Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Inquedanzas Sonoras presente un novo Karaoke popular
Xénero:
| 20 / 11 / 2013A seguir a senda do Galeoke, Inquedanzas Sonoras acaba de publicar Karaoke popular. Un DVD que convida a interpretar temas da nosa tradición como A Rianxeira, Catro Vellos Mariñeiros, A saia da Carolina, O Sancristan De Coimbra. ou mesmo o Himno Galego. O proxecto, desenvolvido pola editora Ton e Son, conta con arranxos de Rafa Crespo, Rubén Troitiño e Suso Atanes e inclúen instrumentos como acordeón, ukelele, flautas, gaitas ou tamboril que, segundo a discográfica, facilitan a interpretación dos temas. O volume sairá á venda a partir do 1 de decembro a un prezo de 10,95 euros.
2naFronteira musican poemas en Alma
Xénero:
| 19 / 11 / 2013Textos de Paz Andrade, Lorca, Curros Enríquez, Manuel Rivas, Pessoa, Rosalía de Castro e Celso Emilio Ferreiro atópanse en Alma o segundo disco de 2naFronteira. O dúo composto por Carmen Penim e o pianista Maurizio Polsinelli versionan con sons clásicos e ritmos tirados da tradición textos destes autores. O dúo está a presentar o álbum, editado por Inquedanzas Sonoras, en diferentes lugares do país. Para o vindeiro 21 de novembro está prevista a súa actuación na libraría viguesa Andel e o día 30 darán un recital no Liceo de Ourense.
A danza das moscas arrinca con forza
Xénero:
| 18 / 11 / 2013Lanzouse o pasado 12 de novembro e o pasado día 15 era declarado como un dos tres finalistas dos Premios da Música de Galicia na categoría de folk. A danza das moscas, o disco debut de Caxade en solitario arrinca con forza. O volume, do que xa se adiantaran varios singles como Gente pota ou Sr. Xorda achega un total de once temas nos que se funde a música de raíz con sons indies, explorando as sonoridades dos metais e unha grande importancia do acordeón. O disco gravouse nos estudios A Ponte de Compostela e sae editado da man da plataforma Discos da Máquina a un prezo de dez euros.
Dez bandas colaboran no primeiro libro-disco dos Bolechas
Xénero:
| 14 / 11 / 2013Da música tradicional ao rap a pasar polo pop. O primeiro libro-disco dos Bolechas, que se presentou esta semana, toca todos os estilos da man de dez grupos galegos. Pandeiromus, O Sonoro Maxín, Novedades Carminha, Ataque Escampe, Sés, Transilvanians, The Homens, Eladio y los Seres Queridos, Álex Casanova e AID achegan ao proxecto cadanseu tema inédito. Os Bolechas fan unha banda foi editado por Bolanda, e inclúe ademais un libro ilustrado por Pepe Cararreiro sobre os irmáns máis coñecidos polas crianzas do país.
O grupo UN denuncia a situación social en Estado de shock
Xénero:
| 13 / 11 / 2013UN é o proxecto dun músico anónimo que se sumou en 2011 a outros cinco, asimesmo descoñecidos. Agora, a iniciativa presenta Estado de shock, un CD no que recollen dez temas nos que denuncian diferentes aspectos do sistema capitalista e da crise financeira que estamos a vivir. Temas como Evasión, o seu primeiro single, Banqueiro indultado ou Flechazo na cola do paro amosan a liña do grupo, que centra as súas composicións na denuncia social e nas relacións persoais. O disco, autoeditado, xa está á venda, e os responsables do proxecto anuncian vindeiras actuacións ao vivo nas que se coñecerá a identidade dos seus compoñentes.
VerSons amosa a versatilidade de Abe Rábade
Xénero:
| 12 / 11 / 2013Once versións de temas do máis variado, desde a tradición galega ata composicións barrocas e temas de jazz. A Carolina, No niño novo do vento ou Four in one son algúns dos temas que Abe Rábade se atreve a reinterpretar en VerSons, o seu novo disco. Desta volta, o pianista acompáñase de Pablo Martín Caminero, ao contrabaixo e de Bruno Pedroso na batería. O disco, coeditado por Nuba e Karonte Records, presentarase o vindeiro 13 de novembro no Círculo de Belas Artes de Madrid e no Teatro Principal de Compostela o 22 de decembro.
Xerais lanza A miña primeira Rosalía
Xénero:
| 7 / 11 / 2013O pasado 1 de novembro presentábase no Teatro Principal de Compostela A miña primeira Rosalía. O disco editado por Xerais, segue a senda de O meu primeiro Celso Emilio e, como aquel está coordinado por Xosé e Xiana Lastra. Interpretacións de Mini, Mero, Xiana Lastra e María Manuela danlle son aos versos da poeta de padrón en doce temas como No ceo, azul crarísimo, O forno está sin pan, Negra sombra e A xusticia pola man.
Cé Orquestra Pantasma debuta con Do meu
Xénero:
| 4 / 11 / 2013Logo de anos a percorrer festivais, feiras e eventos por todo o país, Cé Orquestra Pantasma, o proxecto unipersoal de César Freiría, presenta o seu primeiro álbum. Do meu achega once temas de composición propia que manteñen o ton festeiro dos directos deste artista. No entanto, o home orquestra incorporou nas sesións do estudio A Lagharteira de Arcade colaboradores como o "coro trangalleiro das Bocas Neghras", o "Coro Miudo de Ghamusinos" ou Arantxa do Mundo, que achega a voz solista a varios dos temas. Logo da presentación o pasado 12 de outubro en Vigo, a vindeira cita co artista será o dia 31 no magosto de Meira.
GalicianTunes presenta a participación galega no Womex
Xénero:
| 22 / 10 / 2013GalicianTunes presentaba esta maña a representación galega no festival internacional Womex, que se celebra en Cardif entre o 23 e o 27 deste mes. aCentralFolque, Casa das Crechas, a asociación Clubtura, e os selos Nalgures, Fol Música/Boa e Mar Maior/Mirmidón participarán neste evento da man da marca para a proxección exterior da nosa música. A coincidir coa presenza neste festival, GalicianTunes presentaba a compilación Road to Womex 2013, unha selección de 25 temas de artistas galegos que se poden escoitar no seu web. No marco do festival, Xosé Manuel Budiño realizará un showcase o vindeiro neres 25.
Luís Emilio Batallán volta con Había que chegar
Xénero:
| 16 / 10 / 2013Un clásico da nosa música, Luís Emilio Batallán, retorna á actualidade discográfica co lanzamento de Había que chegar. Gravado en Cuba, Estados Unidos e Reino Unido, e con produción de Pablo Milanés, o cantautor afástase do seu estilo máis habitual a incorporar ritmos de jazz e latinos. O volume, que sairá á venda o vindeiro mes de novembro, contén temas propios como Viva Lalín aínda que traballa tamén textos de poetas galegos como Cunqueiro ou María Mariño. Tres concertos en Vigo (16 de outubro), Compostela (17) e Pontevedra (18) serven de presentación deste novo proxecto.