Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Os Premios Martín Códax da Música presentan a décima edición este ano
Os Premios Martín Códax da Música presentan a décima edición este ano
marzo 6, 2023
Os Premios Martín Códax da Música fan dez anos da man da asociación Músicas ao Vivo (MAV) e abren a súa convocatoria 2023 a todos os proxectos musicais galegos vixentes e en activo durante este último ano. Como "edición da consolidación", definiron Sheila Patricia e Patty Castro, presidenta e tesoureira de MAV respectivamente, esta entrega de número redondo. Desde o seu nacemento, os premios marcáronse como obxectivo visibilizar a creatividade musical de artistas e bandas de Galicia e o potencial da música como sector estratéxico, desde o punto de vista social e económico. A edición foi presentada este luns 6 de marzo no Salón Teatro de Santiago de Compostela xunto aos patrocinadores Bodegas Martín Códax, Agadic-Xunta de Galicia e Concello de Pontevedra, faltando representación da Deputación de Pontevedra.
Os Premios volven as súas datas habituais prepandemia e a gala terá lugar o vindeiro 7 de xuño no Pazo da Cultura de Pontevedra. A temática do evento estará inspirada no proceso de elaboración do viño en relación aos procesos de composición e produción de música recoñecendo deste xeito o apoio fundamental das Bodegas Martín Códax. Será a primeira gala organizada pola directiva entrante o pasado ano en Músicas ao Vivo formada por Sheila Patricia, Xavier Castro, Patty Castro, Tomás Díez, Silvia Penide e Pablo Lesuit. No relativo aos propios galardóns, mantéñense en quince categorías musicais, tres premios Organistrum (que destacan anualmente unha Sala, un Festival e un Espazo de Comunicación Musical), un galardón honorífico a toda una carreira artística ou traxectoria profesional e, por segundo ano, mellor proxecto de Artista Emerxente, categoría na que como novidade, ademais das persoas socias de Músicas ao Vivo tamén o público xeral poderá votar nesta categoría. Desaparece o Premio a Artista do Ano, que se deu o pasado ano como vez primeira. Hai pequenas variacións nas denominacións dalgúns dos galardóns que amosan as perspectivas dos propios músicos: Rock pasa a ser 'Rock e Punk' mentres que Metal pasa a 'Metal e Heavy'. O proceso de inscrición de proxectos estará aberto dende o 13 de marzo ao 2 de abril a través da web premiosmartincodaxdamusica.gal, renovada con motivo deste aniversario especial.
Tamén che pode interesar:
- 25/ 4/ 2024 | Abren as votacións para escoller os Premios Martín Códax da Música
- 5/ 10/ 2023 | Unha xornada e un concerto homenaxean a Martín Códax polo Día das Artes
- 11/ 5/ 2023 | Corenta e cinco nomes optan aos Premios Martín Códax como finalistas
- 31/ 3/ 2023 | Martín Códax repénsase na música contemporánea
- 23/ 9/ 2022 | Fuxan os Ventos recibirán o Premio Martín Códax de honra