Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Aínda é o primeiro disco de Alba María
Xénero:
| 11 / 12 / 2014O Culturgal acollía a pasada fin de semana o concerto de presentación de Aínda. Alba María, gañadora do I Certame de Canción de Autor en Galego do Concello de Teto, comeza con este traballo a súa carraeira discográfica. Central Folque edita un disco no que a moza de 19 anos amosa as súas habilidades como compositora e intérprete. Alba María conta con colaboracións como as de José Manuel Díaz e Alejandro Vargas, arranxistas do disco, ou as de músicos como Pedro Pascual, Óscar Fernández, Gutier Álvarez ou Felipe Villar. Letras de calidade nas que o lirismo non esquece cuestións de xénero e sociais arroupadas por unha coidada ambientación musical amosan o potencial desta nova creadora.
Os cantareiros de Maghúa presentan o seu segundo traballo
Xénero:
| 9 / 12 / 2014A recuperar o material dun intenso traballo de recollida o grupo de cantareiros Maghúa lanza, da man de Inquedanzas Sonoras, o seu segundo traballo. Matria achega once novos temas nos que estes catro homes encarnan a tradición coas súas voces e percusión, con títulos como Barro de Arén, Queimadelos ou Liñares. Logo de visitar o Culturgal, o vindeiro sábado 13 o grupo visita o local coruñés A Repichoca para dar coñecer este novo traballo. O mesmo día darán a coñecer tamén o primeiro vídeo do disco.
Mamá Cabra para na Estación Nadal
Xénero:
| 5 / 12 / 2014A reclamar a existencia dunha quinta estación no ano, a Estación Nadal, Mama Cabra presenta o seu novo traballo. A colección Sonárbore de Galaxia achega a nova proposta do grupo, chea de temas ambientados nesta época como Panxoliña, Nadal no San Xoán, Os reis en Santo André ou O Apalpador. O grupo presentará o traballo no Culturgal, cun concerto no espazo infantil o vindeiro domingo 7 ás 13:30 horas.
Non hai berce coma o colo actualiza arrolos tradicionais
Xénero:
| 4 / 12 / 2014Unha selección de quince cantos tradicionais para durmir. Esta é a proposta de Non hai berce coma o colo, o novo libro-CD que publica Kalandraka e no que Paulo Nogueira e Magoia Bodega ofertan unha escolma de temas recollidos por toda Galicia e actualizados. O proxecto, que conta con ilustracións de Mariona Cabassa, incorpora as voces de Sonia Lebedinsky, Mini e Merchi de Leilía, así como a música de César Longa, de Treixadura, Pancho Álvarez, Begoña Riobó e Segundo Grandío.
Luar na Lubre publica o concerto Torre de Bregoghán
Xénero:
| 3 / 12 / 2014Os dous concertos que Luar na Lubre ofertou os pasados días 21 e 22 de xuño na Coruña coa Orquestra Sinfónica de Galicia son a base do novo álbum desta formación. Torre de Breoghán recolle a gravación ao vivo dos recitais deste espectáculo, nun digipack que inclúe 25 temas e máis un DVD. Para alén da banda sonora composta especificamente para a obra, o álbum inclúe unha selección de temas tradicionais como A Carolina canda a clásicos do conxunto como O son do ar.
Pulpiño Viascón reinterpreta a tradición cunha Gameboy
Xénero:
| 2 / 12 / 2014Cancións gravadas ao vivo, sen postprodución nin efectos e artelladas unicamente mediante unha consola Gameboy. Esta é a proposta do proxecto Chiptune Galicia, a nova aventura de Pulpiño Viascón. O músico acaba de presentar en Soundcloud Bravúboy, unha colección de oito temas neste estilo, que se caracteriza polo son retro que lembra os videoxogos dos anos oitenta e noventa. Pezas populares como a Pasodobre de San Roque ou Quen teña viño pasan polo filtro dos procesadores de oito bits nesta curiosa proposta na que se mestura o tradicional co electrónico.
Pirilampo súmase aos libros-CD con Lucecús
Xénero:
| 25 / 11 / 2014A colección Sonárbore de libros-discos de Galaxia conta cunha nova incorporación. O grupo Pirilampo presenta o vindeiro 29 de novembro Lucecús, o seu terceiro traballo neste campo. O proxecto achega dez temas nos que os sons tradicionais marcan o ton. Xogos de voces, frauta, acordeón, guitarra, percusión, batería, baixo e gaita arroupan cancións de berce sobre Pedro Chosco, un tema sobre o Apalpador, outro sobre bruxas ou o que ten o Tío Nicanor e os seus animais como protagonistas. Logo da presentación na viguesa Casa do Libro o 29, o grupo visitará o Culturgal o 7 de decembro e mais o Museo de Arte Contemporánea da Coruña o día 14 dese mesmo mes.
Guadi Galego sae do folk en Lúas de outubro e agosto
Xénero:
| 24 / 11 / 2014Dez temas de letras reflexivas e maduras nos que a voz de Guadi Galego sae do rexistro folk. Esta é a aposta que ex-cantante de Berrogüetto fai con Lúas de outubro e agosto, o seu segundo álbum, que sae á venda mañá, 25 de novembro a coincidir co Día contra a Violencia de Xénero. Arranxos eléctricos con aires jazz, baixos e baterías conviven co acordeón de Santi Cribeiro e o clarinete de Pablo Pascual no que supón un achegamento da cantante ao pop melódico. A maior parte dos temas do volume foron compostos pola propia Galego e graváronse nos estudios Alis Records de Baeza. O álbum sae á venda da man de Fol Música, e o seu primeiro single, Matriarcas acadou un éxito fulminante en Youtube, co preto de 15.000 visualizacións en só dous días.
Ai veñen os Tanto nos ten con Entre néboas
Xénero:
| 21 / 11 / 2014Con sete anos de traxectoria ás costas, Tanto nos ten continúa coa súa aposta pola "música tradiciona furtiva", a combinación de sons tradicionais, letras retranqueiras e compromiso coa que pretenden "converter nunha festa cada unha das nosas intervencións". Agora, chegan con Entre néboas o seu segundo traballo discográfico, no que melodías e letras tradicionais soan cun coidado acompañamento de bombo, tamboril, tamboril, gaitas, frautas, clarinete, acordeón e pandeireta. O álbum autoeditado, gravouse en directo, foi producido no estudio A Ponte. O grupo atópase en plena xira de presentación. A vindeira cita está prevista o vindeiro 29 de novembro e A Arca de Noe (Vilar de Santos), e continuará pola Casa dos Druídas de Vilaboa (6 de decembro), o Nadal Cultural de Rebordáns (Tui, 7 de decembro) e A Repichoca (A Coruña, 12 de decembro).
Pandeiromus abre con Teño días unha triloxía discográfica
Xénero:
| 14 / 11 / 2014Tres discos que verán a luz entre este mes de novembro o final de 2015 compoñen a triloxía Teño días, teño noites, coa que Pandeiromus volta, logo de varios anos, ao estudio de gravación. Temas tradicionais e versións musicadas de textos de Sechu Sende ou Xabier Picallo compoñen a nova proposta do grupo, sempre baseada nas voces masculinas e na percusión. Logo de estrear este repertorio ao longo do verán no espectáculo Verbena galega o grupo presenta mañá, en Terractiva, a feira ecolóxica de Arzúa, Teño días, primeiro volume da triloxía que inclúe os temas Teño días, Sempre Morgan, Sete cuncas e mais Unha muller e outra muller e que está á venda por cinco euros.