Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Abren as votacións para escoller os Premios Martín Códax da Música
Abren as votacións para escoller os Premios Martín Códax da Música
abril 25, 2024
As Bodegas Martín Códax, en Cambados, acollían na noite deste 24 de abril a festa de finalistas dos XI Premios Martín Códax da Música, que organiza a asociación Músicas ao Vivo. Na mesma déronse a coñecer os nomes dos 45 proxectos, tres por categoría, que aspiran a facerse cun galardón na gala que se celebra o vindeiro 15 de maio en Pontevedra.
Canda a estas, coñecéronse tamén as nove propostas que aspiran aos Premios Organistrum destinados a Salas, Festivais, e proxectos de Comunicación e Difusión Musical. A maiores tamén se anunciaron os nomes seleccionados na categoría de Artista Emerxente, instaurada en 2022 e na que este ano son finalistas Leria, Mondra e Gloria Pavía. Estes recoñecementos van para proxectos cun máximo de 3 anos en activo e cun único disco editado.
O xurado que se encargou de realizar a elección de finalistas entre os 430 proxectos escritos estivo formado pola xornalista Pilar G. Rego, a violinista e mestra Elena Vázquez, o guitarrista e cantante de Arrhythmia Alberto Busto, a baixista Maritxinha e Cao de Mos, responsable da Sala Rebullón no concello de Mos.
A partir deste 25 de abril comeza o prazo de votacións, que por vez primeira ábrese ao público xeral, que terá un peso do 50% na elección, a recaer a outra metade nos votos que emitan as persoas socias de Músicas ao Vivo. As votacións realízanse a través do web dos premio e cómpre seleccionar por un sistema de puntos nun mínimo de 5 categorías para que a votación sexa efectiva.
Os Premios Martín Códax están organizados por Músicas ao Vivo, co apoio e colaboración das Bodegas Martín Códax, Concello de Pontevedra, Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra.
PROXECTOS FINALISTAS 11º PREMIOS MARTÍN CODAX DA MÚSICA
Blues, Funk e Soul: Brais Morán & Nasaufunk, O Cadelo Lunático, Martins Aneiros Band
Folk: Caamaño & Ameixeiras, Susana Seivane, De Ninghures
Músicas do Mundo e Mestizaxe: Catuxa Salom, Raposa, Woyza & The Galician Messengers
Canción de Autor/a: Antía Muíño, Guadi Galego, A Pedreira
Músicas Urbanas: Ash Diz, hydn, C Miranzo
Orquestras, Grupos e Música de Verbena: América de Vigo, Burgas Big Band, Orquesta Charleston
Metal e Heavy: Youcanthide, Her Anxiety, Rymer
Bandas de Música Popular: Agrupación Musical de Goián, Banda de Música Municipal de Silleda, Banda de Música Unión de Guláns
Música Tradicional: Malvela, Mediarea, Os Melidaos
Música Infantil: A Gramola Gominola, Uxía Lambona e a Banda Molona, Pakolas
Música Clásica e Contemporánea: Fabio Álvarez, Carme López, Juan Eiras
Electrónica: Mondra, Lontreira, Grande Amore
Jazz e Músicas Improvisadas: Orquestra Galega de Liberación, Pablo Sanmamed Trío + Benxamín Otero, Diego Alonso
Rock e Punk: Moloch, Terbutalina, Mad Martin Trío
Pop e Indie: The Rapants, Lucía Aldao, Måi
Finalistas Organistrum:
Proxectos de Comunicación e Difusión: Miudiño Sessions, O TikTok de Rodri Míguez, Revista Rebelico
Festivais: Galegote, EmigraSON, As Nosas Músicas de Couso
Salas: Mardi Gras, A Pousada da Galiza Imaxinaria, A Arca da Noe
Finalistas Artista Emerxente: Leria, Mondra, Gloria Pavía
Tamén che pode interesar:
- 14/ 2/ 2024 | Os Premios Martín Códax abren as súas votacións ao público
- 5/ 10/ 2023 | Unha xornada e un concerto homenaxean a Martín Códax polo Día das Artes
- 11/ 5/ 2023 | Corenta e cinco nomes optan aos Premios Martín Códax como finalistas
- 31/ 3/ 2023 | Martín Códax repénsase na música contemporánea
- 6/ 3/ 2023 | Os Premios Martín Códax da Música presentan a décima edición este ano