Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O Vía Stellae celebrará unha edición de transición cos ollos postos no Ano Xacobeo
O Vía Stellae celebrará unha edición de transición cos ollos postos no Ano Xacobeo
febreiro 3, 2009
É o festival de música barroca máis importante do país. Este ano o programa seguirá fiel ao seu esquema habitual. Deste xeito, desenvolverase todo o mes de xullo, centralizado en Compostela pero con concertos nas vilas polas que transcorren os Camiños de Santiago, con gravacións dos concertos a cargo de reputadas compañías discográficas, concertos de breve duración e programas que combinan música con itinerarios por lugares patrimoniais. A maiores achegará varias novidades: a creación do OFF Stellae e a celebración das efemérides de Haendel e Haydn. Iso sí, a do 2009 será unha edición de transición de cara a do Ano Xacobeo, que se avanza moi ambiciosa.
A principal novidade desta edición de 2009 é a creación do OFF Stellae. Un programa de catro concertos que permitirá abrir o abano da música barroca tanto a novos espazos como a novos xéneros musicais. Deste xeito, haberá concertos que teñan un repertorio con cancións barrocas e mais contemporáneas, así como outros que se celebrarán en lugares atípicos como a Praza de Abastos de Santiago. Canda a esta novidade, increméntase tanto o número de concertos (o 90% serán de balde), como o de localidades nas que se realizarán.
Coincidindo co bicentenario do pasamento de Haydn, así como o 250 aniversario do de Haendel, a organización do Vía Stellae non quixo deixar pasar a oportunidade de programar obras destes compositores. De feito, de Haendel estrearanse dúas óperas en versión de concerto (Xulio César e Ariodante), ademais de dedicarlle o concerto inaugural. E se abre con Haendel o festival Vía Stellae pecha con cantatas e sinfonías de Haydn.
Camiño do 2010
Pero a Consellaría de Innovación e o Xacobeo xa están pensando na celebración do Ano Santo (que terá lugar en 2010) e, ao tempo que preparan a programación deste ano, xa están a iniciar os contactos da vindeira. Unha edición na que pretende triplicar o orzamento (no 2009 destinarán 1.3 millóns de euros) para poder facer unha proposta máis ambiciosa na que pretenden traer a directores da talla de Daniel Barenboim. Máis localidades, máis actuacións, máis miniciclos de concertos en vilas, así como un ciclo dedicado á música galega, son as liñas nas que desde a administración se está a traballar para o 2010.
Tamén che pode interesar:
- 25/ 6/ 2012 | O festival Via Stellae volta con vinte concertos
- 30/ 6/ 2009 | Cultura encarga unha composición musical de gran formato para estrear na Catedral no Xacobeo
- 12/ 4/ 2007 | O festival de música “Via stellae” chega á segunda edición duplicando o número de concertos
- 2/ 6/ 2006 | O Xacobeo presenta os 43 concertos “Vía Stellae”, o festival que substitúe ao Festival de Música de Galicia