindeiro 1 de outubro, e todas as actuacións serán de balde.
Ao tempo, a Músicos aos Vivo acordou adiar a terceira convocatoria desde certame para a vindeira primavera. Segundo a organización, este traslado permitirá aos gañadores e finalistas "aproveitar o tirón dos premios para conseguir contratacións de cara ao verán" ademais que que fará concluír a iniciativa con outros galardóns da cultura do país como os premos María Casares ou os Mestre Mateo.
Tamén che pode interesar:
- 25/ 4/ 2024 | Abren as votacións para escoller os Premios Martín Códax da Música
- 5/ 10/ 2023 | Unha xornada e un concerto homenaxean a Martín Códax polo Día das Artes
- 31/ 3/ 2023 | Martín Códax repénsase na música contemporánea
- 6/ 3/ 2023 | Os Premios Martín Códax da Música presentan a décima edición este ano
- 23/ 9/ 2022 | Fuxan os Ventos recibirán o Premio Martín Códax de honra