Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Ith lanza Forte, o seu primeiro traballo de estudo
Xénero: | 26 / 5 / 2015
Temas con guitarras potentes e potentes voces femininas con ecos de rock duro marcan o novo traballo de Ith. A banda de Mesía presenta Forte, o seu primeiro traballo de estudo logo de varias maquetas e un álbum ao vivo. A continuar a súa aposta polo pop-rock, o grupo achega trece novos temas en galego nos que destaca o traballo vocal de Lucía da Fonte. Canda a ela Gonzalo Suárez, Toxo, Miguel Iglesias e Miguel Folgueira completan o proxecto, que está a desenvolver diferentes concertos de presentación por todo o país. A vindeira cita será o seis de xuño no I Festival Folck Rock de Grixalba.
Carapaus retornan con Déixao andar...
Xénero: | 13 / 5 / 2015
Trece temas nos que se mesturan pezas populares como a Foliada de Trabanca ou os pasodobres dos Portelas e de Manuel Viqueira, con composicións de Emilio Lois e letras de Sabela Galbán, Gustavo Couto e Sés, que achega texto e música no Canto de Baltasar. Esta é a proposta do segundo disco dos Carapaus, que se presenta ao vivo o vindeiro 16 de maio na Sala Capitol ás 21:30.
Pablo Vidal Trío debuta con Jazz pagano
Xénero: | 6 / 5 / 2015
O Jazz Filloa acolle ás 10 desta noite a presentación de Jazz pagano o disco co se presenta Pablo Vidal Trío. A formación conta co propio Vidal ao contrabaixo, a quen acompañan Noli Torres na batería e Gabriel Peso a cargo do piano. O álbum, editado por Aldeaglobal sons, achega oito temas dedicados ao mar, e fai parte dunha tetraloxía que o grupo pretende completar no futuro. Canda aos músicos, pódese escoitar a voz de Uxía en O canto da serea e en Alalá das sereas onde se evidencia a intención de traballar nunha fusión entre jazz e tradición galega.
Zënzar vai polo dez con Camiñando entre serpes
Xénero: | 5 / 5 / 2015
Once novos temas de rock reivindicativo e poesía urbana. A banda decana do rock en galego, Zënzar, chega ao seu décimo álbum con Camiñando entre serpes. No novo traballo, gravado nos estudios de Javier Abreu, a banda achega un son máis directo que se gravou ao vivo. Temas como Cortina a versionar un poema de Díaz Castro, Nada que perder ou A xente fala adiantan un traballo que está xa dispoñible na rede e que conta coas colaboracións de José M. Ares á gaita e de Xenderal á voz e ao beatbox.
Esquíos dá no centro co seu novo traballo
Xénero: | 4 / 5 / 2015
O vindeiro 16 de maio a Sala Puticlú da Coruña acollerá a estrea do novo traballo de Esquíos. A diana somos tod@s achega once novos temas nos que o grupo aborda "o noso momento vital actual e que reflicten a nosa carraxe co que está a pasar a nivel político e social, que amosan o noso lado máis combativo tanto a nivel lírico coma musical". O Bonham estudios da Coruña foron o escenario no que o grupo se fechou durante dous días para darlle forma a un traballo marcado polas guitarras e as letras de denuncia marcan. A Praza da Feira (A Estrada), o día 17 e o Cachán de Compostela o 29 serán a vindeiras citas na xira de presentación da banda.
Abe Rábade celebra o Día do Jazz coa Real Filharmonía de Galicia
Xénero: | 30 / 4 / 2015
Programa de altura e orixinalidade esta noite no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. Co gallo do Día Internacional do jazz, o trío Abe Rábade ofrecerá un concerto acompañado da Real Filharmonía de Galicia. As formacións interpretarán sinfonías de Aaron Copland e Kurt Weil na primeira parte. Na segunda, os asistentes poderán escoitar as pezas de jazz escritas para a ocasión por Abe Rábade, baixo o título de Tránsitos.
Riobó retorna con Quiral
Xénero: | 24 / 4 / 2015
Temas da tradición interpretados co virtuosismo do folk contemporáneo. Esta é a proposta na que afonda Riobó con Quiral, o seu segundo disco. Gaita, da man de Marcos Campos, frauta e requinta, con Fernando Pérez, a guitarra de Fernando Barroso, o bouzouki de Xosé Liz, e mais o violín de Begoña Riobó acompañan melodías que en moitos casos recollen o xeito de tocar das Rías Baixas. Nove temas instrumentais amosan o bo facer do quinteto, que comeza a finais deste mes de abril a súa xira de presentación.
aCentral Folque recupera a Florencio, cego dos Vilares
Xénero: | 21 / 4 / 2015
Unha selección das gravacións que realizaron entre 1979 e 1981 Antón Santamarina e Dorothé Schubarth poden escoitarse agora en Florencio, cego dos Vilares. aCentral Folque presenta na súa colección Chave Mestra este libro CD que afonda na figura deste músico, un dos últimos representantes da tradición de cegos ambulantes.
Why Go achégase á cultura do país en Kara
Xénero: | 17 / 4 / 2015
Rock progresivo, jazz ou pop atópanse en Kara. A banda viguesa Why Go presenta o seu segundo traballo como unha obra conceptucal en formato libro-CD no que a música actúa como banda sonora. A historia de Kara, unha nena que vive nun futuro no que o ser humano está case extinto, serve como eixe para unha proposta musical na que predominan tonos sombrizos e unha instrumentación complexa, nas que as cordas van mesturadas con arranxos eléctricos e percusións. O álbum cantado integramente en galego, é un dos finalistas dos Premios da Música Independente ao mellor traballo na nosa lingua.
O libro-disco Pazos de Merexo afonda na historia do acordeón
Xénero: | 14 / 4 / 2015
Acaba de presentarse o libro-disco Pazos de Merexo, o acordeón diatónico da Costa da Morte, a primeira e única publicación que afonda na historia desta modalidade musical en Galicia. Esta monografía recolle os periplos vitais e as obras do repertorio de Pazos do Merexo, o último maestro do acordeón diatónico de Galicia. O libro conta con documentación gráfica, e se presenta ademais cun Cd no que se pode escoitar en versión orixinal unha selección de gravacións inéditas de Pazos do Merexo realizadas no últimos vinte anos polos investigadores Olga Kirk e Pablo Díaz.


