Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Cultura encarga unha composición musical de gran formato para estrear na Catedral no Xacobeo
Cultura encarga unha composición musical de gran formato para estrear na Catedral no Xacobeo
xuño 30, 2009
Cando en febreiro se presentou o programa do festival Via Stellae (Festival de Musica de Compostela e os seus camiños) para este 2009, xa se apuntou que sería unha edición de transición, xa que os ollos estaban postos no Ano Xacobeo. Agora, un día antes de que comece a programación oficial deste encontro, o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, acaba de adiantar unha das sorpresas da vindeira edición: a Catedral acollerá unha obra musical de gran formato que se lle encargará a un “de renome e de recoñecido prestixio”. Isto únese ao xa presentado en febreiro, a presenza de Daniel Baremboim coa Saatskapelle de Berlin ou a escenificación da ópera de Haendel, Rodelinda.
Con respecto a esta edición, o programa comezará o xoves cun concerto no Auditorio de Galicia que servirá para conmemorar o 250 aniversario do pasamento de Haendel. Un concerto destacado porque contará coa presenza de cantantes que se achegan por primeira vez a Galicia. A partir de entón, diferentes localidades de toda Galicia (todas elas polas que pasa algún tramo do camiño de Santiago), ofrecerán preto dun centenar de concertos que son gratuítos na súa maioría.