Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Inquedanzas Sonoras recupera a voz de Manuela Cortizo
Xénero:
| 25 / 3 / 2013Con 82 anos de idade, Manuela Cortizo Medal acumula unha intensa experiencia como cantareira. Agora, da man de Inquedanzas Sonoras, ve a luz Cantareira de Barro de Arén, un libro-CD-DVD que recolle un estudo sobre a súa figura da man de Xosé Lois Foxo. Cantos de ronda, xotas, muiñeiras, mazurcas, cantos de oficios e romances danse cita nun disco que amosa preto de oitenta pezas interpretadas por Cortizo unicamente coa súa voz e a pandeireta. Sobre a mesma cantareira xa publicara Calros Solla unha compilación de máis de mil coplas co título de Cantares de Manuela de Barro
Radio Cos achega novos sons para a pandeireta
Xénero:
| 22 / 3 / 2013Xurxo Fernandes e Quique Peón, cantantes e percusionistas, son a base de Radio Cos, un proxecto que leva case unha década a percorrer os escenarios do país. pandeiretas con voces masculinas, arropadas por Pedro Lamas á gaita e ao saxo soprano, Nikolay Velikov no violino e Xan Pampín no acordeón dan unha sonoridade diferente ás melodías tradicionais. Toques balcánicos, son festivos e cantigas coñecidas danse cita neste proxecto, que verá a luz o vindeiro 16 de abril da man de Fol Música.
NAO inicia a xira de Cancións de amor e liberdade
Xénero: VIDEO
| 20 / 3 / 2013 +Logo dun debut en Carballo, a xira de presentación do terceiro disco de NAO, Cancións de amor e liberdade, leva o grupo mañá á Sala Capitol de Compostela, onde estarán acompañados de Desequilibrio Mental. O álbum que se gravou nos estudios Mafia Records do Carballiño, segue a liña de rock combativo do grupo, deixando o metal máis puro e a incorporar a Jasper como vocalista. O novo lanzamento da banda contou co apoio económico dos seus fans vía crowdfunding, o que lle permitiu ao grupo editar mil copias do CD, así como tirar material promocional e gravar un videoclip.
Chegan As Alegrías de Linho do Cuco
Xénero:
| 15 / 3 / 2013A seguir co achegamento ao son das bandas de música que xa iniciaran no seu anterior traballo, os lalinenses Linho do Cuco presentan As Alegrías, o seu terceiro CD. Nove temas, que se acabaron de gravar o día seis deste mesmo mes, no que a banda mestura melodías tradicionais con composicións e arranxos propios cos que ofertan "unha proposta de música POPular actual para as sesións vermouts e as verbenas". O disco, gravado nos estudios Savic Sound, de Ponte Caldelas e que ve a luz da man da Central Folque.
A Compañía do Ruído presenta Pensares galegos
Xénero:
| 12 / 3 / 2013Un percorrido en catamarán pola Ría de Arousa serviralle á Compañia do Ruído para presentar Pensares galegos, o seu sexto disco. O CD, para o que o grupo obtivo fondos mediante crowdfunding, achega nove novos temas que se completan con versións de grupos como Zënzar,os Diplomáticos de Montealto, os JJJ ou temas antigos do propio gurpo ata comletar 14 cortes. Como sempre, a banda continúa coa súa mestura de estilos que van do folk ao rock folk ao rock, pasando polo ska, o punk ou o reggae. Está aberta a venda de entradas para a presentación do disco, que por 30 euros inclúe xantar, unha copia do CD e actuacións de Leo e Arremecajoná, Cé Orquestra Pantasma, La Magnifique Bande, De Botero a Bo Derek(Paulova e Manu Mimé), A Rebanda Ribeira e os propios A Compañía Do Ruído. O disco gravouse no estudio “La Casita” (Riveira), a mesturouse no estudio “A Ponte” (Bertamiráns)
Birimbao presenta Nena do mare
Xénero:
| 6 / 3 / 2013Catro anos despois da súa primeira gravación, os coruñeses Birimbao acaban de presentar Nena do mare. O disco presenta oito temas nos que se mesturan as melodías tradicionais con temas de composición propia, apostando por un son no que se deixan sentir as influencias do fok celta. A voz de Mabell Castro acompaña seis dos temas do disco, que están dispoñibles baixo licenza Creative Commons. O traballo, autoeditado, gravouse nos estudios Paz & Records. Birimbao está formado por Pepe Mato, Chema Lorenzo, Manolo Gesto, Manuel Caridad, Mabell Castro e Alberto Camba.
Voltan a nena e o grilo
Xénero:
| 27 / 2 / 2013Logo do seu aplaudido libro-disco A nena e o grilo, Magín Blanco recunca en formato e personaxes. Fol Música acaba de presentar A nena e o grilo nun barquiño, un conxunto de trece contos que se publican acompañados por outras tantas cancións e actividades didácticas. O proxecto, de sesenta páxinas, conta con ilustracións de Leandro Lamas e presentarase de xeito oficial o vindeiro 8 de marzo no marco do Salón do Libro Infantil de Pontevedra. Un concerto no mesmo recinto inaugurará a xira de presentacións o día 9 no mesmo espazo. O disco gravouse no estudio de Jorge Juncal en Moaña, na Cova dos Peixes con Guilllerme Fernández e en Casa de Tolos con Segundo Grandío.
Chega 8, o debut dos John Deeres
Xénero:
| 26 / 2 / 2013"Rock clásico en galego adubado con pinceladas hard rock e pingas de psicodelia", esta é a propotas que realizan os John Deeres en 8, o seu primeiro traballo. Unha proposta autoeditada na que achegan oito temas integramente en galego que deixan sentir estas influencias. Logo de realizar unha pescuda por cantante en 2011, o grupo incorporou a Ferni na voz, quedando a composición con Xermán (batera), Marcos (baixo), Mustaf (guitarra) e Reices (teclados). Segundo recoñecen, a nova voz "achega á banda máis contundencia setentera". O traballo, autoeditado está gravado nos estudios Litium de Pontevedra e pode escoitarse xa de balde en plataformas como Grooveshark, Spotify ou iTunes entre outras. As copias físicas do LP están tamén en tendas.
Terbutalina chega con Ritmo Serbio
Xénero:
| 25 / 2 / 2013Ritmo Serbio é o título do segundo LP de Terbutalina. A banda gastropunk presentaba a pasada semana o seu novo traballo lanzándoo integramente de balde para se ouvir en liña nas máis diversas plataformas e coa posibilidade da súa descarga. Catorce temas enérxicos e breves na liña punk do seu primeiro traballo, nos que a guitarras acadan un maior protagonismo e se detectan uns arranxos máis coidados. O álbum gravouse nos estudios A Ponte de Tomás Axeitos e mesturouse en Estudios Mandelson. O vindeiro 7 de marzo a Sala Capitol acollerá a presentación do traballo, nun concerto no que tamén estarán Familia Caamagno.
A Xunta asegura a continuidade da Rede Galega de Teatros e Auditorios
Xénero:
| 14 / 2 / 2013Os recortes para o sector das artes escénicas só garanten a continuidade da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Os outros circuítos, os de salas e música ao vivo dependerán do orzamento final que se aprobe. Así o dixeron, tanto o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria onte no Parlamento ante unha pregunta da deputada Ana Pontón, coma o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, aos representantes da plataforma galega das artes escénicas o pasado martes.